Xoves 28 Marzo 2024

O mosteiro de Samos ten gravada a inscrición ‘Que miras bobo’ dende o século XVI

O curioso lema atribúese ao mestre canteiro Pedro Rodrígues, quen se ocupou dos traballos de reconstrución do edificio

Que miras bobo? Esa é a curiosa inscrición que decora un dos medallóns de pedra do mosteiro de Samos e que, curiosamente, coincide coa pronunciada polo futbolista Leo Messi no Mundial de Qatar. O lema galego pódese ver paseando polo claustro gótico, construído sobre o anterior de estilo románico, que foi destruído por un incendio a mediados do século XVI. Na web do mosteiro fan referencia ao rechamante gravado como bo exemplo da “picaresca medieval”. As letras vermellas fan que a inscrición, escrita “en forma xeroglífica”, sexa aínda máis atractiva a ollos do lector. Ao parecer, esta frase humorística é atribuída a Pedro Rodrígues, un mestre canteiro monfortino que se encargou de levar a cabo as obras da reconstrución do claustro entre 1562 e 1582.

A incrición é un dos achados máis curiosos do tamén chamado claustro das Nereidas, de planta cadrada e cunha pedra moi traballada. No tramo de bóveda situado ante a porta do refectorio confírmase a data de comezo e final da reconstrución, así como o nome do mestre de obras encargado dos traballos. Dende o mosteiro especifican que estes datos só se corresponden coa planta baixa e que o nome do pícaro arquitecto é o do “Pedro Rodrigues natural de Monforte”, tal e como aparece inscrito na pedra do claustro. A súa variada e traballada ornamentación contrasta co claustro de Feijoo, máis austero.

Publicidade

Vista xeral do mosteiro de Samos. Crédito: Wikimedia Commons / José Antonio Gil Martínez
Vista xeral do mosteiro de Samos. Crédito: Wikimedia Commons / José Antonio Gil Martínez

Un importante complexo monástico

O mosteiro está situado xunto ao río Sarria e adoita chamar a atención dos visitantes polas súas amplias dimensións. Malia que dende fóra proxecta unha imaxe de austeridade, isto contrasta cos seus claustros, construídos en pedra de granito. Mais especificamente co claustro gótico, onde aparece a curiosa inscrición de Que miras bobo. No que respecta á orixe do nome, é de ascendencia visigoda. Durante séculos foi coñecido como Mosteiro de Sámanos pero co paso do tempo foi reducido a Samos, como é coñecido actualmente. Ademais, é o mosteiro habitado máis antigo de España, segund afirman na súa páxina.

Os monxes do mosteiro son beneditinos e non se sabe con certeza en que momento pasaron a ser designados como tal. Estímase que puido ser a mediados do século X. Outra das aproximacións temporais é que, por unha lápida, sábese que a mediados do século VII o bispo de Lugo, Ermefredo, restaura o mosteiro. Máis alá da súa importancia histórica e actual e da súa pegada na arte, con diferentes estilos entre os que se inclúen o románico e o gótico, o mosteiro de Samos atopa un oco na historia da picaresca medieval. O humor do mestre canteiro sobreviviu ao paso do tempo e a inscrición xeroglífica consérvase intacta. Que miras bobo?, preguntarache Pedro Rodrígues se paseas polo claustro. É unha forma de avisarte de que desfrutes ben da visita e non te distraias con tanta facilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo suxire que os polbos teñen pesadelos

Un equipo de Nova York filma en repetidas ocasións como un macho esperta violentamente, como se tivera un trastorno do sono

Un estudo dá conta do rol do mosteiro de Samos como nexo de unión entre Galicia e O Bierzo

Investigadores internacionais fan unha análise interdisciplinaria que sitúa na Idade do Ferro o comezo da formación desa paisaxe socalcada

O ‘que miras bobo’ de Samos e outras curiosas figuras dos canteiros galegos

Sorrisos pícaros, autorretratos medievais e traseiros a modo de desaugadoiros son algúns dos exemplos desta arte en pedra

A única caca cúbica do mundo animal… un novo estudo explica o porqué

Un novo traballo científico atopa no intestino do wombat a razón pola que defecan estas 'bostas' poliédricas que asombran entre os mamíferos