A retranca tamén deixa pegada material. Boa mostra do noso sentido do humor son as curiosas inscricións e figuras que os canteiros galegos foron tallando ao longo da historia. Un dos casos máis sobresaíntes e rechamantes é o do mosteiro de Samos, cun lema gravado nun medallón de pedra. Está situado no teito do claustro gótico e todos aqueles que alcen a cabeza poderán ler: Que miras bobo. A inscrición, atribuída a Pedro Rodrígues no século XVI, non é a única mostra da picaresca medieval. A catedral de Santiago é, entre outros edificios, unha boa mostra da mellor retranca dos canteiros.
O primeiro selfie da historia
A historiadora británica Jennifer Alexander descubriu unha figura masculina decorando un dos capiteis da catedral da Santiago. Segundo a análise realizada por Alexander, o personaxe tallado en pedra pode ser o autorretrato dun canteiro que traballou na catedral no século XII. É dicir, podería considerarse o primeiro selfie da historia. Tal e como explicou a historiadora, puido ser unha forma de deixar a súa pegada na construción e non resignarse ao anonimato. Malia que ela o considerou un descubrimento, dende a catedral de Santiago indicaron que a figura xa estaba documentada.
“Unha adoita encontrar isto en edificios medievais. Polo xeral están en recunchos escuros onde só outro canteiro os atoparía. Este está escondido entre un conxunto completo de capiteis que, polo demais, son simples”, dixo Alexander en declaracións recollidas por Ancient Pages en 2020, ano no que transcendeu o descubrimento. “Esta figura é unha conexión entre nós a persoa que a tallou. É como se a deseñara para que a viran as persoas que traballan no templo. É probable que o canteiro non imaxinase que iamos tardar tanto en descubrilo”, apuntou a experta. Naquel momento tamén salientou as habilidades destes profesionais, que debían ter coñecementos de enxeñaría, subministro de materiais e contratación.
Unha gárgola en posición comprometida
Nas inmediacións da catedral de Santiago hai unha gárgola que chama a atención pola súa posición comprometida. Está situada no Hostal dos Reis Católicos e representa a unha persoa defecando. En realidade, esta imaxe tallada en pedra serviría como desaugadoiro, igual que o resto de figuras de animais que decoran a fachada do edificio. Esta nova mostra de picaresca tamén foi construída durante a Idade Media. O que hoxe é un hostal foi un antigo hospital de peregrinos que mandaron levantar os Reis Católicos. O proxecto correu ao cargo do arquitecto Enrique Egas, segundo refiren na web do hostal. Despois de 10 anos de edificación e un laborioso traballo de fontes, gárgolas, tallas e patios, o hospital abriu as súas portas en 1509. A mediados dos anos 50 do século XX foi transformado en parador.
Os outros segredos da catedral
Unha das lendas máis coñecidas e asociadas á catedral de Santiago é a do profeta Daniel. A súa figura tallada en pedra pode verse no Pórtico da Gloria. O máis rechamante da imaxe está no seu rostro, que mostra un enigmático sorriso. Segundo a cultura popular, a súa risa mostra certa picaresca posto que se vincula coa contemplación dos peitos voluptuosos dunha muller —algúns din que se corresponde a Esther e outros á raíña de Saba—. Dada esta asociación, e seguindo sempre a versión lendaria, a Igrexa mandou reducir o peito da figura. O pobo, en protesta, comezou a elaborar o coñecido queixo de tetilla como forma de rebelarse contra a decisión eclesiática.
Na catedral tamén hai outra das figuras máis retranqueiras dos canteiros medievais galegos. Segundo a información recollida polo blog Turismo.gal nun dos capiteis da zona das cubertas do templo pódese ver un traseiro esculpido en pedra que, segundo algúns expertos, puido ser unha forma de protestar contra as malas condicións laborais durante a construción do edificio. Do que non cabe dúbida é do sarcasmo e da habilidade dos canteiros galegos para protestar ou simplemente deixar a súa pegada na historia a través do humor; sexa a través de nádegas, sorrisos ou inscricións sorprendentes.