María Cibreira foi acusada de bruxería e torturada para que confesase os seus delitos. Obrigárona a espirse e, unha vez sobre o poldro, colocáronlle oito garrotes en cada perna. “Non mostraba sentimento de moita dor nin xamais botou bágoas polos ollos”, apunta un documento rescatado polo historiador Rodrigo Pousa Diéguez e datado en 1638 en Pazos de Arenteiro, unha parroquia do concello ourensán de Boborás. O 29 de xaneiro de 1639 someteron a María Cibreira a outro interrogatorio. Esta vez acusou a varios homes e mulleres da contorna de exercer a bruxería. Iso si, estaba baixo ameaza: se non confesaba, volvería ao poldro de tortura.
María Cibreira ponlle nome propio a un fenómeno que azoutou Europa entre finais do século XVI e comezos do XVII. Galicia non foi allea á denominada “febre das bruxas”, é dicir, á persecución indiscriminada de mulleres acusadas de ter relacións co demo, así como dunha longa lista de cargos sinalados no Malleus maleficarum, un tratado publicado a finais do século XV que foi empregado como unha verdadeira biblia polos cazadores de bruxas. Non obstante, a imaxe popular das mulleres queimadas na fogueira por voar en vasoira e manter relacións sexuais co demo non coincide cos procesos que se levaron a cabo en Galicia. A realidade era ben distinta.
O doutor en Historia pola Universidade de Vigo (UVigo) e investigador na Universidade de Santiago (USC) Rodrigo Pousa Diéguez está indagando na “febre das bruxas” en Galicia a través dos preitos civís datados entre os séculos XVI e XVII. Está a rescatar historias verdadeiramente sorprendentes polo inverosímil dalgunhas acusacións pero que tamén son documentos de inestimable valor para achegarse ás tradicións e á vida cotiá da época. Para comezar, Pousa Diéguez non fala de bruxas, un concepto que considera “completamente importado”. En Galicia existían as meigas, as beizoeiras e as curandeiras e as menciñeiras. “Aquí eran figuras apreciadas e necesarias para o pobo”, sinala.
“A realidade galega era tremendamente práctica. Sobre todo nun período onde os males físicos se relacionaban tanto cos males da alma e espirituais”, continúa analizando o historiador. Por iso eran necesarias as figuras de mulleres que solucionasen os problemas cotiás. Por exemplo, os de saúde e os do coidado das colleitas e do gando, que eran os principais modos de subsistencia. Pousa Diéguez tamén documentou procesos de mulleres acusadas de facer feitizos de namoramento, de asistir nos partos e de buscar remedio ante os “ventres caídos” e os asombramentos dos nenos nunha época con elevadas taxas de mortalidade infantil.
Un contexto marcado pola fama e as malas colleitas
O investigador da USC analiza só os procesos civís e non entra nos da Inquisición. Non obstante, a persecución da bruxería en Galicia foi especialmente intensa nun período de tempo que abrangue as últimas décadas do século XVI e as primeiras do XVII. Pero para entender a “febre das bruxas” hai que afondar nun contexto histórico delicado, marcado pola fame e as malas colleitas. “Houbo problemas co viño, cos cereais e incluso co peixe. Houbo que ir pescar á costa de Portugal porque nin sequera tiñamos sardiña. Tamén apareceu a peste e a xente necesitaba atopar culpables”, explica o investigador, quen matiza que moitos dos casos analizados agochan conflitos veciñais.

Ademais das pésimas condicións de vida, a antropóloga e profesora da USC Guadalupe Jiménez Esquinas apunta outros factores que crearon o caldo de cultivo perfecto para a persecución das mulleres acusadas de bruxería. “Coincide co nacemento da modernidade, que non se construíu sobre as luces, senón sobre un poldro de tortura”, apunta. E menciona as teorías desenvolvidas pola filósofa estadounidense Silvia Federici, quen define a aparición dunha “nova orde social capitalista, patriarcal e colonial”. Ademais, en Galicia, apunta Jiménez Esquinas, a crise do sistema feudal materializouse nas revoltas irmandiñas que puxeron en xaque o sistema imperante ata o momento.
Amais deste profundo cambio nas dinámicas políticas, sociais e económicas, tamén se produciu un na política sexual e poboacional. A profesora da USC explica que tras varias epidemias que desestabilizaron a pirámide demográfica, o poder centrou o seu esforzo en promover a fecundidade. “Era necesario repoñer a man de obra perdida. Todo o que era unha sexualidade non procreativa, como a viuvez, a solteiría, o control reprodutivo e a anticoncepción era perseguido. As figuras das parteiras comezaron a verse como potencialmente perigosas”, indica.
O mito da bruxa
Así é como, progresivamente, vai nacendo o mito da bruxa. “Xorde na cabeza das clases altas, dos xuíces e dos burócratas”, sentenza Jiménez Esquinas. Moitas das mulleres perseguidas en Galicia, apunta a investigadora, eran persoas que vivían á marxe e que representaban outro tipo de racionalidade. Incluso, moitas delas superaban os 50 anos e ata atopou casos dalgunhas que chegaban aos 80. “Foron perseguidas por ter poderes sobre a sexualidade, por estar organizadas sen depender dun marido ou dun cura e por ter coñecemento empírico”, continúa a profesora da USC. É dicir, por cumprir unha función social coa que trataban de resolver os problemas cotiás.
A este respecto, Pousa Diéguez engade que moitas das mulleres acusadas e perseguidas polos tribunais civís asumían os coñecementos por herdanza. De feito, chegou a rexistrar esta expresión: “Maldita a nai que non ensina a súa filla a meigar”. Na documentación sobre María Cibreira, cando esta acusa a outras veciñas e veciños dos mesmos delitos que se lle atribuían a ela, declara que aprenderon a bruxería da que se lles acusa das súas nais, pero tamén dos seus pais.
O investigador da USC sinala outro aspecto especialmente interesante sobre o perfil das galegas acusadas de bruxería. “Moitas eran mulleres cultas. Algunha incluso chega a recitar durante a tortura un parágrafo en latín. O escribán transcríbeo tan mal que parece que está escrito nunha lingua estraña”, sinala. Os que analiza Pousa Diéguez son textos de inestimable valor, incluso polo uso do galego en plenos séculos escuros, dado que aparecen citas literais e pequenos fragmentos na nosa lingua.
As particularidades da realidade galega
Pese a que non cabe dúbida de que a febre das bruxas chegou a Galicia, Pousa Diéguez e Jiménez Esquinas coinciden nun aspecto fundamental: a histeria colectiva documentada noutras partes de Europa, como Alemaña, ou incluso no famoso xuízo de Salem, dista do acontecido en Galicia. “As mulleres, cando eran torturadas, non sabían que tiñan que declarar. No interrogatorio as respostas estaban incluídas nas preguntas. O que buscaban as autoridades era unha confesión condenatoria e rematar co proceso”, precisa Pousa Diéguez.
“No acervo cultural das galegas non entraba o voar en vasoira. Non sabían que responder cando lles preguntaban que sentían ao manter relacións sexuais co demo. De feito, eran alleas ao ideario porque tamén acusaron os homes. Iso si, despois a xustiza excluíaos das causas por bruxería”, afirma o investigador da USC. Por tanto, a idea da bruxa non é algo que naza da sociedade galega da época, senón da mente dos xuíces, letrados e burócratas que as axustizaron e que adoitaban provir de fóra. De feito, Pousa Diéguez detecta un patrón: moitos veciños aproveitaron estes procesos para resolver conflitos cotiás. Por exemplo, argumentaban bruxería cando, en realidade, as ovellas dun lle comeran a viña ao outro. “Estes foron os problemas reais da comunidade”, di o historiador.
Ademais desta instrumentalización da acusación de bruxería para resolver calquera liorta doméstica, este tipo de procesos adoitaban ser unha mestura entre o pagán e o relixioso. De feito, nos testemuños escritos recuperados por Pousa Diéguez figuran oracións a Deus e bendicións para curar o mal de ollo e outras doenzas irracionais. “Os cregos participaban nestas prácticas. Estaban criados e incluídos exactamente igual que os demais no sistema cultural e mental da época. Naquel momento tampouco existían seminarios onde formarse, retirarse e estudar durante anos”, sinala o investigador da USC, quen esboza algunhas das causas desa relación simbiótica entre a crenza popular e a relixión.

Dos gatos negros á cirurxiá dos ollos
O historiador documenta decenas de procesos civís por bruxería na época, pero hai algúns que chaman especialmente a atención pola súa inverosimilitude. Un deles está localizado en Xinzo de Limia, onde se sinalou a dúas mulleres de transfigurarse en gatos negros e morderlle os pés aos veciños. O texto relata como os acusadores mantivéronse espertos toda a noite para conseguir probas: “Mordeuno moi malamente nunha man e as dentadas parecían dentes de cristián por seren anchas e non agudas”. E esa era a proba definitiva: que a ferida non se correspondía coa dun animal.
Outro caso rechamante é o de María Vázquez, datado en 1607 no actual concello coruñés de Mañón. Na documentación é denominada“case cirurxiá de ollos” e acúsana de non ter licenza para exercer, así como de causar cegueira, sacar ollos e roubar os cartos dos seus pacientes. Tamén é interesante un caso documentado en Campo Lameiro, onde sinalaron a varias mulleres de estar bailando co demo ao lado do río na noite de San Xoán. “Todo semella moi deliberado porque os veciños non adoitan declarar que viron o diaño, senón que simplemente apreciaron cousas estrañas”, explica Pousa Diéguez.
Condenadas por bruxería
Cada caso merece ser examinado de maneira individual porque todos agochan, pese á imaxe de inverosimilitude, conflitos veciñais e unha mentalidade mediatizada polos estereotipos extremos cara ás mulleres. Malia que estes casos, aos ollos de hoxe, semellen irracionais, as acusacións por bruxería custaron caro ás detidas. As condenas analizadas polo historiador da USC son graves, malia que non sempre se coñeza como se executaron. Esta información rexistrábase nuns libros que xa non se conservan, debido a un cambio de todo o aparello xudicial no século XIX.
Unha das penas documentadas por Pousa Diéguez para este tipo de delitos foi a condena a galeras. É dicir, remar nos barcos que ían a América. “Podía supor a morte por mil factores diferentes. No camiño do Atlántico ían remando no fondo da galera en durísimas condicións. Era unha condena de difícil supervivencia e era case máis rápido que impuxeran a pena capital“, analiza Pousa Diéguez. Esta última tamén aparece nalgúns dos textos analizados, pero descoñécese de que forma foi executada: se o aforcamento, a queima na fogueira… Outra pena probable era o desterro.
“A diferenza de hoxe, non impoñían a pena máis grave, senón que eran acumulativas. Podíante condenar a ser queimada e descuartizada, e aplicábanse todas“, explica. Amais diso, estes castigos tiñan un carácter aleccionador: servían para ensinarlle ao pobo a que se expoñía se non seguía as normas, por moi estritas e absurdas que fosen. Así é que moitos dos cadáveres se exhibían nas prazas públicas. “Eran espazos moi negros”, sostén.
Mellora das condicións de vida
Foi un tempo marcado polas tebras, a persecución das mulleres por motivos irracionais e a aplicación de condenas extremas. Non obstante, esta caza de bruxas indiscriminada, polo menos nos tribunais civís, decae despois do primeiro terzo do século XVII. “A chegada do millo de América supuxo unha solución á crise agrícola. Probablemente tamén melloraron as condicións climatolóxicas e remitiu a peste”, enumera Pousa Diéguez. Por tanto, se hai menos fame e as colleitas son prósperas, tamén diminúe a conflitividade. E isto redunda nunha curación progresiva da febre das bruxas.
Non obstante, Jiménez Esquinas cre que a persecución das mulleres permaneceu nos séculos seguintes, aínda que talvez con menor relevancia xudicial. “Hai algún autor que aínda nos séculos XVIII e XIX relata casos, como os dunha señora marxinal que é perseguida polos rapaces do pobo a pedradas. Aínda que remate a maquinaria brutal, hai signos desta persecución ata o século XIX“, argumenta. O certo é que pese a estas décadas negras do XVI e do XVII, nas que se fustrigou insistentemente ás mulleres con certos coñecementos, fosen estes da índole que fosen, non se conseguiu rematar con esa tradición de menciñeiras, curandeiras, meigas, benzoeiras, ou o nome que queiran recibir.
Ata hoxe
“Eran formas de coñecemento, experiencias, intencións e coidados”, describe Jiménez Esquinas, con independencia das bases empíricas nas que se baseasen os coñecementos de curación. Uns coñecementos que aínda chegan a día de hoxe, como ela mesma corrobora nos seus traballos de campo. Unha muller do Piornedo á que entrevistou contoulle que un menciñeiro da zona, cando ela era nova, sabía curar enfermidades oculares. “Un dos métodos era poñer excrementos de lagarto ocelado nos ollos. Ou crían nisto ou morrían, porque para ir ao médico tiñan que desprazarse dúas horas ata Lugo. O certo é que este método ten certa evidencia científica. Este tipo de excrementos ten urea, un cicatrizante espectacular”, relata a antropóloga.
Un dos testemuños máis valiosos do saber popular son os rexistros gráficos e sonoros do antropólogo danés Gustav Henningsen, que viviu en Galicia xunto coa súa muller Marisa Rey, de raíces galegas, para estudar estas crenzas dende a perspectiva científica. Eran os anos sesenta e documentou en máis de 2.000 fotografías e máis dun cento de horas de audio unha realidade propia: dende os amuletos para protexer as vacas do mal de ollo ata tradicións que perviven hoxe, como o ritual das nove ondas da Lanzada e o lavado de cara coas herbas do San Xoán.
Rescatar a memoria
O traballo de Pousa Diéguez rescata unha historia esquecida: a das mulleres condenadas por bruxería en Galicia. Decenas de relatos ocultos polo transcorrer dos séculos que agochan un fenómeno arrepiante e indiscriminado. “Esa nova orde social patriarcal foi tremendamente inxusta. As mulleres representaban unha alteridade; unha forma distinta de racionalidade que foi perseguida. Temos que recuperalas como parte da nosa memoria histórica“, reivindica Jiménez Esquinas.
O relato cambiou. O merchandising nos tempos da Internet é unha ferramenta extraordinariamente potente. As camisetas que reivindican as figuras das bruxas e das meigas están á orde do día, igual que os impresos nas bolsas de tea e en calquera obxecto cotiá. Aínda que viaxen en vasoira e fagan feitizos xa non son consideradas perigosas, senón todo o contrario: un símbolo. Somos as netas das bruxas que non conseguistes queimar xa é un lema internacional que, en certo modo, agocha unha realidade histórica: a das mulleres que loitan contra o relato patriarcal e honran a memoria, aínda sen sabelo, de María Cibreira e tantas outras.














O cheiro que chega desde o século XIV ata hoxe de PPodres e VómitOX.