O Canexol é un dos barrios máis emblemáticos de Ons. Mirando cara ao interior da ría de Pontevedra e coa praia do mesmo nome aos pés, descubriremos algunhas das pegadas máis importantes da historia desta illa.
O barrio de Canexol, localizado na parte sur da illa, é o que dá nome á praia. Este areal, ao atoparse máis afastado do porto, soporta menos carga turística. As súas augas azul turquesa convidan a mergullarse. Nelas poderemos gozar dunha gran variedade de vida mariña próxima á beira do mar.
Para a observación
Os hórreos do barrio de Canexol están clasificados como os máis grandes de toda a provincia, só superados en tamaño polos de Combarro. Atópanse arrimados a unha casa de estilo señorial, unha das poucas de dúas plantas, que era residencia da familia Montenegro, donos da illa naquel entón. Os hórreos eran empregados para almacenar os produtos agrícolas (millo e patacas) que lles cobraban aos veciños pola renda das casas, pois exercían sobre eles un poder feudal. A vivenda, a mediados do século XX pasou a ser colexio e, despois, lugar onde se celebraban os bailes os sábados.
Legado romano na praia de Canexol
No terraplén da praia de Canexol, aínda é posible ver restos dunha fábrica de salgadura da época romana. Segundo os estudios realizados, foi construída con posterioridade ao século I d. C., estando en funcionamento ata o IV d. C.
Aínda se pode observar parte dun muro de pedra granítica, con ambas caras traballadas e cimentadas. A base revestida de seixo, fragmentado e compactado, era empregada tipicamente na época romana para impermeabilizar estruturas hidráulicas, como canles ou alxibes.
Estudos recentes determinaron que todo o edificio constaba de tres estruturas que actualmente se atopan baixo o camiño por onde circulan os visitantes. Distinguíronse dúas fábricas e outros edificios asociados a un complexo industrial romano, como unha rampla de acceso dende a praia, que se utilizaría para subir o peixe ás fábricas. Este recente achado revela a importancia histórica das illas como lugar estratéxico, dentro dun contexto marítimo, que sentou as bases dunha cultura mariñeira que permaneceu case inalterada durante séculos.
A riqueza mariña á beira da praia
A praia de Canexol é o lugar idóneo para somerxerse e gozar da biodiversidade mariña. A pouca profundidade e o sistema rochoso que circunda o areal, convérteno no lugar ideal para observar in situ multitude de algas e esponxas mariñas de brillantes cores; invertebrados como as anémonas, ourizos ou estrugas de mar, e multitude de peixes nadando ao noso redor. Incluso podemos chegar a ver algún polbo se nos mantemos atentos nas fendas dalgunha rocha.














