“O meu gato adoita sentarse en aparellos que estou intentando usar”, “A miña gata é agresiva cando xoga coa xente”, “O meu gato adoita cazar criaturas pequenas, como paxaros ou ratos…”. Estas son algunhas das 46 preguntas dun test que un equipo de investigadores británicos desenvolveu para detectar posibles trazos de psicopatía en gatos, adaptando o coñecido como modelo triárquico da psicopatía.
Este método, un dos máis usados nos últimos anos para analizar este trastorno, representa a intersección de indicadores como a audacia (intrepidez), a mesquindade (agresión) e a desinhibición (desobediencia). Estes trazos, ao estar relacionados entre si, axudan a avaliar as tendencias psicopáticas. A adaptación realizada neste estudo incorpora dous factores específicos dos felinos, a antipatía cara a outras mascotas e a antipatía cara aos humanos.
“Os nosos gatos e as diferenzas nas súas personalidades inspiráronnos a comezar esta investigación”, conta a psicóloga Rebecca Evans, da Universidade de Liverpool. “Persoalmente, estou interesada en como as percepcións por parte do dono sobre a psicopatía do seu gato poden afectar á súa relación. Por exemplo, o meu gato obtén unha puntuación alta na escala da desinhibición, o que significa que emite moitos sons, é ansioso pola proximidade e excitable”.
O test presenta varias preguntas sobre os hábitos de exploración dos gatos, a súa relación con outros animais, obxectos ou persoas, como é a súa reacción diante de perigos ou as súas necesidades de explotación. En todas as preguntas, é posible responder nunha escala de cinco graos que vai desde “non describe ao meu gato” ata “describe ao meu gato extremadamente ben”. Así, o conxunto das 46 preguntas pode calcular a puntuación do coñecido como CAT-Tri+, o cuestionario sobre o modelo triárquico adaptado a gatos.
En total, analizáronse as relacións de máis de 2.000 gatos e os seus donos para elaborar o cuestionario final. Grazas a esta fonte de datos, puideron descubrirse algúns patróns de comportamento, como que a desinhibición e a carencia de ‘amizade’ con outras mascotas prediciron unha mellor relación entre dono e mascota. Por outra banda, a audacia e a mesquindade prediciron unha relación de menor calidade.
Segundo lembran os autores do estudo, a psicopatía adoita caracterizarse na especie humana pola falta de empatía e a tendencia á manipulación cara a outras persoas, aínda que a aparencia de partida pode ser agradable e mesmo encantadora. No caso dos felinos, destaca Rachel Evans, “é probable que os gatos teñan un elemento de psicopatía, xa que algunha vez puido ser útil no pasado en termos de adquirir recursos como comida, territorio e oportunidades de apareamento”.
O obxectivo final do estudo, apuntan os investigadores, é dar unha mellor comprensión destes animais, moitas veces domésticos. Explican, por exemplo, este tipo de estudos poida axudar a detectar e identificar comportamentos non desexados en determinados individuos para facer axustes na contorna e adestralos en consecuencia, co fin de reducir, por exemplo, os abandonos de gatos que acaban vivindo na rúa ou en refuxios.
Aquí podes acceder o test (está en inglés).
Referencia: A domestic cat (Felis silvestris catus) model of triarchic psychopathy factors: Development and initial validation of the CAT-Tri+ questionnaire (Publicado no Journal of Research in Personality).