Venres 19 Abril 2024

Así se produciu penicilina de forma masiva na Segunda Guerra Mundial


*Un artigo de 

Alexander Fleming foi un mozo médico escocés que, tras quedar arrepiado pola gran mortalidade causada polas feridas de metralla infectadas durante a I Guerra Mundial, decidiu buscar un novo antiséptico.

Publicidade

Un día de verán de 1928, ao volver de vacacións, descubriu que uns cultivos de estafilococos se contaminaran cun fungo. Este foi máis tarde identificado como Penicillium notatum, e a substancia antibacteriana que segrega recibiu o nome de penicilina.

O descubrimento tería quedado nunha mera curiosidade de laboratorio se outros moitos científicos non traballasen para producir o novo produto coa suficiente pureza e a gran escala para dar lugar ao antibiótico que hoxe todos coñecemos.

Ata aquí chega a historia que moita xente coñece, pero como foi posible sacar á penicilina do laboratorio e empezar a producila a gran escala?

Para os estudos con animais e o ensaio clínico precisaban purificar uns 500 litros de caldo de cultivo á semana

Primeiro temos que desprazarnos de Londres a Oxford, ao laboratorio de Howard Florey e Ernst Chain. Alí desenvolveuse o método de fermentación en superficie, primeiro en botellas de leite reutilizadas e logo en recipientes deseñados para tal fin.

Para os estudos con animais e o ensaio clínico precisaban purificar uns 500 litros de caldo de cultivo á semana. Este incrible traballo facíao un grupo de mulleres, as chamadas “mozas da penicilina”, que cobraban 2 libras á semana.

En febreiro de 1941 fíxose a primeira proba en humanos. O policía Albert Alexander sufrira unha rabuñadura na boca mentres podaba unhas roseiras e desenvolvera un infección en cara e pulmóns. Recuperouse en poucos días, pero acabou morrendo porque as reservas de antibiótico se acabaron.

Cartel que enxalza o papel da penicilina na Segunda Guerra Mundial.
Cartel que enxalza o papel da penicilina na Segunda Guerra Mundial.

Como a II Guerra Mundial impedía seguir coa investigación en Europa, as farmacéuticas inglesas cederon os seus resultados ao Goberno dos Estados Unidos. Era moi importante producir suficiente penicilina para as tropas aliadas, posto que os alemáns xa usaban a sulfamida.

Howard Florey levou mostras de penicilina a Andrew Moyer, un investigador do Departamento de Agricultura, en Illinois. En poucas semanas propuxo melloras no proceso, principalmente substituír o cultivo en superficie por unha fermentación con cultivo mergullado.

Quen tería experiencia en fermentacións de cultivo mergullado en Estados Unidos? Jasper Kane e John McKeen traballaban en Pfizer, principal produtora de ácido cítrico en fermentadores en profundidade. Como a guerra impedía traer cítricos de Italia, ideouse unha forma de sintetizar ácido cítrico con microorganismos. Había unha gran demanda deste produto pola xa boiante industria das bebidas azucradas.

Nun prazo de 6 meses, e a pesar das limitacións da guerra, Pfizer puxo a punto unha planta de 14 fermentadores de 28.500 litros cada un. Facía falta tanto volume de reacción porque só se producían 4 gramos de penicilina por cada 10 litros de caldo, e máis do 60% deles perdíase durante a súa purificación.

Utilizando reactores cada vez maiores, cepas de maior produtividade e mellores métodos de recuperación, en 5 anos multiplicouse por 800 a produción de penicilina.

Por todo iso, Fleming, Florey e Chain foron galardoados co Premio Nobel de Medicina en 1945. Na mesma cerimonia de entrega o propio Fleming advertíanos do perigo de xerar resistencia aos antibióticos polo seu uso indiscriminado.

Tamén hai unha protagonista feminina nesta historia. A cristalógrafa Dorothy Hodgkin foi galardoada algúns anos despois co Nobel de Química por determinar a estrutura de moitas biomoléculas, entre outras, a da penicilina.

Só unhas semanas despois de que o proceso industrial da penicilina estivese a punto tivo lugar una das operacións máis famosas da II Guerra Mundial: o Desembarco de Normandía. Nas primeiras 24 horas desembarcaron en Francia 150.000 soldados aliados. Todos contaban no seu kit médico cunha dose de penicilina para utilizala se eran feridos.

Desta maneira cumpríase o soño que Fleming tivera, 25 anos antes, tamén en Francia. Por certo, unha das barcazas de desembarco do exército inglés ía pilotada polo oficial Alec Guinness, que tres décadas despois interpretaría no Episodio IV de Star Wars ao mestre jedi Obi-Wan Kenobi.

A penicilina converteuse nun produto de luxo na Europa devastada pola guerra, xa que se reservaba o seu uso para as tropas aliadas. Para mostra a película O terceiro home (1949), con guión de Graham Greene, no que se retrata un mercado negro de penicilina adulterada en Viena.

Houbo que esperar ata o final da guerra, e xa aos anos 50 en España, para que a penicilina chegase ao mercado de forma masiva.

Hoxe o descubrimento de Fleming adoita infravalorse, atribuíndoo á serendipia. Pero, como dixo Thomas Jefferson, “canto máis duro traballo, máis sorte teño”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...