Venres 26 Abril 2024

O vilalbés David Filgueiras dirixe un estudo sobre medicina personalizada en arritmias

O investigador galego do CNIC dirixe o estudo que amosa como a información eléctrica fai posible analizar a progresión individual da fibrilación auricular

Os pacientes con fibrilación auricular, unha das arritmias máis comúns na poboación, están máis preto de poder acceder a unha medicina personalizada. Unha investigación liderada polo científico galego David Filgueiras Rama (Vilalba, 1977), do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) demostra que é posible monitorar e predicir a súa progresión individual grazas á información eléctrica cardíaca obtida desde dispositivos tipo marcapasos ou desfibriladores.

Filgueiras, investigador tamén no Hospital Clínico San Carlos de Madrid e o Centro de Investigación en Rede de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV), encargouse de coordinar o traballo, no que participaron 51 hospitais españois, e cuxos resultados se acaban de publicar no último número da revista Europace.

Publicidade

A tecnoloxía actual de transmisión remota presente nestes dispositivos implantables facilita a análise do sinal eléctrico do corazón durante os episodios de fibrilación auricular e, así, establece tanto o estadio da enfermidade como a velocidade de progresión da mesma.

A fibrilación auricular afecta a máis de 30 millóns de persoas en todo o mundo e, en España, estímase que hai máis de 600.000 pacientes. Calcúlase que unha de cada tres persoas desenvolverá esta fibrilación auricular ao longo da vida.

Calcúlase que unha de cada tres persoas desenvolverá este tipo de arritmias ao longo da vida

Este risco increméntase naquelas persoas con enfermidades asociadas, como diabetes ou hipertensión arterial, entre outras, ademais de hábitos como o consumo excesivo de alcol ou outras substancias tóxicas.

Segundo explica Filgueiras, adoita iniciarse con episodios de curta duración, que se autolimitan e evoluciona de forma progresiva a episodios de maior duración ata converterse en persistente.

O problema é que non termina de forma espontánea e, ademais, presenta dificultades á hora de recuperar un ritmo normal estable a pesar do tratamento, tanto médico como cirúrxico.

Nos últimos anos, desenvolvéronse distintas escalas de risco que permiten estimar as posibilidades dunha determinada persoa de sufrir fibrilación auricular nun período de 10 anos. Con todo, a fibrilación auricular unha vez iniciada ten unha evolución significativamente distinta duns pacientes a outros.

“Por exemplo, nalgúns casos, as arritmias mantéñense con episodios de curta duración durante anos e, noutros, progresa de forma rápida a episodios de longa duración, con dilatación asociada das aurículas do corazón e con grandes dificultades para un control eficaz do ritmo cardíaco”, engade Filgueiras. Por iso existe a necesidade de dispoñer de ferramentas capaces de monitorar e predicir de forma personalizada a progresión da fibrilación auricular en cada paciente.

Isto permitirá, unha vez se teñan producido episodios de fibrilación auricular, “a toma de decisións terapéuticas no momento máis oportuno”, sinala José Jalife, colaborador do estudo en CNIC.

Segundo comenta Filgueiras, “esta tecnoloxía abre enormes posibilidades cara a unha medicina personalizada para pacientes con fibrilación auricular”, porque “permite coñecer a taxa de progresión das arritmias dunha forma específica e optimizar o momento oportuno para as actuais opcións de tratamento”.

Estes resultados foron posibles grazas á análise independente de grandes datos procedentes de centros hospitalarios nacionais de primeiro nivel e á colaboración interdisiciplinar de médicos e enxeñeiros.

“As ferramentas aplicadas ao sinal obtido desde dispositivos tipo marcapasos ou desfibriladores podería adaptarse no futuro próximo a outro dispositivos, como os smartwatches ou mesmo holter de longa duración”, conclúe José María Lillo, do CNIC e a Fundación FIC. Isto podería abrir as posibilidades de obter este tipo de medicina personalizada nunha poboación moito maior de pacientes.


Referencia: Personalized monitoring of electrical remodelling during atrial fibrillation progression via remote transmissions from implantable devices (Publicado en Europace).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Como previr o dano cardíaco asociado a un tratamento contra o cancro

Identificados os procesos polos que as antraciclinas, un fármaco común fronte aos tumores, causan toxicidade nun terzo dos pacientes

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

Un novo modelo de IA afina o diagnóstico e o tratamento das arritmias cardíacas

Un equipo de Barcelona deseña un método que permite fixar con exactitude o lugar de orixe desta afección do corazón