O alistamento de recrutados galegos nas forzas estadounidenses non foi algo illado ou anecdótico, e realmente recibiu moi poca atención por parte dos investigadores. Un estudo da USC pretende adentrarse nesta parte da historia descoñecida, chea de misterios e de baleiros de información. O equipo de investigadores demostrou que Galicia acumula a meirande parte dos emigrantes da península que formaron parte das forzas armadas de EE.UU. durante a Segunda Guerra Mundial. Concretamente, eran da Coruña, a maioría de Sada. Os investigadores, que non agardaban atopar tantas historias, localizaron a 345 galegos que se alistaron. Buscan información nos rexistros e a través das familias para recuperar e honrar á memoria.
A figura do soldado Manuel Otero é a orixe da investigación, a raíz da súa exhumación en Normandía para repatriar os restos. Javier Fernández tirou deste fío en colaboración con Óscar Galansky, Jesús González e Rubén Travieso da Asociación GHR Big Red One ‘Manuel Otero’, procurando información a nivel local, nos rexistros civís e a través da documentación militar dos Arquivos Nacionais de Estados Unidos. Neste episodio, Fernández explícanos este ambicioso proxecto que só acada agradecemento por parte das familias. Moitas delas descoñecen estas historias dos seus antepasados: moitos non as contaron ou o fixeron pouco antes de morrer. Sen dúbida, este cariz humano é unha das partes máis apaixonantes do proxecto.
Episodio realizado por Alba Tomé
Edición: Carlos Tresandí
Escoita Investigar na USC en: Spreaker, Spotify, Ivoox, iHeart, Google Podcasts, Deezer, Podcast Addict, JioSaavn e Podchaser.













