O seguimento da carreira espacial e os últimos avances das exploracións en Marte son algunhas das cousas que emocionan a Álvaro Goyanes, investigador galego do departamento de Farmacia da University College London, e a Iria Seoane Viaño, que traballa na compañía británica de biotecnoloxía FabRx Ltd. Ante a pregunta de como poderían combinar as súas investigacións e coñecementos no eido da impresión 3D aplicada a medicamentos con estas viaxes ao espazo, decidiron desenvolver un estudo recentemente publicado.
“Non creo que as naves do futuro leven máquinas de comprimidos, por iso queriamos desenvolver novas ideas. Eu mesmo estou supervisando varios doutoramentos sobre a impresión 3D de medicamentos e Iria tamén está involucrada no tema dende o seu traballo. Para nós foi unha vía lóxica de explorar a nosa investigación e levala ao espazo, pero é algo novidoso xa que non hai nada escrito sobre o tema“, manifesta Goyanes.
Trastornos físicos e psicolóxicos
As viaxes espaciais implican riscos para a saúde. Isto é algo que deixan ben claro os investigadores no seu estudo, especialmente fixándose nas publicacións realizadas polo Programa de Investigación Humana da NASA e, máis concretamente, nas misións dos xemelgos Mark e Scott Kelly. Desta forma, os expertos puideron categorizar os perigos dos voos espaciais en cinco categorías, resumidas en inglés co acrónico RIDGE: radiación espacial (space radiation), illamento e confinamento (isolation and confinement), distancia dende a Terra (distance from Earth), campos de gravidade (gravity fields) e contornas hostís ou pechadas (hostile or closed environments).
“Os astronautas aínda non son conscientes dos problemas que van enfrontar”
IRIA SEOANE VIAÑO, experta en impresión 3D de medicamentos
Así, no seu estudo, Goyanes e Seoane identifican varias condicións clínicas dentro destas cinco categorías -enfermidades cardiovasculares, cancro, afectación do sistema nervioso central, cambios de comportamento, atrofia muscular e ósea, alteración do sistema inmune, exposición a contaminantes- e propoñen algunhas estratexias preventivas como poden ser o exercicio físico, a terapia con realidade virtual ou os equipos de protección físicos, así como os medicamentos que serían necesarios en caso de que se presentara algunha destas complicacións: antioxidantes, antipsicóticos, antidepresivos, suplementos vitamínicos e minerais, antihistamínicos, probióticos e prebióticos.
Pero cal é a solución actual para todos estes problemas? “Non a hai. Temos que pensar que os astronautas están na Estación Espacial Internacional (ISS) uns meses e logo volven. Para os problemas que poidan xurdir nese tempo levan kits de medicamentos dende a Terra e realmente tampouco están medindo a estabilidade. Creo que aínda non son conscientes de todos os problemas que van enfrontar. Nós pensamos a longo prazo, por exemplo, cando vaiamos a Marte”, manifesta Seoane.
A impresión 3D na medicina
Aínda coa dificultade para levar a cabo ensaios clínicos pola escasa representatividade que terían considerando o número limitado de astronautas e as súas condicións de saúde especiais, estes investigadores galegos realizaron unha compilación de tecnoloxías emerxentes que poderían mellorar a estabilidade da fabricación de medicamentos no espazo: computación química, bioloxía sintética e impresión 3D.
En canto a esta última opción, “inclúe moitos tipos de tecnoloxías, entón o que habería que avaliar é cales son as máis apropiadas. Habería que probalo e demostralo, pero podemos ter as moléculas de fármaco no estado no que sexan máis estables para manter a vida útil dos medicamentos”, explica Goyanes.
“Imprimir órganos e tecidos no espazo para despois levalos á Terra podería mellorar a súa estrutura”
ÁLVARO GOYANES, investigador na impresión 3D de medicamentos
Con todo, o equipo mantén o optimismo, especialmente tendo en conta os últimos avances realizados no que se refire á exploración e á comprensión que temos do espazo: “Hai uns poucos anos lanzar un satélite era moi caro. Dende hai tres ou catro anos lánzanse satélites por centos e estanse facendo constelacións de miles deles. Se iso pasou en tan pouco tempo, aínda que agora sexa raro ter unha persoa no espazo, en dez anos poderíamos ter a miles de persoas aí. E nese momento poderíamos facer estudos clínicos e desenvolver este tipo de tecnoloxías”.
Aínda que non se menciona no seu estudo, os investigadores tamén teñen en conta os últimos avances da impresión 3D aplicada no espazo, posto que “xa hai empresas que están vendo isto como negocio. Estase falando inclusive de imprimir órganos e tecidos no espazo para despois traelos, porque a forma na que medran sen estar en contacto con nada podería dar lugar a unhas estruturas que fosen máis convintes que ao cultivalos na Terra. Agora mesmo hai que pensar no espazo como un tecido produtivo a maiores que podemos explotar“, manifesta Goyanes.
Mirando ao futuro
Inevitablemente, todos estes avances tecnolóxicos no eido da saúde levan a preguntarse cal sería a normativa que se aplicaría, tal e como afirma Seoane: “Non hai unha axencia reguladora como a Food and Drug Administration (FDA) ou a European Medicines Agency (EMA). Seguramente ao comezo aplicarase algunha destas normas, pero nalgún momento haberá que desenvolver algo específico porque por exemplo os ensaios clínicos tampouco van ser iguais”.
Neste sentido, Goyanes vai un pouco máis alá coas súas dúbidas: “Pode que haxa normas, pero quen as vai poñer en práctica? Vai ir un policía á nave? Vai ser unha situación complicada ao principio e haberá que poñer normas e estándares, pero tamén pode chegar unha compañía privada ou un grupo de persoas que decidan evitar esas normas”.
O equipo busca colaboracións na Axencia Espacial Europea ou na NASA para continuar con esta liña de traballo
Mirando de cara aos beneficios futuros para a industria farmacéutica, o investigador tamén ve claro que, “se temos en conta que os primeiros que viaxen seguramente sexan persoas cunha capacidade económica elevada ou turistas espaciais”, a produción de medicamentos no espazo podería ser unha vía de negocio rendible: “Evidentemente, agora que temos 20 astronautas nun ano non é posible”.
En canto á súa investigación, o equipo pretende continuar explorando esta liña, que non está exenta de dificultades, principalmente polas cuestións relativas aos experimentos: “Contactamos con xente da Axencia Espacial Europea (ESA) para probar algúns dos equipos e das impresoras que xa temos nós en voos parabólicos porque é unha forma de demostrar se estas impresoras funcionarían sen gravidade ou non. Tamén contactamos con xente da NASA, pero é complidado. É un tema novo e nós non temos a reputación de facer traballos relativos ao espazo. Si que a temos con respecto á impresión 3D de medicamentos, por iso necesitamos a colaboración de persoas relacionadas coas viaxes espaciais“.
Referencia: To infinity and beyond: Strategies for fabricating medicines in outer space (Publicado en International Journal of Pharmaceutics: X)
Que lleven Ibuprofeno o Voltaren al espacio en cantidades ingentes, pero que sus respectivos médicos les den más tiempo, no los cutres meses que te dan ahora y que vencen en un periodo breve de tiempo. Donde encuentras una farmacia de guardia entre la Luna y Marte ?