O efecto do mísil ruso no espazo, nova mostra do risco do lixo espacial

A proba, que destruíu un satélite espía, obrigou a refuxiarse aos tripulantes da Estación Espacial e espallou máis de 1.500 fragmentos pola órbita terrestre

En poucos días, a Estación Espacial Internacional (ISS) viviu varios momentos de tensión por mor do lixo espacial. Se a pasada semana tivo que modificar a súa órbita polos restos dun satélite chinés, desta volta foi a proba dunha arma antisatélites (ASAT) realizada por Rusia a que sementou a preocupación na misión. A destrución, causada por un mísil disparado desde territorio ruso, provocou que o satélite estourase e xerase máis de 1.500 fragmentos que agora orbitan arredor da Terra e se incorporan ao crecente volume de lixo espacial. O suceso, que levou aos tripulantes da ISS a ‘refuxiarse’ nun módulo de emerxencia, provocou a reacción da NASA, cun comunicado que incrementou a tensión entre as potencias.

O administrador da axencia estadounidense, Bill Nelson, declarouse “indignado” e manifestou que “os restos xerados pola perigosa proba rusa ASAT fixeron que os astronautas e cosmonautas da ISS emprenderan procedementos de emerxencia para a seguridade”. Engadiu Nelson: “É impensable que Rusia poña en perigo non só aos astronautas socios internacionais da ISS senón tamén aos seus propios cosmonautas”.

Publicidade

A reacción da NASA tivo resposta desde a axencia rusa Roscosmos, que restou importancia ao incidente producido pola proba do mísil. “A tripulación da Estación Espacial está realizando operacións de forma rutineira segundo o programa de voo. A órbita do obxecto, que obrigou hoxe á tripulación a moverse na nave segundo os procedementos estándar, afastouse da órbita da ISS. A estación está na zona verde”, expuxo Roscosmos,

Alén disto, o Ministerio ruso de Defensa apuntou que “Estados Unidos sabe con certeza que os fragmentos non representan unha ameaza para as estacións orbitais, as naves ou actividades espaciais”.

Publicidade

Con todo, e a pesar das diferentes valoracións sobre o suceso, o acontecido en días pasados pon de novo o foco sobre o risco crecente que o lixo espacial está a producir nos aparellos que orbitan o planeta. Nun artigo para The Conversation, a experta en seguridade espacial Wendy Whitman expoñía que “independentemente da causa, o lixo espacial é un problema grave”.

Whitman destaca que é máis sinxelo rastrexar as pezas de maior tamaño, pero hai miles de fragmentos minúsculos en órbita que poden xerar danos moi graves. Estímase que apenas unha pinga de pintura pode perforar a Estación Espacial por mor da velocidade á que se produciría o impacto. Existen antecedentes, como a destrución dun satélite soviético nos anos 80 ou o golpe recibido por un brazo robótico da Estación Espacial en xullo deste mesmo ano. Os obstáculos técnicos e de seguridade para iniciar proxectos de remediación deste problema impiden, por agora, abordar este problema crecente de forma eficaz.

1 comentario

  1. A chatarra espacial dende hai tempo está sendo un problema importante , e xa vai sendo hora que
    sobre todo as grandes potencias espaciais se encarguen de recoller o lixo que xeneran …

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como viviron os astronautas de Artemis II? A NASA revela centos de imaxes e audios inéditos

Trátase do primeiro conxunto de información planetaria recompilada principalmente por seres humanos en máis de medio século

Queres ter un anaco do cosmos? A NASA permite adoptar un píxel do Grace Roman

A iniciativa permite obter unha pequena parte das primeiras imaxes do observatorio espacial, que ten un campo de visión cen veces maior ca o do telescopio Hubble

30 segundos de incerteza marcan o novo fito da NASA: así foi o lanzamento do telescopio Grace Roman

O último observatorio da axencia espacial estadounidense xa saíu da atmosfera terrestre e agárdase que produza as primeiras imaxes a principios de 2027

Begoña Vila, ante o lanzamento do telescopio Grace Roman: “Só teremos 30 segundos”

A astrofísica da NASA asegura que o novo observatorio producirá en cinco meses a mesma cantidade de datos que enviou Hubble nos 36 anos que leva operativo