Martes 16 Abril 2024

A Estación Espacial Internacional, ameazada de novo polos restos dun satélite

Tiveron que realizar manobras para corrixir a órbita e evitar a colisión cos restos dun aparello chinés que se destruíra no 2007

Aí arriba, dende o espazo, todo se ve pequeno. Non obstante, as dimensións de todo o que nos sobrevoa son case inimaxinables. É o que acontece coa Estación Espacial Internacional (ISS), que está tripulada e orbita arredor do noso planeta. Mais os astronautas que viven alí téñense que enfrontar a unha ameaza: a basura espacial. De cando en cando, os restos de vellos satélites ou cohetes, poñen en risco a seguridade da ISS. Así aconteceu a semana pasada, cando os tripulantes se viron obrigados a corrixir a órbita desta xigante infraestrutura co obxectivo de esquivar o perigoso fragmento.

Ao parecer, a ameaza tiña nome: Fengyun-1C. Un antigo satélite meteorolóxico chinés que se lanzou en 1999, deuse de baixa en 2002 e permaneceu en órbita ata que o destruíron cun mísil balístico en 2007. Segundo relatan os investigadores da Universidade do Sur de Queensland, Mark Rigby e Brad Carter, nun artigo de The Conversation, este aparello explotou en 3.500 pedazos e moitos dos seus restos aínda están en órbita. Súmase, así, aos refugallos doutros satélites, que son capaces de permanecer orbitando durante décadas.

Publicidade

Modificar a órbita

Para evitar que os restos do Fengyun-1C puxeran en risco á ISS, unha nave espacial rusa acoplada á estación disparou varios foguetes durante seis minutos, cambiando a órbita da infraestrutura. Ao bombear os seus propulsores, conseguiron elevar a súa altitude, evitando a colisión cos fragmentos do satélite. Pero esta non é a única vez que se teñen que enfrontar a ameazas semellantes. No mes de maio si chegou a producirse un golpe: unha pequena peza de basura espacial creou un burato de cinco milímetros nun dos brazos robóticos da estación. Amais diso, durante o 2020 houbo tres amagos de colisión. E, segundo a información recollida por Rigby e Carter, nos 23 anos de vida da ISS, contabilizáronse arredor de trinta encontros próximos con basura espacial.

Este suceso pode volver encender o debate sobre a basura espacial, posto que unha colisión a tal velocidade —incluso cando se trata dun anaco pequeno— pode producir danos graves. De feito, houbo casos nos que os astronautas residentes na ISS tiveron que prepararse para unha saída de emerxencia, no caso de que a estación sufrira danos o suficientemente importantes como para obrigar a desaloxalos. É máis, segundo detallan no artigo de The Conversation, unha soa mota de pintura sería capaz de perforar calquera das fiestras da ISS.

36.500 obxectos artificiais

Aínda que se está tratando de atopar aqueles métodos capaces de liberar a órbita terrestre baixa de todos estes refugallos, aí fóra a cantidade de basura especial é considerable. Segundo a Axencia Espacial Europea (ESA), hai arredor de 36.500 obxectos artificiais en órbita con máis de dez centímetros de ancho. Hai preto dun millón de obxectos entre un e dez centímetros. E uns 330 millóns que están entre o milímetro e o centímetro. As cantidades, por tanto, son o suficientemente rechamantes. Como tamén o é que a ISS, do tamaño dun campo de fútbol, se vexa ameazada pola basura espacial, que seguirá aumentando: agora mesmo hai case 5.000 satélites en funcionamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como lograr vivendas autosuficientes como a Estación Espacial Internacional

As casas do futuro tenderán a comportarse como un ser eficiente e autosuficiente, que trate de vivir en simbiose coa contorna natural

Como ver a Estación Espacial Internacional dende a túa casa? Aquí podes comprobalo

Unha ferramenta da NASA permitirá saber a súa posición en tempo real, así como recibir avisos do seu próximo avistamento na túa localidade

Lixo espacial sobre a túa cabeza? Esta aplicación permite detectalo en tempo real

Unha ferramenta deseñada pola empresa estadounidense Esri e baseada en tecnoloxía...

Un equipo de Vigo estuda o impacto do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera

O físico Juan Antonio Añel liderará un proxecto internacional que estará integrado por institucións de renome como a NASA, o MIT e a Universidade de Oxford