Non son poucas as veces que a Estación Espacial Internacional pasa sobre Galicia a 28.000 km/h e arredor de 400 quilómetros por riba das nosas cabezas. Se as condicións son axeitadas (de noite, con ceos despexados e pouca contaminación luminosa) podemos ver como brilla esta nave que reúne os esforzos da exploración espacial de países de todo o mundo. E como a xente na Terra mira cara a arriba, ás veces son os propios astronautas os que miran cara a abaixo e ofrécennos imaxes dignas de ver.
No arquivo da NASA que recolle as fotografías feitas desde o espazo desde as primeiras viaxes, no ano 1961, son poucas as que identifican este recuncho do suroeste de Europa. Pero recentemente esta web difundiu unha nova serie de fotografías, tomadas o 23 de outubro de 2017, nas que se pode albiscar todo o noroeste da Península mentres a Estación Espacial orbitaba sobre o Atlántico norte, ao sur da illa de Irlanda, uns 100 quilómetros ao sureste da cidade de Cork.
A perspectiva desde os 394 km de altura non pode ser máis fascinante. Mentres que Galicia e Asturias aparecen en primeiro termo, é posible ver gran parte da Meseta Central e da costa portuguesa, ata o Cabo de San Vicente. Sobre a superficie terrestre poden distinguirse tamén as estelas dos avións. E ao fondo, as diferentes capas da atmosfera, con diferentes tons, ata o negro do espazo exterior.
Se abres aquí a imaxe, podes vela con moito máis detalle.
E aquí podes ver unha escolma de moitas outras fotos tomadas desde o espazo nas que se observa Galicia:














