Que sabemos (e que non) do suposto gromo de peste pneumónica en Rusia

O falecemento dunha traballadora dun laboratorio de bioseguridade na cidade de Irkutsk levanta polémica ante a opacidade do goberno

O 2 de outubro notificouse o falecemento dunha muller de 28 anos en Irkutsk, unha pequena cidade de Siberia próxima a Mongolia. Dende aquel día, a súa morte está rodeada de polémica e dunha evidente falta de transparencia por parte das autoridades rusas. Non se confirmou oficialmente a causa da morte, que se atribuíu a unha pneumonía de causa descoñecida. Porén, medios locais barallan a hipótese de que a muller contraeu a bacteria causante da peste (Yersinia pestis) e desenvolveu a variante pneumónica da doenza, que se non se trata a tempo con antibióticos ten unha letalidade de case o 100%. Estas teses poñen sobre a mesa que a muller se contaxiou no seu centro de traballo, o Instituto de Investigación Antiplagas de Irkutsk, onde investigan o patóxeno.

A Organización Mundial da Saúde ofreceulle axuda técnica a Rusia, que atribuíu a morte a unha neumonía de causa descoñecida. O país afectado descartou que se notificasen casos oficiais de peste, pero recoñeceu que se impuxo unha corentena a 197 persoas tras o falecemento da muller en Irkutsk. Segundo apuntan dende El País, a opacidade coa que as autoridades rusas están a manexar a situación provoca que xurdan novas especulacións sobre o acontecido. O xornal fíxose eco do que narran os medios locais, como Liudi Baikala, dende onde xa barallan unha nova hipótese: un contaxio de procedencia animal.

Publicidade

Sobre o suposto gromo de peste en Rusia, apenas se ten información. De ser de tipo neumónico, trataríase da variante que afecta os pulmóns; a diferenza da bubónica, que ataca os ganglios (a máis frecuente), e a septicémica, que invade o sangue. Malia que os gromos desta enfermidade, en calquera das súas variantes, eran máis habituais no pasado, cada ano prodúcense milleiros de casos en rexións de África, Asia e América, segundo datos ofrecidos por El País. A variante pneumónica responde aos antibióticos se se administran precozmente, e sempre que non haxa resistencias a este tipo de tratamentos.

Laboratorios de bioseguridade

O catedrático de Xenética da Universidade de Jaén Antonio Caruz Arcos explica en The Conversation que o laboratorio no que traballaba a muller falecida está no terceiro nivel de bioseguridade (BSL-3). Son catro en total, dos que o cuarto é o máis elevado. O terceiro fai referencia á investigación daqueles microorganismos que poden supor un alto risco para os empregados, pero que teñen un nivel baixo de ameaza para a comunidade xeral. “Por máis precaucións que se apliquen, convén lembrar que, para moitos patóxenos, non existen barreiras infranqueables. Tampouco existe tecnoloxía capaz de converter un laboratorio nunha cámara acorazada“, explica Caruz Arcos.

Publicidade

Outros casos

Laboratorios espallados por todo o mundo traballan con Yersinia pestis e outros microorganismos perigosos co obxectivo de mellorar diagnósticos, desenvolver vacinas e tratamentos e estudar a resistencia aos antibióticos. O caso de Rusia non se dilucidou, pero si existen antecedentes que demostran que os laboratorios poden ter fugas e non son sistemas perfectos. Caruz Arcos menciona o falecemento do biólogo Malcolm Casadaban, investigador na Universidade de Chicago, quen se contaxiou cunha variante atenuada de Yersinia pestis que non se consideraba perigosa. É probable que a súa morte se relacionase cunha condición xenética previa. Nunca se determinou como se infectou.

En 2007, o zoólogo Eric York tamén faleceu tras entrar en contacto co cadáver dun puma no Parque Nacional do Gran Cañón. Retirou o corpo sen as medidas de protección axeitadas porque pensou que o animal falecera tras unha pelexa. Días despois comezou a desenvolver síntomas e, pouco tempo máis tarde, faleceu. “A autopsia revelou que padecía peste pneumónica e as análises demostraron que a cepa de Yersinia pestis que o infectara coincidía coa achada no puma. Probablemente, o zoólogo contaxiouse a partir de pequenas pingas ou aerosois contaminados xerados mentres manipulaba o animal”, describe Caruz Arcos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a Besta do Leste? Os motivos polos que non debes preocuparte (se vives en Galicia)

O termo foi acuñado polos medios de comunicación trala intensa vaga de frío que conxelou Europa Central en 2018

A Besta do Leste: que é e por que aumentan as probabilidades dunha onda de frío en Galicia

Expertos meteorólogos explican os diversos escenarios posibles se a masa de aire xélido de Siberia chega á Península Ibérica

“Hai un risco elevado dun gran ciberataque ruso a nivel mundial”

Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, analiza as posibilidades dunha guerra cibernética no conflito de Ucraína

Que sabemos dos cortes de enerxía das centrais nucleares en Ucraína?

As forzas rusas ocuparon as infraestruturas de Chernóbil e Zaporiyia, aínda que, de momento, os expertos aseguran que non hai unha ameaza inmediata