Que é a Besta do Leste? Os motivos polos que non debes preocuparte (se vives en Galicia)

O termo foi acuñado polos medios de comunicación trala intensa vaga de frío que conxelou Europa Central en 2018

“As temperaturas serán máis baixas, pero nin sequera nevará en toda Galicia”. Diversos portais dixitais aseguran que o fenómeno denominado como Besta do Leste podería “conxelar España esta semana”. Pero nada máis lonxe da realidade. O departamento de predición de Meteogalicia indica que, de cara ao venres e sábado, podería entrar unha vaga de aire frío continental que deixará os termómetros por debaixo do habitual, pero “non semella, polo de agora, que vaia ser algo esaxerado”.

Após case dúas semanas de temporais causados polas borrascas Herminia e Ivo, Galicia vive uns días de estabilidade climática con ceos practicamente despexados en case todo o territorio e termómetros que oscilan entre os 3 graos de mínima e os 16 de máxima. “Esta semana será moi tranquila en comparación á anterior“, destacan fontes da axencia meteorolóxica galega. Malia isto, de cara ao venres e ao sábado, agárdase que poida chegar unha masa de aire frío e seco que deixe temperaturas “máis baixas do habitual, pero non será unha Besta do Leste”, matizan.

Publicidade

Que é a Besta do Leste?

O termo Besta do Leste fai referencia á unha vaga de frío provocada por unha intensa entrada de aire de orixe siberiana que afectou a Europa Central en 2018. Neste episodio, as temperaturas foron extremadamente baixas e producíronse xeadas e nevaradas que deixaron decenas de mortos. Polo tanto, non denomina ningún fenómeno meteorolóxico, senón que foi un termo acuñado polos medios de comunicación no seu momento que actualmente se emprega para denominar situacións climáticas semellantes.

Pero darase este fenómeno en Galicia? O anticiclón que se creará na Europa Continental durante estes días non terá a mesma afectación na nosa comunidade ca no outro lado do país. “Agardamos que unha masa de aire frío e seco deixe temperaturas máis baixas do normal na comunidade, pero non esperamos grandes nevaradas ou xeadas en todo o territorio, como si podería acontecer en Cataluña”, detallan dende Meteogalicia.

Publicidade

Tempo en Galicia para mércores e xoves

Así, antes da baixada das temperaturas de cara ao venres e ao sábado, con mínimas que poderían baixar dos cero graos en Lugo e Ourense, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), poderase desfrutar dun tempo propio da época do ano. Os termómetros manteranse moi semellantes durante as xornadas do mércores e xoves, con máximas que poderían alcanzar mesmo os 19 graos na cidade de Pontevedra. O resto das cidades galegas estarán sobre os 16 graos no punto máximo do sol, mentres as mínimas poderán ser de 9 en zonas como A Coruña ou Ferrol ou 1 en Lugo.

De cara ao xoves, segundo indica Meteogalicia, “pola tarde iranse nubrando os ceos na metade oeste con chuvascos que serán xeneralizados cara á noite en todo o territorio”. Será durante o domingo cando aumenten as probabilidades de chuvia, cun 60% acorde ás predicións da axencia galega.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro