HC Eva Marie. Ese é o nome do barco que leva dende o 26 de xaneiro atracado no porto de Vigo polos danos que sufriu durante o temporal Eowyn. As ondas de 10 metros causadas pola borrasca danaron nove dos 96 contedores que transportan munición de Clase 1, División 1.1, Tipo E. É dicir, a máis explosiva que hai segundo a clasificación recollida no Real Decreto 145/1989. Estímase que o HC Eva Marie leva a bordo preto de 2.000 toneladas dun material explosivo que a Autoridade Portuaria de Vigo non especificou, mais todo apunta a que poden ser obuses. O porto trasladou este luns que “non supón ningún risco” porque o temporal non danou a carga, senón os contedores. Con todo, o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, sostén: “Ten un gran poder detonante”
“Por poder, pode haber unha bomba atómica”, indica, apelando á perigosa mercadoría do barco que partiu a mediados de xaneiro de Xordania e ten como destino final Alemaña. Con todo, o decano non pon o foco na carga explosiva, senón en como estea almacenado o material. “Non deberiamos alarmarnos porque iso tense que transportar de maneira que non supoña un risco para o transporte. A súa capacidade destrutiva vai depender de como estea embalado“, indica.
Normativa ríxida
Isto vai na liña do que defendeu a Autoridade Portuaria no seu último comunicado, publicado este luns. Nel poñían énfase en que a munición está desmontada “tal e como establecen as normas internacionais para o movemento desta mercadoría”. Así mesmo, segundo a primeira inspección realizada por un enxeñeiro da empresa cargadora o sábado 1 de febreiro, os danos ocasionados pola borrasca só afectaron á parte externa dos contedores pero en ningún caso á mercadoría. Segundo defende o porto, está “correctamente estibada e dentro das caixas de protección”, o que asegura que non supoña un risco para a poboación nin para a nave.
“Que teña capacidade explosiva non significa que vaian saltar Vigo, Moaña e Cangas polo aire. A normativa de transporte é moi ríxida para garantir que non haxa risco. Iso non significa que se agora vai alguén alí coa idea de facer mal, non sexa moi perigoso. Para iso habería que saber se o material está preparado para explosionar… ou non”, engade Rodríguez Méndez. Estímase que leva 1.920 toneladas de munición, partindo do cálculo de que un contedor estándar ten a capacidade dunhas 20 toneladas.
O certo é que do HC Eva Marie, atracado no peirao Transversal situado en pleno centro da cidade, non trascenderon de forma oficial o número de toneladas que carga nin tampouco o tipo de material explosivo que transporta, máis alá de que a principal hipótese apunta a proxectís desmontados. Só trasladan que o barco está a ser vixiado pola Policía Portuaria e a Garda Civil, así como un equipo de seguridade privado as 24 horas.
Que tipo de material leva o HC Eva Marie?
No que respecta á súa composición, o decano do Colexio de Químicos de Galicia menciona unha longa lista de substancias que pertencen á Clase I, como pode ser a dinamita, diferentes tipos de inflamadores, o ácido pícrico, motores de cohetes, cabezas de combate para torpedos e incluso trazadores para municións. Isto serían os máis probables, segundo explica Rodríguez Méndez, dadas as informacións que transcenderon ata agora do buque.
O foco da cuestión, indica o experto, está en estibar correctamente a carga. É dicir, colocala axeitadamente. A oleaxe moveu a mercadoría, danou nove contedores e obrigou a facer a parada imprevista en Vigo. “Este procedemento vaise facer polo seguro. Non vai explosionar se se seguen as condicións na normativa“, insiste.
Con todo, non existe aínda un plan de seguridade oficial e a Autoridade Portuaria indicou que están traballando nel. O obxectivo é mover os contedores en bo estado a unha bodega baleira para illar os que están danados. Despois, persoal especializado viaxará a Vigo e moverá a carga dos que están danados a outros contedores xa preparados. “En ningún momento se desembarcará a mercadoría no peirao”, recalcaban este luns dende o porto.
Comparación con Beirut
O elevado potencial destrutivo da carga do HC Eva Marie lembra ao accidente de Beirut de 2020, cando o porto da capital libanesa voou polos aires tras a explosión de 2.750 toneladas de nitrato de amonio. Morreron 217 persoas, resultaron feridas 7.000 e os efectos da onda expansiva afectaron a edificios situados a un radio de 20 quilómetros. Rodríguez Méndez lembra o desastre, ao tempo que recorda que era unha carga mal almacenada durante anos, o que provou o desgaste do axente químico. Ademais, o decano insiste en que hai que poñer o foco na cantidade de explosivos —a de Vigo podería ser similar á de Beirut— e a forma de custodialas —que se supón diametralmente oposta—. Pese a que o experto non cre que haxa motivos de preocupación, conclúe: “É normal. É como saber que se saes da casa está o lobo”.















Y no estaría mejor en el puerto refugio que se hizo en la Coruña tras el desastre del Prestige?
Non son explosivos, son armas