O buque HC Eva Marie leva 10 días atracado no peirao Transversal do porto de Vigo. É dicir, en pleno centro da cidade. Recalou na madrugada do 26 de xaneiro tras sufrir danos en nove dos seus 96 contedores a causa do temporal Eowyn. Ondas de ata 10 metros provocaron un “corremento da carga” que obrigou a tripulación do buque con bandeira de Antigua y Barbuda a desviarse da súa ruta. Partira a mediados de mes do porto de Áqaba, en Xordania, e tiña previsto chegar o 28 a Emden, Alemaña. Apenas hai información sobre a mercadoría que transporta e a única certeza é que se trata dun material explosivo. A Autoridade Portuaria, preguntada este mércores polo caso, asegura non ter novidades. Insiste en que non supón “ningún risco”.
A continuación analizamos as cinco grandes incógnitas cobre o caso do HC Eva Marie.
Cantas toneladas transporta?
Un dos aspectos máis rechamantes do caso é que non trascendeu oficialmente a cantidade de toneladas que transporta o barco. O porto de Vigo tan só informou de que leva 96 contedores e nove deles están danados no seu exterior, asegurando que a carga se mantén en perfecto estado. Un contedor de 20 pés ten arredor de 20 toneladas, polo que a estimación sitúa a tonelaxe do HC Eva Marie nas 1920. Con todo, é unha aproximación e o número podería ser maior, dado que un contedor de 40 pés pode chegar ás 37 toneladas.
Que tipo de material explosivo ten a carga?
Clase I, División 1.1 e Tipo E. Esa é a única información que achegou a Autoridade Portuaria sobre a carga que transporta o buque. Segundo o Real Decreto 145/1989, esta clasificación fai referencia a un tipo de material con capacidade para explotar en masa. O decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, corrobora que este tipo de compoñentes teñen “un gran poder detonante” e menciona a dinamita e o ácido pícrico como algunhas das substancias que encaixarían nesta definición. Dende a Autoridade Portuaria só engaden que a carga, sexa cal sexa, está desmontada “tal e como establecen as normas internacionais para o movemento desta mercadoría”.
Hai un plan de continxencia?
Non se sabe se o plan de seguridade está rematado. A última información oficial, trasladada o luns aos medios, indicaba que a empresa cargadora estaba a traballar nel, pese a que o buque xa levaba máis dunha semana atracado no peirao. Descoñécese canto se avanzou neste proxecto. O único que trasladou a Autoridade Portuaria foi que o barco está a ser vixiado pola Policía Portuaria, a Garda Civil e por un equpo de seguridade privado as 24 horas do día.
Cando se vai efectuar o cambio de mercadoría?
A cuarta incógnita sobre o caso é cando se vai efectuar o cambio de mercadoría dos contedores danados a outros novos. A primeira inspección da carga levouse a cabo por un enxeñeiro da empresa cargadora o 1 de febreiro. Nesta revisión constatouse que os danos causados polo temporal Eowyn “só afectaban a estrutura externa dos contedores”, pero non á mercadoría que transportan. Segundo trasladou a Autoridade Portuaria o luns, estase a traballar nun plan para a recolocación dos mesmos, que se fará en mar.
Máis polo miúdo, os contedores en bo estado moveranse a unha bodega baleira para illar os nove danados. O porto indicaba o luns que “na próximas horas” chegaría a Vigo persoal especializado da empresa cargadora para inspeccionar os traballos e mover a carga. Con todo, non se sabe se xa están na cidade olívica, tal e como estaba previsto.
Cando vai reiniciar a súa ruta?
O obxectivo do plan de recolocación da carga é que o HC Eva Marie poida reiniciar a súa ruta o antes posible. Non obstante non hai unha data oficial para que abandone o porto de Vigo. Nin sequera se sabe se hai un plan de seguridade elaborado, nin cando se van efectuar os labores de recolocación da mercadoría.
Por estes motivos, a polémica xerada en torno ao buque atracado na cidade olívica chegou o martes ao Congreso. O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno sobre as medidas adoptadas pola Autoridade Portuaria en relación ao HC Eva Marie. Indica que transporta “materiais con gran poder de detonación” e que se produciron outros accidentes “en condicións semellantes”.














