Publicidade

Carracedo: “Os datos xenómicos axudarán a predicir o risco individual de doenzas comúns”

A Real Academia Galega de Ciencias celebra o acto de apertura do curso cunha clase maxistral do catedrático en Medicina Legal da USC

Una clase maxistral do catedrático Ángel Carracedo e a entrega de premios ás “mellores investigacións realizadas en Galicia” para comezar o ano. Estas foron as actividades destacadas do acto de apertura do curso da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Un evento no que o público puido desfrutar do relatorio do experto en Medicina Legal da Universidade de Santiago centrado no Proxecto do Xenoma de Galicia, “máis ambicioso que o de Reino Unido ou Estados Unidos”, asegurou Carracedo.

O presidente da RAGC, Juan Lema, foi o responsable de abrir o acto cun discurso no que resaltou que a institución “integra a científicas e científicos que no ano 2024 publicaron máis de 300 artigos en revistas internacionais”. Nesta liña, puxo de relevo que “se se constituíran como centro de investigación converteríase no de maior produción científica e de maior impacto de toda Galicia”.

Publicidade

Proxecto Xenoma

No transcurso do acto, o académico da RAGC e catedrático Ángel Carracedo impartiu unha lección maxistral baixo o título O Proxecto Xenoma de Galicia: unha oportunidade para a nosa terra. Salientou que é “moito máis ambicioso que outras iniciativas similares desenvoltas noutros países do mundo como o Reino Unido ou os Estados Unidos, xa que pretende secuenciar o xenoma completo de 400.000 galegos, o que representa arredor do 15% da poboación, converténdoo no programa a nivel mundial con maior porcentaxe de poboación incluída”.

Indicou que “os participantes terán así mesmo a opción de participar nun programa de cribado xenético para cancro de mama e ovario, síndrome de Lynch (cancro colorrectal) e hipercolesterolemia. En caso de obter un resultado positivo, poderán acceder a programas de seguimento, o que o converte tamén nunha das iniciativas máis relevantes a nivel mundial neste ámbito”.

Publicidade

Carracedo destacou que “ademais dos beneficios en saúde e prevención, o proxecto ofrece unha oportunidade única para a investigación e o impulso dos sectores biotecnolóxico e farmacéutico. A análise dos datos xenómicos xerados proporcionará información sobre os mecanismos das enfermidades e facilitará a identificación de novas dianas terapéuticas para fármacos. De feito, unha diana identificada mediante estas ferramentas ten moitas máis posibilidades de chegar a ensaios clínicos. Así mesmo, os datos xenómicos serán clave para predicir o risco individual de certas enfermidades comúns con posibilidades de prevención”.

“A fortaleza de Galicia en intelixencia artificial, fundamental para a análise dunha cantidade tan grande de datos, unida ao valor e calidade do sistema IANUS de historia clínica, así como o desenvolvemento actual dos sectores biotecnolóxico e farmacéutico, ofrece unha oportunidade única para liderar o desenvolvemento da medicina personalizada e a prevención das enfermidades”, declarou o académico.

Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC

Durante o evento entregáronse os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, destinados a recoñecer “a mellor investigación que se desenvolve na nosa comunidade” en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos recibiron unha dotación de 5.000 euros cada un. Condecéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías. O presidente da RAGC salientou o éxito desta convocatoria, con 100 candidaturas presentadas, “todas elas cunha extraordinaria calidade”. Así, manifestou que “constitúen o expoñente da mellor ciencia que se fai en Galicia, con publicacións nas mellores revistas especializadas e cunha gran proxección internacional”.

Premiados en Ciencias Básicas

O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e biocombustibles como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores, liderados por Miguel Ángel Correa, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo. O galardoado destacou que “trasladar as nosas investigacións á sociedade é de vital importancia para visibilizar que a ciencia básica no só é fundamental para asegurar o futuro da sociedade, senón que tamén pode xerar beneficios a curto prazo”.

Nesta área concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Ashwin Woodhoo, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas –CiMUS– da Universidade de Santiago. Descubriron un novo mecanismo de especial relevancia para o tratamento de determinadas doenzas nerviosas como a esclerose múltiple. O investigador incidiu tamén no valor de que se recoñeza “o traballo ás veces invisible pero sempre necesario que se fai na investigación básica”.

O segundo accésit nesta categoría foi para Fernando Adrián Fernández, da facultade de Matemáticas da USC. Logrou establecer a relación entre diferentes tipos de ecuacións de cara a facilitar o estudo e comprensión de moitos fenómenos complexos como o crecemento dos animais ou a propagación e prevalencia de enfermidades infecciosas. Manifestou que “este premio pon en valor as Matemáticas e subliña a importancia de seguir desenvolvendo teorías que faciliten abordar problemas reais de forma máis eficaz e accesible, destacando o impacto das matemáticas na comprensión e solución de desafíos do mundo actual”.

Galardoados nas Ciencias Técnicas

O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo da Universidade de Vigo coordinado por Víctor Zapatero que creou unha tecnoloxía segura para as futuras comunicacións por satélite. Na súa intervención puxo de relevo que “a carreira investigadora está chea de incertezas. Un científico fai moitos sacrificios sen a garantía de estabilidade que ofrecen outros traballos e, por moita vocación que se teña, é habitual tirar a toalla. Por todo iso, este recoñecemento é un incentivo moi valioso para min e o meu equipo”.

Nesta categoría outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo, liderado por Antía Fernández, que desenvolveu un proceso innovador e sustentable para eliminar a presenza de contaminantes farmacéuticos da auga. Sinalou que “este recoñecemento valida o noso compromiso co desenvolvemento de solucións sustentables para abordar desafíos ambientais clave e motívanos a seguir innovando para mellorar a calidade da auga”.

Recoñecementos en Ciencias Sociais

O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC -en colaboración co centro de investigación interuniversitario ECOBAS-, coordinado por Milagros Vivel. Estudaron a influencia do efecto contaxio do fracaso empresarial nas micro, pequenas e medianas empresas a través dunha mostra de 3.948 hoteis. A experta salientou que o premio é “unha motivación para continuar xerando coñecemento científico de calidade e aplicado ao noso sector produtivo desde a universidade pública galega”.

Nesta categoría outorgouse un accésit a un grupo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, liderado por María Cadaval. Ofrece unha análise innovadora sobre o impacto das políticas de consolidación fiscal nas preferencias e intención de voto da cidadanía. Na súa intervención declarou que este recoñecemento supón “un importante impulso ao traballo desenvolto até o de agora. O artigo simboliza o que somos como equipo e, sobre todo, o que aspiramos a ser: referentes a nivel nacional e internacional na docencia, investigación e transferencia no eido da economía pública”. 

1 comentario

  1. Pero non sería máis lóxico face a acadar unha mellor saúde (se é realmente o que lles importa), antes de investir inxentes cantidades de diñeiro en investigación xenética, invertistir en políticas que fomenten a importancia de vivir nun medio ambiente limpo sen industrias tóxicas, en empregar alimentos naturais ou ecolóxicos, en coñecer os beneficios da fitoterapia das prantas que temos ó noso carón, dun xeito de vida eminentemente rural, afastado das consecuencias nocivas deste sistema capitalista… (e aquí estan as claves Sr. Carracedo da lonxevidade d@s centenari@s que vostede vai investigar en terras de Celanova: a xenética FAISE, non lle día máis voltas). Políticas que non se está a facer, claro que todas estas condiciós ideais pra unha vida sana NON INTERESAN Ó GRANDE CAPITAL en xeral, coma a industria farmacéutica entre outras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a renaturalización? A alternativa a unha paisaxe galega dominada polo eucalipto

A aprobación do informe de impacto ambiental da macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei reabre o debate sobre o modelo forestal que queremos en Galicia

As asombrosas imaxes de falsos percebes adheridos a unha lámpada e á coiraza dunha tartaruga

A Coordinadora para os Estudos dos Mamíferos Mariños retirou 59 cirrípedos do animal, que apareceu nunha praia de Fisterra

Do Galiñeiro a Ourense: os xacementos que fan de Galicia unha posible potencia en terras raras

O xeólogo Pablo Nuñez enumera as diferentes zonas da comunidade que poden albergar elementos esenciais para a industria tecnolóxica

ChatPEC: a iniciativa con selo galego que usa o sarcasmo para concienciar sobre o clima

A ferramenta en liña responde con reprimendas humorísticas para mentalizar ao público do impacto ambiental que ten a intelixencia artificial