“Galicia por enriba da Lúa”, di Ángel Carracedo. Das súas palabras silandeiras, quedas e cheas de experiencia despréndese un apaixonado amor á terra. Sente tanto polo lugar que o viu nacer que non imaxina a súa vida nos Estados Unidos, nin en ningún outro país do mundo onde as condicións —e dende logo o financiamento— sexan mellores para a ciencia. Recibiu ofertas millonarias, asegura, pero rexeitounas con vehemencia e sen pensalo. A investigación é a súa vocación, pero máis alá do traballo está a súa vida e a súa xente, para quen só ten palabras agarimosas, de agradecemento e dun amor case tan equiparable ao que sente por Galicia.
Falamos co xenetista, co científico, pero sobre todo coa persoa. Repasamos unha vida profesional chea de éxitos e brillantez que se traduce nun laboratorio líder a nivel mundial en Ciencias Legais e Forenses. Pero tamén en investigacións relacionadas coa medicina personalizada e, en resumidas contas, coa xenética. Non lembra como chegou aí, nin cales foron as súas motivacións, pero do que non cabe dúbida é de que xa forma parte das páxinas máis ilustres da ciencia galega.
—Como naceu a súa paixón pola ciencia? Sempre tivo claro a que se quería dedicar?
—Realmente é unha pregunta complicada. Como teño moitos anos xa non estou seguro de se me acordo ben [risas]. Pero si, sempre fun unha persoa curiosa e sempre me apaixonou entender o porqué das cousas. Sempre pensei antes da carreira, durante a carreira e despois de rematar a carreira que o meu tiña que estar sempre moi vinculado coa investigación. De feito, antes a ciencia era un pouco máis divertida que agora, que é máis resultista, e as primeiras cousas que facía eran para darlle resposta a curiosidades miñas. Eu traballaba no Instituto de Medicina Legal pero fixen un traballo para saber se o pinto e a maragota eran a mesma especie. Sempre tiven unha curiosidade ampla por moitísimos sectores que co tempo puiden estender a moitas máis curiosidades, agora dunha maneira máis enfocada, máis práctica e máis útil. Loxicamente pensando sempre en algo que poida ter un beneficio para a saúde, a sanidade ou a xustiza.
Antes a ciencia era un pouco máis divertida. Agora é máis resultista
—É ese o motivo polo que se decantou pola xenética?
—A min a xenética interesábame moitísimo. Era un momento no que aínda non se secuenciara o ADN. Sabíase que alí estaba a clave de todas as diferenzas, da evolución, das enfermidades, de todo. Pero era como un libro non escrito, todo interrogantes. Ademais foi un gran reto entendela. E precisamente como me custou moito traballo, porque tiña que facelo pola miña conta cando ía no que agora debe de ser 3º ESO, cando empecei a comprender a xenética aínda me apaixonou máis.
—É dicir, dende sempre tivo estas inquedanzas.
—Si, e inquedanzas moi variadas que foron enfocándose co tempo.
—Moitos anos despois, o laboratorio que dirixe é lider de Ciencias Legais e Forenses en todo o mundo. Como o conseguiu?
—A parte forense foi a primeira, agora a parte clínica é a máis grande, con moita xente e moitos proxectos. Aínda así, a parte forense chegou a ser bastante pronto das primeiras do mundo. Como se consegue? Primeiro, con moita internacionalización. Temos moitísima mobilidade internacional; fomos sempre unha pequena ONU. De feito, na facultade dicían: Isto é a ONU! [risas]. Non sei se teremos 15 nacionalidades ou máis porque vén xente de todo o mundo a formarse.
Ademais, fomos pioneiros en moitas cousas. Dinme conta de de que o avance tecnolóxico era moi importante e cando apareceu a PCR, por exemplo, eu a fun a Estados Unidos a aprendela. Despois empezamos a usala aquí, cando aínda non había cebadores ou primers. Aquí faciámolos nós cun sintetizador de oligonucleótidos e permitíanos aprender tamén unha clínica moi interesante. E o primeiro secuenciador de ADN que houbo en España foi noso. Quero dicir, que estar á vangarda do desenvolvemento tecnolóxico tampouco é mala idea, e sempre estamos tanto na parte clínica como na forense. Tratamos de liderar ideas con claves importantes como un grupo de xente boísima e unida e logo a internacionalización.
O primeiro secuenciador de ADN que houbo en España foi noso
—A xenómica avanzou moitísimo nos últimos anos. Cara a onde nos diriximos?
—Evolucionou todo. Por exemplo, o gran cambio da medicina, a medicina personalizada, é unha medicina xenómica. A xenética forense foi primeiro que a clínica, e mudou todo. Cando se empezou a secuenciar o ADN as primeiras aplicacións non foron clínicas, foron forenses. Aquelo foi o inicio dunha revolución. E continúa. De todos modos, penso que neste momento está a mudar máis a medicina clínica, porque o impacto alí é moitísimo maior que na medicina forense. Grazas a todos estes esforzos e desenvolvementos o 80% dos casos que requiren análises de ADN resólvense pero, efectivamente, estas aplicacións do que chamamos forense DNA genotyping son unha nova rama, ferramenta utilísima para moitos casos de investigación policial e tamén de identificación, de aspectos huminatarios. En realidade, toda a ciencia ten avances permanentes e continuos.
—De feito, o seu equipo participou na identificación das vítimas e na resolución de casos tan mediáticos como o 11-S, o crime de Alcasser e a Operación Mindstead. O protagonismo mediático fai que idealicemos o seu traballo?
—A min a parte mediática é a que menos me gusta. Nunca a comprenderei. Entendo o interese xornalístico pero para min sempre hai un problema entre o interese da prensa e o segredo sumarial. Creo que prevalece o interese de xustiza e da investigación policial sobre o interese do público. Non son dereitos equivalentes. Isto produce esa presión mediática que non me gusta nada.
De feito, no noso laboratorio sempre somos tremendamente escrupulosos e hai países e lugares onde se respecta máis ca noutros. A verdade é que nos tocaron casos moi célebres de todo o mundo, dende Colombia, Noruega, Reino Unido, EEUU… E esa presión mediática sempre a levei moi mal. A vida respecto ao CSI non ten nada que ver e isto é unha cousa cientificamente diferente. Non somos policías, nin xuíces… Nós traballamos co ADN, que é un reto científico. Eu non sei absolutamente nada dos casos, pero nada. Nin me interesan. Interésame que o que estamos facendo lle sirva á xustiza. Para o caso da medicina, aos pacientes.
O 80% dos casos que requiren análises de ADN resólvense
—A parte máis coñecida do voso traballo está vinculada á resolución de crimes pero, en realidade, vostedes fan moito máis. Como é o día a día no seu laboratorio?
—O noso laboratorio son moitos grupos e moito traballo. Temos a parte forense, que agora leva María Victoria Lareu. A parte de xenómica clínica é moi grande e está dentro da Fundación Galega de Medicina Xenómica que fundei hai tempo, que concentra todas as análises xenómicas do Servizo Galego de Saúde, e onde atendemos a máis de 40.000 pacientes ao ano. A metade deles de cancro, pero tamén de enfermidades raras. Temos un volume de traballo que non ten ninguén no país. Tamén facemos diagnóstico prenatal, cancro hereditario, farmacoxenética, enfermidades xenéticas… En todos os puntos de Galicia.
Dentro de medicina xenómica temos 10 grupos. Chegou un momento no que pensei que era mellor ter unha cidade con pequenos equipos que fosen medrando que unha torre vertical. Implica moita máis renuncia, porque temos moitos grupos aos que hai que axudar e manter, pero é máis bonito e tamén máis sostible. Amais disto, temos o Centro Nacional de Xenotipado, cun aspecto internacional importante e no que traballa moita xente. Tamén unha das unidades de secuenciación do xenoma máis grandes do país, contemos plataformas de ensaios funcionais e unha unión cun grupo de farmacoloxía Kaertor InnoPharma, unha plataforma para descubrimento precoz de fármacos… É dicir, temos moitísima actividade.
Por outra banda, estou coordinando proxectos nacionais e internacionais moi grandes. O máis importante chámase Impact, que é a base estrutural de todo o que é a estratexia nacional de medicina personalizada na que traballan máis de 1.000 persoas. A miña vida diaria é complicada, moi bonita, con moita viaxe, que é o malo, moita teleconferencia, moito traballo, pero é o que hai. Teño moi boa xente ao meu carón e iso axúdame moitísimo. Son imprescindibles e de plena confianza.
Divulgar en galego é vital
—Ademais de todo iso, vostede dá moitas charlas en centros educativos. Como de importante é divulgar a ciencia ás xeracións máis novas?
—É vital, pero a base dun esforzo engadido tremendo. Agora trato de acumular institutos. Por exemplo, se vou a Ourense dedícolle todo o día e vou a catro centros [risas]. De feito, hoxe fun a un colexio tres cuartos de hora, que foi o que puiden. Falei cos rapaces, quiteilles ADN, expliqueilles que é o que facemos. Cando atopo un momentiño claro que vou.
Non é unha cousa que só me pareza vital. A min gústame moito a interacción cos mestres e ver os problemas da educación, así como intentar contribuír coa miña opinión en algo que ten que cambiar radicalmente. De feito, nós sempre temos rapaces de Stembach no grupo, uns 14 de todas partes de Galicia. A xente do equipo axúdame moito e tutélanos eles directamente. E axúdanme, tamén, porque trato de transmitirlles a miña visión de que o importante desta faceta educativa é interactuar e contarlle á sociedade o que estamos facendo. Fago o que podo. Non tanto como quixera, pero fago o que podo.
—Como de importante é divulgar en galego?
—Para min tamén é vital. Primeiro, por unha responsabilidade social e cultural. Segundo, porque é a mellor maneira de chegar e transmitir emoción a determinadas contornas, como a rural, na que aínda hai moitísima xente galegofalante. Insisto en que é unha cuestión de responsabilidade porque o galego é unha lingua que non se pode perder; temos que loitar todos por mantela. Mira que miña nai é de Valladolid [risas], aínda que eu son de Santa Comba, e tiven moita fortuna de ser bilingüe. Agora, a miña vida desenvólvese maioritariamente en inglés pero… Divulgar na miña terra? Teño claro que en galego.
Rexeitei ofertas brutais, enormes, sen pensalo nin dous minutos
—De feito, desenvolveu a meirande parte da súa carreira científica en Galicia pese a recibir múltiples ofertas do estranxeiro. Entendo que o amor á terra, para vostede, é especialmente importante.
—Si, é un amor á terra sentido pero tamén egoísta porque non podería vivir noutro lado. Gústame a contorna familiar. Que faría eu sen o meu Louro, sen a miña Santa Comba, sen a miña xente? A vida é a vida. Non sería quen. De feito, como ben dis, rexeitei ofertas brutais, enormes, sen pensalo nin dous minutos.
—Iso si que é amor por Galicia… Pese a iso, considera que é difícil investigar aquí?
—As cousas cambiaron moito dende as primeiras épocas, nas que realmente estabamos distanciados do mundo desenvolvido agás algúns grupos de elite que había na contorna. Normalmente investigar aquí era como a diferenza que pode haber agora entre un país africano mediano e Europa. Así que si, estabamos moi atrasados.
Cos anos avanzamos moitísimo en infraestruturas. Fíxen un máster en Suecia, en Upsala, e estaban a anos luz de nós. Agora teño eu máis do que teñen eles, ou tanto. É dicir, podo facer tanta ciencia coma eles, ou máis. De todos modos, está claro que hai países nos que se inviste máis en ciencia e teñen máis recursos humanos, e aquí si que hai unha limitación. Estou loitando moito para que exista unha carreira investigadora estable en todo o país porque temos que ser atractivos. Se non lle damos perspectivas aos investigadores, a xente nova xa non ten o arraigamento cultural que tiña eu. Eu dicía: Galicia por enriba da Lúa, porque non me sentiría cómodo nos Estados Unidos, non podería vivir alí porque non sería tan feliz como aquí.
Porén, a xente agora ten moita máis mobilidade e internacionalización. A un rapaz novo dálle igual estar en Londres que estar aquí e, ao final, vai ao sitio no que lle presenten unha oferta máis atractiva. Por iso temos que facer un esforzo para captar talento e para darlles oportunidades na súa terra. Seguro que eles prefiren aquí, pero se non lle das unha estabilidade, unhas perspectivas, non hai moito que facer. Tampouco lles custa o traballo que nos custaba antes… Se aquí non teño perspectivas e alí tampouco estou tan mal, entón marcho.
Hai anos, investigar en Galicia era como investigar agora nun país africano mediano
—Vostede desenvolveu toda a súa carreira científica en Galicia e, ademais, con excelencia. De feito, recibiu unha longa nómina de galardóns ao longo da súa vida. Non sei se entre todos eles falta o Nobel, posto que está habitualmente nas quinielas.
—Moitas veces póñenme nas quinielas, xunto con dous ou tres máis, por ter desenvolvido o ADN forense. O primeiro foi Alec Jeffreys e eu creo que o ten merecido. O que pasa é que os marcadores que el descubriu non se puideron utilizar logo na práctica forense. Foi entón cando apareceron outros marcadores que fomos implementando dous ou tres grupos no mundo.
Non sei que pode pasar pero eu espero que non mo dean porque xa teño a vida complicada e non quero que ma destrocen totalmente. Espero non ter esa mala sorte porque cámbiache a vida enteira e eu quero contribuír aos demais dende a humildade, dende a miña terra, con tranquilidade, sen nada máis. Non me gusta nada a parte mediática. Eu quero vivir cos meus tranquilo, traballando moito, desfrutando do que fago e tratando de contribuír… Nada máis.
—De toda a súa carreira científica, con que momento quedaría?
—Non o sei. Descubrimentos importantes que fixemos e que incluso revolucionaron o concepto de enfermidade como foi o caso da esquizofrenia. Cos desenvolvementos forenses que comentaba, que moitos dos marcadores que se empregan en todos os laboratorios do mundo foron descubertos aquí en Santiago. Pero de todo iso, eu quedaríame coa xente que teño. Sempre digo que agora teño moita xente e xente boísima e moitas veces dun tema concreto saben eles moito máis ca min. Ao que eu aspiro é a unha maneira de entender a ciencia, a vida, a xustiza, a saúde, a sanidade… É ao que aspiro, a transmitirlles un xeito de facer, un xeito de entender todo isto dende unha perspectiva da túa terra. Isto é o que creo, de ética tremendamente responsable. É transmitir valores ligados á cultura. Para min é o que me queda. É o que quero, é ao que aspiro, é o que estou conseguindo coa miña xente.