A entidade Ecoloxistas en Acción presentou esta semana o informe anual “Bandeiras Negras”, co que denuncian preto de medio cento dos “casos máis graves de contaminación e mala xestión ambiental no litoral” do territorio estatal. Entre estes espazos, a asociación ecoloxista salienta seis espazos no litoral galego que, por motivos diversos, aparecen reflectidos neste mapa.
O documento destaca, na Mariña de Lugo, a dragaxe e os recheos na ría de Foz e a contaminación de augas residuais en Burela. Na provincia da Coruña, destácanse os vertidos de augas residuais na praia de Virxe do Camiño, en Muros, e as drenaxes ácidas e contaminación por metais pesados na mina de San Finx, en Lousame. Finalmente, na provincia de Pontevedra, o recheo do porto de Vigo e a fábrica de ENCE, na ría de Pontevedra, reciben as outras dúas “bandeiras negras”.
O informe salienta, deste xeito, a “denuncia daqueles problemas máis relevantes ao longo dos case 8000 km de litoral das nosas costas peninsulares e insulares”, destacando que “o número de bandeiras negras mantense igual desde o ano 2015”. Entre as denuncias “recorrentes” no territorio estatal, Ecoloxistas en Acción destaca a “contaminación industrial na ría de Pontevedra por ENCE”, lamentando que “moitas destas situacións non se solucionaron por parte das Administracións públicas locais”.
A maior parte das “bandeiras negras” refírense á contaminación por augas residuais e á “mala ou inexistente depuración”. En anos previos, o informe denunciaba tamén, ademais destes impactos, a presión urbanística sobre o litoral galego,
A Coruña:
🏴Minas de Sanfinx en Lousame
🏴Praia Virxe do camiño en MurosPontevedra
🏴A factoría de papel de ENCE
🏴Recheos na ría de Vigo polo Porto de VigoLugo
🏴Concello de Burela
🏴Praia de Altares en Foz▶️Informe #BandeirasNegras2021: https://t.co/wkA94DlyFv pic.twitter.com/XrlNHMbZ7J
— Federación galega de Ecoloxistas en Acción (@ecoloxistas) June 29, 2021
“Bandeiras negras” en detalle
De norte a sur, as “bandeiras negras” denunciadas por Ecoloxistas en Acción comezan pola Mariña. O proxecto dun espigón e unha dragaxe para estabilizar a praia de Altar (Barreiros) “vaise realizar nunha contorna que forma parte dunha de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Rede Natura 2000, que traerá consecuencias impredicibles nas zonas de alimentación e cría de especies vulnerables”, advirten. Entre outros impactos, poderían causarse dano, segundo o informe, nas pradarías mariñas de Zostera noltii e algunhas especies de avifauna, como a píllara das dunas. No caso de Burela, advírtese o problema no tratamento de augas residuais desde anos atrás, “o que acarrexa continuos vertidos de augas fecais sen tratamento axeitado ao medio mariño”.
Unha denuncia semellante obsérvase no areal de Virxe do Camiño, no casco urbano de Muros. A praia rexistra desde fai máis dun lustro unha cualificación de “deficiente” en canto á calidade das augas pola contaminación fecal, “sen que se realizase ningunha mellora da zona por parte das autoridades competentes”.
Na antiga explotación mineira de San Finx, en Lousame, Ecologistas en Acción expón que “os labores subterráneos da concesionaria, pertencente ao grupo Sacyr, provocan drenaxes ácidas da mina, debido ás infiltracións de auga en contacto con quilómetros de galerías”. Estas augas residuais, expoñen, “favorecen a disolución de metais pesados”, con “altos niveis de cadmio, cobre e cinc”, que se observan ata a ponte de Traba, preto da desembocadura do río Tambre na parte interior da ría de Muros e Noia, onde “a pesar da dilución, o valor de cadmio continúa superando o límite legal para a media anual”.
Respecto á factoría de ENCE, o informe expón que a empresa “verte ás augas da ría ao redor de 35.000 m3 de augas que, segundo as analíticas das inspeccións que realiza a Xunta de Galicia, conteñen elevados niveis de materia orgánica e, frecuentemente, unha elevada carga de microorganismos fecais”. De xeito indirecto, Ecoloxistas en Acción tamén salienta que a presenza de ENCE provoca no territorio galego a expansión do eucalipto, que utiliza como materia prima para obter pasta de papel.
Finalmente, outórgase outra das bandeiras negras ao Porto de Vigo, polos recheos xa realizados e os previstos na ría. Lembra o informe que a Autoridade Portuaria retende ampliar considerablemente a superficie portuaria mediante a execución de recheos de máis de 200.000 m2 sobre a lámina de auga da ría, argumentando unha suposta necesidade de maior superficie de almacenamento de mercadorías, liña e calado de atracada para os buques de transporte de vehículos ou de mercadorías”. Estas obras, segundo o grupo ecoloxista, “conlevan un alto risco de contaminación, por terras, así como modificacións da hidrodinámica da Ría que afecta os bancos marisqueiros, pesqueiros, parques de bateas, praias e a zonas protexidas, enseada de San Simón, Costa da Vela ou Parque Nacional Illas Atlánticas, causando un dano irreversible á natureza”.
Máis detalles, no informe anual “Bandeiras Negras”, nesta ligazón.