O buque refuxiado en Vigo transporta unha carga máis devastadora que a do desastre de Beirut

A Autoridade Portuaria asegura que están a preparar o plan de seguridade do 'HC Eva Marie' e que a mercadoría non supón "ningún risco"

A madrugada do 26 de xaneiro o buque HC Eva Marie atracou no porto de Vigo. O temporal provocado pola borrasca Eowyn, con ondas superiores aos 10 metros, obrigouno a desviarse, dado que un “corremento de carga” provocou danos en nove dos seus 96 contedores. A mercadoría que transporta o buque son obuses que saíron de Xordania con destino a Alemaña, a onde deberían ter chegado o 28 de xaneiro. Segundo informou este luns a Autoridade Portuaria de Vigo, a empresa cargadora está a traballar nun plan de seguridade, malia que o HC Eva Marie leva parado no peirao Transversal case unha semana. A explosión da súa mercadoría, a ollos doutros accidentes similares, podería ser catastrófica, mais o porto de Vigo asegura “que non supón ningún risco”.

Segundo un comunicado emitido durante a fin de semana pola Autoridade Portuaria de Vigo, a carga do buque está catalogada como de Clase I, División 1.1 e de Tipo E. Isto significa, tal e como recolle o Real Decreto 145/1989, que existe o risco de que a carga explote en masa. O Regulamento Modelo de Recomendacións Relativas ao Transporte de Mercadorías Perigosas das Nacións Unidas especifica que na Clase I de explosivos están incluídos a dinamita, a pólvora e o TNT. Estas substancias considéranse “extremadamente perigosas”, mais todo depende da cantidade e das condicións nas que estea almacenada. No que respecta ao Tipo E, esta clasificación fai referencia a explosivos “con gran poder de detonación”.

Publicidade

“Sen risco”

Con todo, a última información ofrecida polo porto indica que o sábado 1 de febreiro —catro días despois de que arribase o HC Eva Marie— se realizou a primeira inspección por parte dun enxeñeiro procedente da empresa cargadora, xunto ao capitán e ao persoal de seguridade do buque. Ían acompañados por responsables da consignataria e o xefe de División de Seguridade da Autoridade Portuaria. Nesta revisión constatouse, sempre segundo os datos do porto, que os danos sufridos polo temporal “só afectan a estrutura externa dos contedores”, “pero en ningún momento á mercadoría que transportan”.

A empresa cargadora, a través dunha nota de prensa da Autoridade Portuaria, sinala que os obuses están desmontados, “tal e como establecen as normas internacionais para o movemento desta mercadoría”. Insisten, ademais, en que a carga está correctamente estibada e dentro das caixas de protección, e poñen énfase en que “non supón ningún risco”.

Publicidade

A destrución de 2020

De momento non trascenderon datos oficiais das toneladas que transporta o buque nin da composición dos explosivos. Con todo, a súa capacidade destrutiva queda patente na normativa. O desastre de Beirut de 2020 causouno a explosión de 2.750 toneladas de nitrato de amonio. Segundo os datos de Amnistía Internacional, morreron 217 persoas, resultaron feridas 7.000 e os efectos da onda expansiva afectaron a edificios situados a un radio de 20 quilómetros. Segundo o Real Decreto 145/1989, esta substancia está catalogada de Clase 5, polo que sería menos perigosa que a que transporta o HC Eva Marie.

Vixilancia de 24 horas

O buque refuxiado en Vigo navega baixo a bandeira de Antigua y Barbuda e permanece dende hai unha semana na área do porto destinada aos navíos de mercadorías perigosas. Segundo informaron diferentes medios a través dun comunicado emitido pola Autoridade Portuaria de Vigo, o barco está a ser vixiado pola Policía Portuaria e a Garda Civil, así como un equipo de seguridade privado as 24 horas. Pese aos datos anteriormente expostos, o porto da cidade olívica asegura o seguinte: “Leváronse a cabo as preceptivas análises de risco e as condicións de atraque fixáronse respectando a normativa en vigor, garantindo, en todo momento, a seguridade das persoas, a infraestrutura e o propio buque”.

Para que o barco retome a súa navegación é preciso asegurar os nove contedores danados. Para iso estase a traballar nun plan para a súa recolocación. Segundo a última información da Autoridade Portuaria, o plan consistirá en mover os contedores en bo estado a unha bodega baleira co obxectivo de illar os que están danados. Despois disto, persoal especializado neste tipo de carga viaxará a Vigo nas próximas horas para inspeccionar os contedores e mover a carga dos que están danados a outros preparados para a mesma fin. “En ningún momento se desembarcará a mercadoría no peirao”, indica o porto.

Accidente de Halifax

Con todo, os resultados dun accidente cos 96 contedores do buque sería catastrófico para a cidade e o porto de Vigo. Á vista doutros sucesos como o de Beirut ou o de Halifax, acontecido en 1917 en Canadá. Houbo unha colisión entre dous buques, un de carga francés e outro de vapor noruegués. Morreron arredor de 2.000 persoas, 9.000 quedaron feridas e a cidade quedou moi danada. O navío galo levaba 2.300 toneladas de ácido pícrico húmido e seco, 200 de trinitrotolueno (TNT) —de Clase I, como a carga do HC Eva Marie—, 10 de algodón de pólvora e 35 de benceno.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cidades nas que vivir

Un estudo analiza os patróns de xentrificación en Vigo, Santiago e A Coruña

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro