Un equipo da UVigo desenvolve un sistema “único no mundo” para cultivar e repoboar centola

A investigación busca obter exemplares de talla comercial para consumo e equilibrar os bancos naturais da ría viguesa

Un proxecto “único no mundo” para converter a centola nun produto de acuicultura. Un equipo multidisciplinar formado por investigadores do grupo GEN (Ecobas); do grupo de Ciencia e Tecnoloxía Alimentaria (Instituto de Agroecoloxía e Alimentación do Campus da Auga) e do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) está a desenvolver un ambicioso traballo para deseñar un sistema integrado e sostible de cultivo, engorde e repoboación da Maja brachydactyla.

Esta iniciativa, bautizada como Maja, foi presentada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Os seus impulsores explicaron que se trata dunha liña de investigación que busca obter individuos de talla comercial para consumo e tamén para a repoboación de bancos naturais desestruturados da ría de Vigo, de xeito que se maximice a eficiencia produtiva e se contribúa á conservación e recuperación da especie. Ademais, de acordo cos estándares de economía circular, buscarase a valorización dos subprodutos do proceso.

Publicidade

O proxecto, que arrancou este pasado verán, está liderado por Jose Eugenio López Periago, profesor do Departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo e desenvólvese nas instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ata xaneiro de 2026.

Converter a centola nun produto de acuicultura

O persoal investigador implicado salienta que “o desenvolvemento do cultivo integral da centola Maja brachydactyla ata a obtención de individuos de talla comercial, por primeira vez no mundo, suporía un grande avance para diversificar a produción acuícola do noso país”. E é que como explicou na presentación a investigadora Noelia Tourón, o sector acuícola segue a medrar ano tras ano debido ao aumento exponencial da poboación. “Os crustáceos representan unicamente o 23% da produción acuícola mundial, pero sobre todo céntrase en camaróns e gambas”. Mentres, o mercado da centola vese reducido pola escaseza de capturas, o que implica tamén unha subida de prezos e un incremento da importación (o 75% da centola consumida en España procede doutros países).

A posibilidade dunha produción acuícola desta especie permitiría, destacaba Tourón, non só reverter esta situación de escaseza, senón que tamén “axudaría a diversificar a produción acuícola en Galicia, facilitaría a comercialización desta especie durante todo o ano e posibilitaría a recuperación das poboacións debilitadas”. Ademais, “o coñecemento xerado durante o proxecto sería extrapolable a outras especies de centola cuxas poboacións se atopan moi diminuídas, como é o caso da Maja squinado no Mediterráneo”, engaden.

A cría, na Ecimat; o engorde en bateas

O proxecto abrangue dende a obtención de larvas de centola en condicións controladas ata a comercialización do produto final e todos os subprodutos xerados durante o seu cultivo. Así, a cría en catividade da centola realizarase nas instalacións da Ecimat e o engorde de individuos xuvenís farase en bateas, empregando subprodutos da miticultura como fonte de alimentación e diminuíndo así os residuos xerados polo cultivo de mexillón, que ademais supón un gran problema para a diversidade mariña.

Para a optimización dos parámetros de cultivo de larvas e postlarvas estableceranse protocolos de manexo dirixidos á obtención do maior número posible de xuvenís con tres obxectivos principais. Por unha banda, a elaboración dun manual de cultivo integral desta especie que permita a súa produción na industria acuícola, posibilitando así a venta no mercado ao longo de todo o ano.

Doutro lado, buscarase obter un protocolo óptimo para a repoboación de bancos naturais desestruturados con xuvenís obtidos en criadeiro, así como para a realización do seguimento posterior. Finalmente, un terceiro obxectivo é o engorde dos xuvenís en gaiolas suspendidas das bateas ata acadar a tala comercial.

Neste proceso realizaranse distintas probas de alimentación, densidade de cultivo, etc., e deseñaranse gaiolas de cultivo que permitan conseguir mellores porcentaxes de supervivencia, crecemento, benestar animal e taxa de conversión de alimentos. Ademais, deseñaranse dietas específicas de engorde para os xuvenís evitando o uso de aceites e fariñas de peixe. Tamén se levará a cabo un seguimento da morfoloxía e o desenvolvemento dos crustáceos mediante un estudo de tomografía computarizada.

Novos produtos

Outra das actividades principais contempladas no proxecto é o deseño e elaboración de novos produtos a partir da extracción da vianda da centola. Para iso deseñarase un procedemento innovador que permita extraer con facilidade a carne do seu cacho, mantendo a súa calidade e integridade para a elaboración de produtos de mercado coa vianda da centola, como conservas, patés ou produtos conxelados.

Outra liña de traballo dirixirase á utilización dos cachos baleiros obtidos durante o proxecto para enriquecer suplementos avícolas; ademais, extraeranse deses cachos biopolímeros moi demandados como a quitina e o quitosano, que teñen múltiples aplicacións na industria biomédica e farmacéutica.

No acto de presentación participou tamén Miguel Rodríguez Méndez, profesor do Departamento de Economía Aplicada e investigador do Governance And Economics Research Network, GEN, que detallou a parte do proxecto que se centrará na análise de circularidade da proposta no seu conxunto dende unha visión holística. Dende o seu equipo tamén se realizará unha avaliación económica que estudará o modelo de negocio para asegurar a súa sostibilidade económica a medio e longo prazo.

O proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar e cofinanciado pola Unión Europea a través do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura). O orzamento total é de 383.899 euros, achegando o FEMPA o 70% e a UVigo o 30%. Ademais, nesta iniciativa que xurdiu da sociedade civil, como explicaba López Periago, están implicadas tamén a empresa Abonomar, a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo e a compañía Dibaq Diproteg.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia ten maior porcentaxe de científicas contratadas que a media española

Un mapa do Eurostat reflicte que o 52,3% de persoas empregadas en ciencia e tecnoloxía no noroeste peninsular son mulleres

Galicia rexistra 10.000 transplantes de órganos dende 1981

A cifra total de persoas doantes falecidas na comunidade galega é de 3.487, mentres que 468 deron un ril en vida

Un historiador galego consegue que o Louvre cambie a procedencia dunha escultura

O estudo de Francisco Prado-Vilar sobre a procedencia dun felino de pedra establece que provén da basílica San Isidoro de León

21 científicas galegas que tes que coñecer

Non están todas as que son, pero aquí hai 21 científicas galegas que marcan o camiño da excelencia investigadora