A Besta do Leste: que é e por que aumentan as probabilidades dunha onda de frío en Galicia

Expertos meteorólogos explican os diversos escenarios posibles se a masa de aire xélido de Siberia chega á Península Ibérica

O fenómeno meteorolóxico coñecido como A Besta do Leste acapara nestes días a atención mediática. Tal e como explica José Miguel Viñas, meteorólogo de Meteored, “é unha expresión para referirse á gran masa de aire moi frío que se vai xerando a medida que se achega o inverno na zona de Siberia, onde se estabelece un anticiclón invernal que vai creando unha masa de aire a moi baixa temperatura e que non é estática“.

Nestes momentos, tal e como explica Víctor M. González, outro investigador de Meteored, os modelos mostran que a circulación do oeste do hemisferio norte, “que é a que mantén no seu sitio o aire frío de Siberia”, está debilitada e “ameaza con invertirse”. Así, González advirte que este cambio na circulación non garante que a onda de frío chegue a Europa nin á península “se non se mantén o tempo suficiente e acada as dimensións axeitadas” e sinala que, se ben a probabilidade que se desencadee unha onda de frío “a mediados ou finais de decembro é significativamente máis elevada” con respecto ao ano pasado, isto non significa que vaia ocorrer.

Publicidade

Varios escenarios posibles

A Besta do Leste recibe este nome “a raíz dunha onda de frío que afectou ao oriente e centro de Europa e ao Reino Unido en febreiro de 2018. É un nome que apareceu neses países e que se está importando ao estado español para denominar a este tipo determinado de onda de frío. Isto é o que toda a vida en España chamamos unha onda de frío de orixe siberiana, polo que non é en absoluto descoñecida aquí”, explica Rubén del Campo, portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

Precisamente, Campo recolle algúns exemplos destas ondas de frío ao longo de todo o século XX, sendo o máis salientable o que se deu en febreiro de 1956, “o mes máis frío de todo o século XX”. Neste sentido, as consecuencias tampouco son descoñecidas: ao tratarse dunha masa de aire continental adoita ser aire seco, dando lugar a unha baixada das temperaturas, pero sen que cheguen a aparecer as chuvias ou as nevadas. “En ocasións isto dá lugar ao que os agricultores coñecen como xeadas negras: ao ser un aire tan seco non se forma carazo, facendo máis dano aos cultivos por non existir esta capa protectora”, precisa Campo.

Publicidade

Nestes momentos, a pesar de que a chegada desta onda de frío siberiana nas próximas semanas parece improbable, tal e como explica Viñas, “hai unha situación meteorolóxica propicia para que algunha das ramas de aire frío veña cara Europa. En canto aparece isto nos modelos e hai algunha posibilidade xa nos poñemos sobre aviso e comezan as conversas sobre o tema”.

Por outra banda, González estabelece tres escenarios posibles se esa masa de aire frío chega a Europa. En primeiro lugar, A Besta do Leste “podería desencadear unha onda de frío moi intensa, mais con precipitacións e nevadas restrinxidas a zonas moi concretas, como ocorreu en febreiro de 2012“. Un segundo escenario posible sería que “se situara máis ao norte e servira como unha sorte de combustible para a formación de borrascas na nosa zona, quedando o frío no interior de Europa e chegando á península frontes e borrascas cargadas de humidade, chuvias e neve nas montañas“. Por último, o escenario intermedio que contempla o experto é que “o frío chegue á península, aínda que afectando só parcialmente, e unha borrasca aproveite ese contraste de temperatura para desenvolverse xusto enriba, deixando nevadas extensas en zonas pouco habituais, como o que ocorreu con Filomena“.

O frío chega a Galicia

Dentro deste panorama de incertezas, “Galicia é a comunidade, xunto coa zona suroeste da península, que menos se ve afectada pola chegada dunha masa de aire destas características”, sinala Viñas. Isto é así porque onde inicialmente impactaría o aire frío siberiano sería no nordés peninsular: Cataluña, Aragón, o norte da Comunidade Valenciá e as Illas Baleares. Podería ocorrer que a masa de aire frío tivera tal relevancia que “fose penetrando na península, mais só chegaría a notarse no interior de Galicia e dunha forma moi gradual”.

Así, coa información dispoñible ata o de agora, os tres expertos consultados por GCiencia coinciden en que nos próximos días a comunidade experimentará unha baixada das temperaturas, quizais acompañada de xeadas nocturnas, así como de chuvia e vento. Non obstante, este non deixa de ser un ambiente invernal e os valores non se afastan dos habituais en novembro e decembro, polo que non é suficiente para falar dunha onda de frío.

https://twitter.com/MeteoGalicia/status/1597124110328287232

Alén, Viñas incide en que os datos xerais sobre a circulación atmosférica e a corrente en chorro apuntan cara un inverno suave con moitas semanas con temperaturas por enriba do que cabería agardar para o período invernal: “Isto é algo que se vén observando nos últimos anos. Nun conxunto de invernos que podemos cualificar como suaves danse situacións extraordinarias de frío“.

Polo de agora, estes son os posibles escenarios e consecuencias da chegada da Besta do Leste, ou onda de frío siberiana, ao país. Con todo, os expertos advirten que non chegará, cando menos, nin esta semana nin a que vén. “Non hai que preocuparse especialmente. A seguridade que poidamos ter con antelación depende moito da situación atmosférica, que en ocasións é máis predicible que outras, pero podería dicir que unha semana antes da posible chegada desta masa de aire frío xa poderíamos ter certas pistas ao respecto”, manifesta Campo.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a Besta do Leste? Os motivos polos que non debes preocuparte (se vives en Galicia)

O termo foi acuñado polos medios de comunicación trala intensa vaga de frío que conxelou Europa Central en 2018

Atopan unha nova fonte de gases de efecto invernadoiro en Siberia

Trátase dun permafrost denominado Yedoma, moi rico en material orgánico, que desprende altas cantidades de óxido nitroso ao desconxelarse

Un animal microscópico do Ártico volve reproducirse tras 24.000 anos conxelado

A revista "Current Biology" publica unha investigación que describe como un rotífero recuperou a vida no laboratorio tras ser desconxelado do permafrost

Histórico achado de ADN neandertal no solo dunha cova de Atapuerca

A revista Science publica o estudo, no que por primeira vez se atopa ADN nuclear sen existencia de fósiles humanos