Venres 19 Abril 2024

Tarsy  Carballas, experta na súa terra

A científica lucense converteuse nunha autoridade na edafoloxía e na previsión dos lumes forestais

Tarsy Carballas é a galega que mellor coñece a súa terra. Literalmente. Porque esta recoñecida científica se converteu na maior experta en edafoloxía. Con ela entra en Galicia a escola francesa de análise dos solos, ao tempo que se impulsa o estudo académico dunha das maiores calamidades do país desde o último terzo do século  XX: os incendios forestais.

María Tarsy Carballas Fernández naceu en 1934 moi preto do pai Miño, no municipio lucense  de Taboada, onde o río baixa  encaixado nos canóns da Ribeira Sacra. Estudante notable, quixo ser xornalista, pero non era esta unha carreira común para as mulleres da súa época. Por fortuna, elixiu a ciencia na Universidade de Santiago, primeiro cunha licenciatura en Farmacia en 1958. Tratábase dunha carreira onde abundaban as mulleres, mentres que outras como Medicina ou Dereito estaban practicamente vetadas para elas. Cinco anos máis tarde, en 1963, licenciaríase tamén en Ciencias Químicas, con Premio Extraordinario. E, ao ano seguinte, obtería o seu doutoramento en Farmacia, que xa orientou cara á investigación dos solos galegos baixo a dirección de Manuel Muñoz Taboadela, o primeiro catedrático de Edafoloxía da universidade compostelá. Con todo, a prematura morte deste investigador fai que sexa outro profesor, Francisco Guitián Ojea, quen asuma a dirección da súa tese, comezando así unha longa e frutífera relación científica que sentará as bases da futura escola compostelá de Edafoloxía.

Publicidade

Tras o seu doutoramento, Tarsy  Carballas vive un intre clave na súa carreira científica, ao ser seleccionada para unha bolsa de estudos no centro do  C.N.R.S. de  Nancy, en Francia, baixo a dirección do profesor  Duchaufour, considerado naquela época un referente mundial no estudos dos solos. De feito, a nosa  edafóloga convértese na tradutora ao castelán dos libros de  Duchaufour. En palabras doutro  especialista de indubidable prestixio, o catedrático Francisco Díaz-Fierros, “nos laboratorios franceses, Tarsy, co seu bo facer, o seu sentido crítico e o seu espírito colaborador foi moi ben valorada e converterase na embaixadora “de facto” da escola edafolóxica francesa en España”.

María Tarsy Carballas foi pioneira na realización de estudos sobre xéneses, caracterización, clasificación e cartografía dos solos de zona morna-húmida de España, que culminaron na elaboración dos mapas de solos de Galicia, Asturias, Cantabria, León, Zamora e  Pirineo oscense, incluídos no World  Soils Map da FAO das Nacións Unidas.

Tarsy Carballas.

Ao seu regreso a Compostela,  Carballas comezou traballando nos proxectos xa iniciados polo profesor  Guitián Ojea, nos que colaborou asiduamente. Tamén asumiu o peso da posta a punto dos laboratorios e as técnicas de investigación que se estaban a desenvolver no Laboratorio de Solos do novo Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia do  Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), do que sería, posteriormente, a súa directora durante varios anos.

Ao longo de sucesivas décadas, o seu estudo dos solos galegos fixo grandes achegas no que atinxe ás súas características bioquímicas  en especial da materia orgánica, ata o punto de ser unha referencia indiscutible en España. Tamén dirixiu numerosos proxectos sobre solos, algúns deles con países latinoamericanos.

De feito, liderou 23 proxectos de investigación nacionais e internacionais e participou noutros 14 proxectos de ámbito nacional ou internacional. Tamén dirixiu sete teses doutorais e 11 memorias de licenciatura, e impulsou e supervisou outras sete teses doutorais encabezadas por membros do seu grupo de traballo.  Carballas fixo ao longo da súa carreira máis de 230 publicacións, entre elas, 12 libros científicos, 6 traducións de libros científicos, 11 capítulos de libros, 130 artigos publicados en revistas internacionais e en revistas españolas, artigos de divulgación e máis de 70 documentos científico-técnicos. Tamén presentou 95 comunicacións a congresos internacionais e nacionais, unhas cifras que nos falan da súa incomparable capacidade de traballo ao longo da súa dilatada carreira.

Froito da súa actividade científica, acumulou recoñecementos e honras, como a presidencia do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da Xunta de Galicia, ou a Medalla Castelao concedida no ano 2009. Tamén foi premio María Josefa  Wonenburger, outorgado no 2012 pola Unidade de Muller e Ciencia de Galicia.

Pero, ademais das súas grandes achegas ao coñecemento dos solos galegos, Tarsy Carballas engadiu ao seu traballo unha área de coñecemento de importancia estratéxica para a economía e a sociedade de Galicia: o estudo dos incendios forestais, das súas causas e consecuencias. Con esta temática realizou moitos traballos, sendo a autora, coa profesora Paz Andrade, dun método de predición para o país dos riscos de incendios forestais.

A doutora Carballas.

Carballas insistiu en políticas activas de recuperación dos solos tras os lumes. De feito, unha das súas maiores preocupacións sempre foi a erosión continua do territorio galego. En sucesivas entrevistas ao longo dos anos, denunciou con alarma como nas súas primeiras investigacións atopaba substratos de ata dous metros de solo en zonas que, décadas despois, estaban completamente destruídas, coa rocha ao aire. A súa preocupación por este feito, que podería pasar inadvertido para o gran público, é tamén outra das súas grandes achegas como científica, no terreo da conservación do noso patrimonio natural. Dalgunha forma, podemos dicir que sempre foi unha defensora da súa terra galega, no seu sentido máis literal.

Como muller, sempre defendeu que non atopou dificultades para cursar a súa carreira de Farmacia: “de feito, a maioría do alumnado eramos mulleres, moitas delas fillas de farmacéuticos”. Pero unha vez máis o profesor Díaz-Ferros ilumínanos sobre o enorme esforzo realizado por  Carballas: “Comezou a súa carreira nuns tempos onde as mulleres podían ter acceso a unha carreira universitaria, como acontecía coa de Farmacia onde eran maioría, pero, despois, para as que elixían a profesión investigadora, onde xa eran minoría, o camiño convertíase nunha auténtica carreira de obstáculos. Só aquelas de maior valía e cunha vontade decidida eran as que conseguían abrirse camiño. Esta resolución, que era compatible coa prudencia e as boas maneiras, distinguiuna durante toda a súa vida e hoxe, xa na plenitude da súa carreira profesional, convértena nun exemplo para seguir e nunha referencia indiscutible da edafoloxía española”.

2 COMENTÁRIOS

  1. Las gentes de Taboada nos sentimos orgullosos de la Dra. Carballas. Tuvimos la honra de que fuese “pregoeira” da Festa de caldo de ósos, a nosa festa Gastronómica. Naquel acto hizo un canto a la bella Taboada de su infancia. Lamentó, también, algún error que se cometió en nuestro patrimonio paisajístico. Tiene sobrados méritos para ser nombrada hija predilecta de Taboada, por su trayectoria científica y amor a nuestra tierra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desigualdade de xénero na ciencia: “En Galicia somos pioneiras pero nunca o puxemos en valor”

As investigadoras Montserrat Díaz-Raviña e Cristina Caruncho denuncian a falta de diversidade, sobre todo no eido da edafoloxía

María Jesús Iglesias asina en “Science” un chamamento para protexer os solos

A catedrática da UVigo forma parte do grupo de científicos que insisten na urxencia de preservar a biodiversidade e os ecosistemas que dependen deles

Por que a miñoca é un dos animais máis importantes do planeta

Estes organismos son un gran sustento para outros animais e xogan un papel clave na riqueza dos solos de moitas rexións da Terra

O CSIC rende homenaxe ás científicas pioneiras da institución

A investigadora galega Tarsy Carballas, entre as científicas recoñecidas pola institución nun acto celebrado este mércores en Madrid