Venres 19 Abril 2024

María Jesús Iglesias asina en “Science” un chamamento para protexer os solos

A catedrática da UVigo forma parte do grupo de científicos que insisten na urxencia de preservar a biodiversidade e os ecosistemas que dependen deles

“En España, as políticas de protección do solo céntranse principalmente na loita contra a desertificación e a contaminación, e máis recentemente está sobre a mesa a proposición de Ley de suelos de alto valor agrológico y otros suelos de interés agrario (122/000321), pero xa é hora de que as políticas de conservación teñan en consideración que os solos están vivos e inclúan especificamente a protección dos organismos edáficos e as funcións que realizan, e non só para asegurar as que as actividades industriais, urbanísticas e agrarias sigan a funcionar ao mesmo ritmo”, explica a catedrática do Departamento de ecoloxía e bioloxía animal da Universidade de Vigo María Jesús Iglesias Briones. Xunto a case unha trintena de investigadores internacionais, Iglesias Briones asina un artigo que este venres publicará Science titulado no que este grupo de científicos e científicas, liderados por Carlos A. Guerra da Universidade de Leipzig, alerta da necesidade de que a biodiversidade dos solos e os servizos ecosistémicos que dependen da mesma, sexan incorporados nas estratexias e políticas internacionais de conservación e manexo dos solos.

A publicación, liderada polo Centro Alemán para a Investigación Integrativa da Biodiversidade (iDiv), a Universidade Martin Luther Halle-Wittenberg (MLU), a Universidade de Leipzig (UL) e a Universidade Estatal de Colorado, e que conta coa participación das universidades españolas de Vigo, Alicante e Pablo de Olavide, demanda a protección da biodiversidade dos solos aos preto de 200 estados que están a negociar unha nova estratexia no marco do Convenio sobre Diversidade Biolóxica (CDB) das Nacións Unidas. “Se non protexemos os solos para as xeracións futuras, tampouco se pode garantir a preservación da biodiversidade global nin manter a produción de alimentos”, explican os e as autoras do artigo, que tamén propoñen a creación dunha rede de monitoraxe global baseada en mostraxes estandarizadas que permitan coñecer o estado global da biodiversidade do solo.

Publicidade

Os solos son o hábitat máis diverso do planeta, ata o punto de que un gramo inclúe millóns de células e miles de especies de microorganismos. (Foto: Valentin Gutekunst).
Os solos son o hábitat máis diverso do planeta, ata o punto de que un gramo inclúe millóns de células e miles de especies de microorganismos. (Foto: Valentin Gutekunst).

Aínda que moitas persoas poidan pensar que o grupo de animais máis común na Terra son as formigas, os peixes, as aves ou os humanos, calquera destas respostas está moi lonxe da realidade. “Son os nematodos, coñecidos vulgarmente como vermes redondos ou vermes cilíndricos. Catro de cada cinco animais que hai na Terra pertencen a este grupo. Os solos son o hábitat máis diverso do planeta, ata o punto de que un gramo inclúe millóns de células e miles de especies de microorganismos”, explica Carlos Guerra, que incide na importancia destes organismos que transforman en nutrintes material animal e vexetal, tanto vivo como morto, ademais de que os solos son o reservorio de carbono máis importante do planeta, despois dos océanos e, polo tanto, esenciais para mitigar o cambio climático.

As autoras e autores do artigo que aparecerá en Science alertan no seu estudo da gran velocidade á que se están a degradar os solos. Tal é o caso de grandes extensións sometidas a agricultura intensiva que reciben doses excesivas de fertilizantes e pesticidas; outros que son compactados ou selados cubríndoos con edificios ou infraestruturas ou que son expostos a fenómenos erosivos causados polo vento e a auga, sen esquecer a degradación adicional que o quecemento global está a producir. “Estímase que cada ano pérdense arredor de 24.000 millóns de toneladas de solo fértil en todo o mundo, o que pon en perigo a provisión dos servizos ecosistémicos que proporcionan os solos, como a regulación do clima, achega de auga limpa ou protección fronte a pragas e enfermidades”, sinalan os investigadores, que lamentan  a escasa atención que no debate político teñen estas cuestións e inciden na importancia da monitoraxe e a conservación da biodiversidade do solo como a mellor estratexia para acadar os obxectivos de sostibilidade incluídos na Axenda 2030 e dirixidos a áreas como o clima, protección dos alimentos e biodiversidade.

Para poder decidir que rexións do mundo precisan dunha protección máis urxente e que medidas son máis axeitadas, cómpre dispor dunha información que os autores do estudo recoñecen que non ter neste intre. Esta é a razón pola que se creou SoilBON, “unha rede de seguimento que poñerá a biodiversidade dos solos no centro das políticas de conservación, para o que deberemos proporcionar aos xestores e responsables políticos a información necesaria para apoiar a toma de decisións”, sinalan os investigadores.

SoilBON coordinará os esforzos de recompilación de datos de solos para que sexan comparables en distintos ámbitos e a distintas escalas espaciais e temporais, definindo para iso, estándares globais que determinen que se debe rexistrar e como. Parámetros como a respiración do solo, a actividade enzimática, os ciclos de nutrintes ou a diversidade xenética están incluídos entre as denominadas Variables Esenciais de Biodiversidade (EBV), variables prioritarias clave para medir a biodiversidade e os seus cambios, e que servirían de base para tomar decisións sobre as prioridades á hora de avaliar e protexer os solos.


Referencia: Tracking, targeting, and conserving soil biodiversity. A monitoring and indicator system can inform policy (Publicado en Science).


Podes consultar do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático