Quedan semanas moi complicadas por diante coa pandemia da Covid-19. A administración das primeiras vacinas á poboación, canto menos en Galicia e España, non chegará a tempo para impedir unha terceira onda que se achega pouco a pouco ao grave impacto da primavera de 2020. Pero unha vez se complete a protección suficiente contra o virus, o que se agarda ao longo de 2021, o escenario mudará considerablemente. O mundo será distinto, pero boa parte das persoas recuperarán en gran medida a súa vida cotiá previa ao estourido da pandemia. Pero que pasará realmente co SARS-CoV-2? Como se comportará o virus unha vez que as persoas máis vulnerables estean inmunizadas e a mortalidade que causa diminúa?
Un modelo de investigadores estadounidenses, que recolle esta semana a revista Science, analizou o comportamento doutros coronavirus humanos endémicos que circulan desde hai anos, como os que causan arrefriados leves sobre todo na infancia. E apunta a que no futuro o SARS-CoV-2 seguirá probablemente o mesmo camiño: unha infección leve nos cativos contra a que, unha vez o organismo desenvolva protección, as persoas adultas estarán protexidas nunha gran maioría. E pon tamén o acento no concepto da inmunidade, como un prisma con distintas.
“A nosa análise de datos inmunolóxicos e epidemiolóxicos amosa que a inmunidade que bloquea a infección diminúe rapidamente, pero a que reduce a gravidade da enfermidade é máis duradeira”, expoñen os autores do traballo. Con estes resultados, “o noso modelo, que incorpora estes compoñentes da inmunidade, recapitula a gravidade actual do SARS-COV-2 e a naturaleza benigna dos HCoV (os outros coronavirus endémicos), o que suxire que unha vez que se alcanza a fase endémica e a exposición primaria prodúcese na infancia, o SARS-CoV-2 non será máis virulento ca unha catarreira”.
O modelo salienta as diferenzas entre a inmunidade que bloquea a infección (menos duradeira) e a que reduce a gravidade da enfermidade, que se prolonga máis no tempo
Outro dos aspectos que aborda o traballo é o das reinfeccións, que ata agora se produciron en poucos casos durante a pandemia, pero que será probable nun futuro. “A reinfección é posible dentro dun ano, pero incluso se acontece, os síntomas son leves e o virus elimínase do corpo máis rapidamente”, di Jennie Lavine, da Universidade de Emory (Atlanta). “Isto salienta a necesidade de diferenciar os compoñentes da inmunidade ao SARS-CoV-2: canto tempo dura a inmunidade que prevén a enfermidade, e canto dura a que prevén a transmisión? Estas duracións poden ser moi diferentes”, engade Lavine.
O modelo expón, do mesmo xeito, que os catro coronavirus comúns que causan a catarreira levan moito tempo circulando na poboación, e case todo o mundo se infectou con eles en idades temperás. Esta infección achega protección no futuro contra o agravamento da enfermidade, pero non evita, pola contra, que estas persoas se contaxien de novo, explica Jennie Lavine. Neste sentido, unha información do New York Times lembra que algúns científicos apuntan a que un dos actuais coronavirus que causan a catarreira común causou arredor de 1890 unha pandemia que matou preto dun millón de persoas en todo o mundo.
Así, na poboación máis nova, que aínda non se vacinase contra a Covid-19, o SARS-CoV-2 podería manterse e seguir circulando, pero a vacinación protexería do curso máis grave da enfermidade en persoas vulnerables. Acabaría sendo, por tanto, un virus endémico que podería xerar problemas puntuais, pero moi lonxe das crises sistémicas dos últimos meses.
“Estamos nun territorio inexplorado, pero unha mensaxe clave do estudo é que os indicadores inmunolóxicos suxiren que as taxas de mortalidade e a necesidade crítica da vacinación a gran escala poderán diminuír a longo prazo, polo que se debe facer o máximo esforzo para conter agora a pandemia e chegar á ‘endemicidade'”, explica Ottar Bjornstad, profesor na Universidade de Penn State. A vacinación podería salvar, por tanto, centos de miles de vidas nos vindeiros meses e anos.
Así, o modelo predí que unha vez se estenda a vacinación e máis xente estea protexida, a letalidade do SARS-CoV-2 estaría mesmo por baixo da gripe estacional (0,1%). Porén, advirten os autores de que hai claves sen responder. “Este modelo asume que a inmunidade ao SARS-CoV-2 funciona de forma semellante a outros coronavirus humanos, pero realmente non sabemos como sería se alguien contraese un dos outros coronavirus por primeira vez como adulto, en vez de sendo cativo”, advirte Jennie Lavine.
Alén disto, o modelo destaca que, unha vez comece a transición da Covid-19 cara a unha doenza endémica, “será máis difícil usar os síntomas como ferramenta de vixilancia para buscar infeccións e frenar a propagación”. Deste xeito, as probas rápidas e amplamente estendidas serían moito máis importantes para protexer ás poboacións vulnerables ata que se estenda a vacinación.
Referencia: Immunological characteristics govern the transition of COVID-19 to endemicity (Publicado en Science).