Á esquerda, Cristina Caruncho. Á dereita, Montserrat Díaz-Raviña.
Á esquerda, Cristina Caruncho. Á dereita, Montserrat Díaz-Raviña.

A ciencia non é neutral. E como tantos outros eidos, estivo tradicionalmente dominada polos homes en detrimento das mulleres que, aínda hoxe, seguen sendo minoría en postos de poder. “Hai que mirar a ciencia dende a perspectiva de xénero para promover unha igualdade real”, apuntan as investigadoras Montserrat Díaz-Raviña e Cristina Caruncho, coautoras dun artigo que analiza a contribución das mulleres ás ciencias do solo, un territorio aínda máis masculinizado se cabe. Ademais de estar en minoría, as súas achegas á edafoloxía son pouco recoñecidas e as autoras aseguran que hai un claro desequilibrio de xénero e baixos niveis de diversidade. “O mero feito de darlle visibilidade ás mulleres non é suficiente. Se non transformas a construción social, a barreira da ciencia imposta pola masculinización seguirá aí”, apunta Caruncho, investigadora da Universidade de Vigo.

As inquedanzas de Díaz-Raviña foron o impulso da investigación. Leva involucrada, dende hai anos, en diferentes iniciativas que buscan concienciar e combater as desigualdades de xénero no ámbito científico. “Son unha muller que vén dunha familia rural, dunha saga de agricultores. Agora son edafóloga e membro de honra da Sociedade Española de Ciencias do Solo (SECS), que só conta coa representación de tres mulleres. Eu quero lanzarlle esta mensaxe ás rapazas: hai que loitar moito, pero pódese conseguir”, alenta Díaz-Raviña, nun intento por espertar as vocacións científicas entre as nenas. Con este obxectivo, impartiu unha conferencia na que trataba de explicar en que consistía o método científico. “A investigación non depende nin do xénero nin da idade. Entón, por que as rapazas non estudan ciencia?”, pregunta a experta, que traballa no CSIC. Aí plantou a semente do estudo que acaba de saír publicado na Revista Española de Ciencias del Suelo.

Publicidade

“A Sociedade Española de Ciencias do Solo só conta coa representación de tres mulleres”

MONTSERRAT DÍAZ-RAVIÑA, investigadora do CSIC

Ademais doutras iniciativas, como a publicación dun cómic, Díaz-Raviña decidiuse a participar nun especial que publicou este ano a SECS. Ao principio quería investigar a contribución das mulleres no estudo da materia orgánica e, por ese motivo, púxose en contacto cun compañeiro ruso. El remitiulle unha investigación na que se recollían os nomes de máis de 300 edafólogas de Rusia que abriron novidosas liñas de investigación. “Había que producir alimentos si ou si. Os homes tiveran que ir á guerra civil e as mulleres puideron ocupar os postos dos homes, por iso a edafoloxía está tan vinculada a Rusia”, indica. Aí decatouse da escasa información que había sobre esas mulleres e do pouco coñecemento que se tiña das súas investigacións, moi relevantes no campo. “Tiña que dalo a coñecer si ou si, pero non só nas ciencias do solo, senón nas ciencias en xeral”, indica Díaz-Raviña. E por iso contactou con Caruncho.

A investigación galega, unha referencia

Que a publicación nacera en Galicia ten máis importancia aínda, posto que é un país que fixo relevantes contribucións ás ciencias do solo, tal e como explica a experta do CSIC. A figura que máis salienta na súa investigación é a de Tarsy Carballas, tamén membro de honra da SECS. “Había que establecer uns criterios de selección que Galicia ten moitos referentes no campo da edafoloxía. Só por citar algúns nomes, podemos falar de Rosa Calvo de Anta, Luisa Andrade, Elena Benito, Teresa Taboada, Carlota García Paz… E moitas máis”, enumera a investigadora do CSIC. “En Galicia somos pioneiras pero nunca nos puxemos en valor”, afirma Díaz-Raviña.

Publicidade

Co obxectivo de contribuír ao recoñecemento público destas mulleres e denunciar a falta de igualdade na ciencia, as dúas investigadoras galegas escribiron o seu artigo a catro mans. Tamén, co obxectivo de enxalzar a importancia das ciencias do solo, unha disciplina recente que tan só ten 100 anos de vida. “Sen solo non hai vida, de aí veñen todos os alimentos, garante un equilibrio ecosistémico, funciona como almacén de auga e regula o clima. Tamén funciona como secuestro de carbono”, valora Díaz-Raviña. “Nunha sociedade como a nosa, con menos fertilidade do solo e de produtividade e a escaseza de alimentos, é importante seguir investigando nesta liña”, apunta Caruncho.

O caso ruso

Como exemplo que sobresae da norma, as dúas expertas concordan en salientar o caso ruso, tratado en profundidade no seu artigo. Segundo expoñen na súa publicación, as mulleres traballaron man a man cos homes no nacemento das ciencias do solo en Rusia. Moitas desas investigadoras desenvolveron novidosas liñas de investigación. “A súa contribución é inmensa e diversa pero non foi recoñecida”, afirman as autoras. A esta falta de visibilidade, hai outro factor que prexudicou (e segue a prexudicar) a carreira científica destas mulleres: a conciliación familiar. “A ciencia é moi competitiva. Se fas un parón aos 30 anos porque es nai, quedas apartada da investigación. Aos homes non lles acontece iso. De aí deriva o teito de cristal”, apunta Caruncho.

Unha base crítica

As investigadoras insisten en que a situación non é favorable e as desigualdades de xénero nas ciencias en xeral e na edafoloxía en particular requiren dunha abordaxe urxente. Porén, Caruncho considera que darlle visibilidade ás mulleres científicas non é a única ferramenta que debemos usar para romper o tradicional dominio masculino. “O problema vén dunha construción social complexa da que tan só vemos a punta do iceberg, cun arraigo cultural e político moi profundo”, asevera a investigadora da UVigo. Continúa explicando que xa nos anos 70 varios filósofos da ciencia denunciaron que non se trata dunha campo do saber tan obxectivo, senón que tamén ten os seus nesgos.

“Os infartos nas mulleres adoitan pasar desapercibidos porque están estudados, sobre todo, en homes”

CRISTINA CARUNCHO, investigadora da UVigo

“Mentres investigaba para esta publicación, descubrín que no ámbito da medicina os infartos adoitan pasar moi desapercibidos en mulleres porque están estudados, sobre todo, en varóns”, debulla Caruncho, e engade: “A sintomatoloxía entre uns e outros é distinta. Adoitamos identificar a doenza como unha forte dor no peito pero no caso da muller non sempre é así e por iso se chega tarde. En ocasións está moi vinculada a cuestións estomacais, con síntomas máis difusos”. Unha medicina, por tanto, “moi masculinizada” onde os homes adoitan ser o foco dos estudos. Para reverter a situación, Caruncho e Díaz-Raviña propoñen unha colaboración máis estreita entre as humanidades e as ciencias. Apostar, por tanto, por abrir un diálogo entre os dous campos do saber.

Un problema tan complexo tamén require dunha solución multifactorial. As dúas investigadoras esperan que o seu artigo sente as bases para seguir estudando as desigualdades de xénero en todas as disciplinas, combater a falta de diversidade e inspirar as vocacións científicas das rapazas. Pretenden, por tanto, que a súa publicación sirva como punto de partida crítico que contribúa a concienciar aos investigadores da importancia de seguir indagando e analizando a situación da muller na ciencia e, especialmente, nas ciencias do solo.


Referencia: A Brief Analysis of the Contribution of Women to Soil Science (Publicado Spanish Journal of Soil Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.