O municipio de Cualedro atópase na provincia de Ourense, na comarca de Verín. Cunha poboación que se reduciu nun 30% e cunha maioría de cualedraos maiores de 60 anos, a perpetuación da memoria desta localización é de especial relevancia. Así se abordou este venres nun relatorio celebrado na vila ourensá co obxectivo de divulgar os topónimos a través do proxecto Toponimízate da Real Academia Galega (RAG).
O filólogo da RAG, Vicente Feijoo, xunto co acádemico e profesor da Universidade de Vigo (UVigo), Gonzalo Navaza, explicaron a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas de Cualedro. O segundo autor elaborou a hipótese de que o nome da parroquia da Xironda pode ser unha retoponimización do rei Afonso VIII (chamado o IX).
En palabras de Navaza, o rei galego inspirouse no topónimo francés La Gironde ou talvez no catalán Gironda para rebautizar a parroquia que ata o século XIV era coñecida como Vilamaior. Mentres, Vicente Feijoo afondou nesta etimoloxía da Xironda e tamén na do propio nome do concello.
Cualedro, un posible fitotopónimo exclusivo en Galicia
Previamente, algúns autores propuxeron como étimo o sintagma latino AQUAS LAETERAS, ‘augas levadas’, en referencia á existencia de canles para conducir a auga de regadío ata un lugar. Con todo, esta proposta ten dúas importantes eivas: a evolución fonética do latín ao galego e a carencia de probas documentais.
Non obstante, recentemente está a cobrar relevancia a hipótese que vincula o nome de Cualedro cun fitotopónimo antiquísimo, CORYLETU, formado polo nome latino CORYLUS e mais o sufixo abundancial –ETU cunha evolución: Coriletu > Corledo > Coledro / Cualedro. Este CORYLUS era o nome no latín clásico para a abelá e sería o único testemuño en toda a xeografía galega dun topónimo derivado da forma clásica latina desta árbore.
En galego triunfou unha variante denominativa posterior ao CORYLUS clásico, ABELLA, a partir do sintagma CORYLUS ABELLANA, e que procede dunha cidade da península itálica onde debeu ser tan común o cultivo deste froito que acabou por denominalo: a comuna actual de Avella, na Campania italiana. Con esta iniciativa, a veciñanza non esquecerá nunca de onde veñen e cara a onde van.















Está claro que actualmente non quedan moitas abeleiras. Mais lèmbrome de pequeno de ir pola veira do regato que vai dende a Rexadiña ata conectar co do Peno de Mao. Ao longo dese percorrido había moitas abeleirss das que íbamos collendo as abelás. Despois da concentración todo eso quedou totalmente arrasado. Supoño que en tempos antergos serían máis abundantes.
Estraño,porque en Cualedro non debería haber moitas abeleiras
Interesante e fermoso artigo que me pon na pista doutro topónimo, Alto da Vela. Atopeino por casualidade, cando menos, en tres zonas: Viveiro, Cartelle (Alto da Vela) e Calvos de Randín (Outeiro da Vela), pero seguramente o haberá noutras zonas do país. É sabido que pola zona costeira están datados uns cantos muíños de vento (ver Begoña Bas López), pero non está tan claro que existiran polo interior. Pois resulta que si, e os topónimos así o atestiguan. O Catastro de Ensenada da fe dun muíño de vento na zona de Novelle (supoño que no Alto da Vela, en Cartelle)