A actividade do IIS Galicia Sur permite devolver á sociedade máis de dez euros por cada un investido

O modelo SROI revela o gran rendemento que supoñen as achegas de cartos públicos para a investigación sanitaria

Un informe sobre a aplicación da metodoloxía SROI (Social Return On Investment) á actividade do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur) revela que por cada euro que esta entidade inviste, a sociedade obtén un retorno de 10,33 euros. Este dato confirma a evidencia de que o investimento público en actividades relacionadas coa investigación acaba por supoñer un gran beneficio para a sociedade.

Os datos do informe apuntan que as actividades realizadas ao longo do ano 2023 polo IIS Galicia Sur tiveron uns ingresos totais de 5.971.259 euros e xeraron un valor de impacto social que alcanzou os 61.709.370 euros. Para a directora do IIS Galicia Sur, Eva Poveda, estes datos demostran que “quizais sexa máis valioso o valor de promover políticas que fomenten un maior investimento en investigación porque, claramente, ademais da necesidade de seguir xerando coñecemento científico para abordar os principais retos sanitarios, como vimos, é moi rendible”.

Publicidade

Metodoloxía SROI

A metodoloxía SROI foi desenvolvida inicialmente a finais do século pasado polo instituto Robert Enterprise Development Fund (REDF) de California e na actualidade é empregada de xeito habitual en ámbitos de ciencia e investigación e tamén para a análise de proxectos europeos. En Galicia o IIS aplicouna por primeira vez co obxectivo de “obter unha visión máis completa do impacto do noso traballo, medindo e informando do valor social, ambiental e económico xerado”, sinala Poveda.

A análise realizada na actividade do IIS Galicia Sur abrangue diferentes áreas, tanto a dirixida directamente ás persoas (persoal, alumnado das carreiras investigadoras, asociacións de pacientes, centros educativos, etc.) como ás actividades formativas e os servizos que se ofrecen ao persoal investigador, á comunidade científica en xeral, aos profesionais sanitarios das áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra e Salnés e ás empresas. Tamén se tivo en conta o impacto dos proxectos de I+D+i, a transferencia de coñecemento e a acción social.

Publicidade

Segundo explica Poveda, a aplicación do modelo SROI “é unha forma de autoavaliarnos máis alá dos indicadores tradicionais, como a produción científica ou financeira. O modelo de retorno social do investimento (ISR) permítenos, en última instancia, obter unha visión máis completa do impacto do noso traballo medindo e informando do valor social, ambiental e económico xerado”.

O coñecemento científico é útil e rendible

O resultado obtido supón para o IIS Galicia Sur unha confirmación do valor do seu traballo, segundo indica Poveda, e ademais motiva a todo o seu equipo a seguir traballando na mesma liña. Ao seu xuízo, máis alá da confirmación dos resultados do informe, os cidadáns xa están a valorar positivamente o traballo das entidades de investigación sanitaria coma o IIS, pero sempre é bo confirmar que a xeración de coñecemento científico tamén é rendible, ademais de contribuír a abordar os grandes retos en saúde.

Cara ao futuro, a intención dende o IIS Galicia Sur e continuar coa autoavaliación a través da metodoloxía SROI, polo menos cada dous anos, para así poder comprobar cales son as actividades que teñen maior impacto e ver tamén as áreas onde poden existir posibilidades de mellora. “Seguiremos a traballar internamente para optimizar a forma na que obtemos os indicadores para que o cálculo sexa o máis real posible e non se subestime ningún aspecto”, conclúe Poveda.

A directora do IIS Galicia apunta tamén que sería moi positivo que esta metodoloxía se poida estender a outros institutos de investigación galegos e destaca que o modelo SROI, aínda non é moi empregado en centros de investigación españois, pero si que ten un impacto importante no ámbito europeo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Un estudo pioneiro analizará as necesidades sociais de mulleres con enfermidades crónicas en Galicia

A Fundación “la Caixa” selecciona o proxecto FEMFIT360-SOCIAL do IIS Galicia Sur para identificar barreiras e co-deseñar solucións comunitarias

Científicos galegos avalan as terapias con realidade virtual para persoas con dano cerebral adquirido

Dous estudos pioneiros demostran a eficacia dun modelo baseado en 'exergames' que combina estimulación física e cognitiva

Un programa fomenta que nenos a tratamento oncolóxico se exerciten con realidade virtual

A UVigo, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e o Hospital Álvaro Cunqueiro lanzan unha iniciativa pioneira para que os menores con cancro gocen na súa casa dunha terapia baseada no movemento