A biotecnoloxía sostible avanza cara á valorización de residuos con fins útiles

Juan Iglesias Riobó empregou no CRETUS da USC fermentación anaerobia para transformar restos de cultivos ou podas en carboxilatos con gran potencial de uso en sectores como a enerxía, a cosmética ou os plásticos biodegradables

A posibilidade de transformar restos de cultivos e podas en produtos útiles, no canto de que sexan queimados ou enviados a vertedoiros, é a base da investigación desenvolvida por Juan Iglesias Riobó no Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). Ante esta situación, o científico centrou o seu estudo nunha alternativa baseada en biotecnoloxía sostible: a conversión destes residuos en carboxilatos, compostos con gran potencial de uso en sectores como a enerxía, a cosmética ou os plásticos biodegradables.

Para logralo, empregou fermentación anaerobia, un proceso natural, similar ao que se utiliza para facer iogur ou viño, que permite a certos microorganismos transformar materia orgánica en compostos químicos. “Cada ano xéranse millóns de toneladas de biomasa vexetal, como residuos agrícolas ou forestais, que malia ser un dos recursos orgánicos máis abundantes do planeta, adoitan desaproveitarse pola súa complexidade estrutural”, explica o investigador.

Publicidade

Neste contexto e baixo a supervisión dos profesores e investigadores de CRETUS, Marta Carballa Arcos e Miguel Mauricio Iglesias, o estudo explorou distintas configuracións de reactores e condicións de operación co obxectivo de dirixir e optimizar a produción de carboxilatos específicos, fronte a mesturas pouco útiles. Ademais de confirmar que esta conversión é viable en laboratorio, o traballo que se enmarca na tese de doutoramento de Juan Iglesias Riobó expón as bases para o seu escalado en biorrefinerías sostibles.

Conversión de residuos vexetais

O resultado obtido é un sistema biotecnolóxico optimizado que permite “converter residuos vexetais en compostos de alto valor engadido de forma máis eficiente e selectiva”, sinala. A investigación demostrou que, mediante o control de parámetros como o pH, o tempo de retención e a estratexia de alimentación dos reactores, é posible orientar a actividade microbiana cara á produción preferente de lactato, butirato ou caproato.

Publicidade

Así mesmo, comprobouse que a configuración dos reactores xoga un papel clave: a alimentación pulsada e a separación de etapas no proceso favorecen a formación destes compostos, mesmo en condicións difíciles como as que presenta a biomasa con alto contido en celulosa. Este enfoque permite aplicacións industriais baseadas en tecnoloxías máis limpas e sostibles, aliñadas cos principios da economía circular.

“Elevado potencial de aplicación”

Este traballo non só abre novas vías para o aproveitamento de recursos naturais, senón que confirma que é posible facelo mediante tecnoloxía accesible e adaptable a distintas escalas, “cun elevado potencial de aplicación en Galicia e noutras rexións con abundante biomasa”, matiza.

Os resultados deste traballo desenvolvido no grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup) dentro do proxecto europeo Cell4Chem, foron publicados en revistas científicas como Bioresource Technology ou Industrial Crops and Products. A tese foi avaliada por un tribunal presidido polo profesor emérito da USC Juan Manuel Lema Rodicio, xunto coa profesora Cristina González Fernández (Universidad de Valladolid) e o profesor Piotr Oleskowicz-Popiel (Politechnika Poznanska, Polonia), que acordou por unanimidade outorgar a cualificación de Sobresaliente Cum Laude, salientando as novas achegas que este estudo supón no ámbito da revalorización destes residuos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Un estudo da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG