Os lumes saltan a Pontevedra: dous incendios en Oia e Vilaboa ameazan varios núcleos rurais

Un foco no municipio lucense de Carballedo obriga a evacuar a medio cento de rapaces e monitores aloxados nun albergue

A provincia de Ourense, sobre todo o leste, é o epicentro dunha devastadora vaga de incendios que leva días ameazando núcleos rurais e arrasando todo cando atopa ao seu paso. Na tarde do pasado xoves, a situación complicouse tamén na provincia de Pontevedra. Ás 16:37 horas desatouse un lume no municipio de Vilaboa, na parroquia de Santa Cristina de Cobres. E ás 18:41 horas, outro en Oia, no núcleo de Mougás. Ambos os dous incendios obrigaron a decretar a Situación 2 —en Oia xa foi desactivada a primeira hora desta mañá— como medida preventiva, dado que as chamas estaban moi próximas a dous núcleos e forzaron o desaloxo de máis de medio cento de persoas.

A última actualización da Consellería de Medio Rural contabiliza 50 hectáreas afectadas polo incendio en Vilaboa, que continúa activo. Con todo, o satélite europeo Copernicus estima máis de 300. A principal preocupación é a súa proximidade as casas da zona e, por iso, se decretou o desaloxo de 14 persoas no núcleo de Paradellas. Amais da mobilización de tres técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 19 motobombas, unha pala, unha unidade técnica de apoio, catro helicópteros e oito avións, tamén se desprazaron aos lugares afectados os efectivos a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Publicidade

O lume de Mougás afecta xa a 40 hectáreas. E de igual modo que aconteceu en Vilaboa durante a noite deste xoves, tiveron que desaloxar de maneira preventiva a 45 persoas que se atopaban no cámping de Mougás. A primeira hora desta mañá xa puideran retornar ás instalacións, malia que algunhas delas quedaron aloxadas no cámping de Santa Tecla, na Guarda. Para a extinción do incendio, que continúa activo, mobilizáronse dous técnicos, sete axentes, 11 brigadas, 13 motobombas, unha pala, un helicóptero e dous avións.

Outro foco preocupante en Lugo

Lugo é a segunda provincia máis azoutada pola vaga de lumes que comezou hai dúas semanas, coa xoia do Courel ameazada polas lapas. Este xoves, un novo incendio poñía en alerta a poboación do municipio de Carballedo, na parroquia da Cova. Comezou ás 18.14 horas e decretouse, como nos de Oia e Vilaboa, a Situación 2 pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros. De feito, evacuouse de maneira preventiva o Albergue dos Peares. En concreto, a 53 nenos e 11 monitores que foron trasladados ao albergue xuvenil Lug2. Para a extinción do incendio mobilizáronse dous técnicos, sete brigadas, oito motobombas, dúas pas, catro helicópteros e tres avións.

Publicidade

Ourense, a provincia máis afectada

Os grandes lumes desta vaga de incendios están a deixar profundas cicatrices na provincia de Ourense, onde continúan activos cinco focos. Segundo os cálculos da Xunta, o de Chandrexa de Queixa arrasou xa 19.000 hectáreas; o de Oímbra, 17.000; o de A Mezquita, 10.000; o de Larouco-Seadur, 30.000; e o de Carballeda de Valdeorras, 2.600. Non obstante, estes datos difiren dos difundidos polo satélite europeo Copernicus. Mentres que a Xunta estima 76.000 hectáreas queimadas nos catro grandes lumes —cunha superficie arrasada que acade ou supere as 10.000 hectáreas—, Copernicus cífrao en 114.991.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo de Copernicus alerta do elevado nivel de ozono troposférico no litoral galego

Vén de publicarse o novidoso informe 'Atmosphere Watch' que analiza a contaminación mundial e mide o impacto dos grandes lumes

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais