Un equipo da USC deseña un novo método para simular o impacto do vento nas cidades

O sistema permite analizar de maneira rápida o comportamento do vento entre edificios e deseñar espazos urbanos máis agradables para a vida cotiá

As simulacións urbanas de vento son unha ferramenta esencial para avaliar a ventilación natural das rúas, identificar onde se acumula contaminación ou calor, e mesmo acoutar zonas de perigo ante episodios de vento forte. Deste xeito, é posible deseñar espazos máis agradables para a vida cotiá. Porén, xerar os modelos tridimensionais necesarios implica procesos longos e laboriosos.

Agora, todo un equipo vinculado á Universidade de Santiago de Compostela (USC) concibe un novo método que permite simular o fluxo de aire en contornas urbanas de maneira rápida e automatizada. No estudo participan Marcos Suárez Vázquez e Sylvana Varela Ballesta, pertencentes á empresa de base tecnolóxica da USC Ventilatio Lab, galardoada nos Premios GCiencia Galicia Spin-Off; Alberto Otero Cacho, do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e os catedráticos da Facultade de Física, Alberto Pérez Muñuzuri e Jorge Mira Pérez.

Publicidade

O traballo propón un sistema que combina datos LiDAR, que recollen as diferentes alturas do terreo, e información catastral para xerar automaticamente os modelos necesarios para simulacións de dinámica de fluídos computacional (CFD). O obxectivo é reducir o tempo e a complexidade que tradicionalmente requiren estes estudos, abrindo a porta a que se poidan aplicar en diferentes contornos sen necesidade de intervención manual.

Drons e sistemas de navegación urbana

“Quen nunca notou, ao dobrar unha esquina, un forte refacho de vento que semella saír da nada? Ese fenómeno, tan cotián nas rúas, é unha mostra visible de como os edificios e a forma do terreo condicionan o movemento do aire”, explican dende o equipo investigador.

Publicidade

Comprender esas correntes non é só unha mera curiosidade, pois ten un papel clave en multitude de aplicacións coma os estudos de confort térmico, a dispersión da contaminación, a avaliación de riscos ante situacións meteorolóxicas extremas, e mesmo na planificación de zonas máis sostibles e habitables.

Ademais, coñecer con precisión como se move o aire entre rúas e edificios resulta esencial para tarefas como a planificación de rutas de drons ou o deseño de sistemas de navegación urbana, “nos que as turbulencias e os refachos de vento poden afectar tanto á seguridade coma á eficiencia”, matizan.

Precisión e fiabilidade

A metodoloxía desenvolvida neste traballo automatiza boa parte do proceso de simulación, mantendo a precisión e a fiabilidade dos resultados. “Isto permite analizar de forma máis eficiente o comportamento do aire en diferentes escenarios urbanos, dende rúas estreitas ata grandes avenidas, e anticipar o impacto de novas construcións ou reformas no microclima local”, afirman.

Os resultados destas simulacións utilízanse posteriormente en probas de túnel de vento nas que se imita a interacción entre un dron en movemento e as correntes de vento extraídas, demostrando unha gran mellora nos tempos de cálculo en comparación co enfoque máis directo, que consiste en integrar o dron na paisaxe urbana.

Esta investigación contribúe ao avance do modelado CFD urbano e ten importantes implicacións para diversas aplicacións, proporcionando información valiosa para o desenvolvemento urbano.


Referencia: A fast and automated approach for urban CFD simulations: validation with meteorological predictions and its application to drone flights (Publicado en Urban Climate)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos