O vídeo da casa rodeada pola lava en La Palma: “É o símbolo da esperanza”

O fotógrafo Alfonso Escalero, do equipo de I Love The World, narra as súas vivencias sobre a imaxe que se converteu nunha das iconas da erupción

A medio camiño entre a boca do novo volcán de La Palma e a costa da illa, unha vivenda rodeada por palmeiras érguese no medio da desolación. E está a converterse nunha das iconas da erupción que avanza inexorable polo oeste da illa, causando a destrución de máis de 300 edificacións e varios quilómetros de estradas, monte e superficies agrícolas. “Por agora, segue a salvo”, di Alfonso Escalero, fotógrafo do equipo de “I Love The World”, sobre a casa coa que chegou ás portadas dos medios de medio mundo desde onte.

Explica Escalero que o equipo da empresa audiovisual, que se dedica a facer traballos de paisaxismo e natureza para compañías e institucións públicas de medio mundo, acababa de finalizar un traballo en Andalucía cando o volcán entrou en erupción. “Viñemos a toda présa para filmar o que fose posible, alugamos un helicóptero, trouxemos os nosos drones e outros equipamentos de filmación para gravar o momento”.

Publicidade

A casa illada pola erupción de La Palma

Foi entón cando se atoparon co panorama desolador da erupción nas áreas arrasadas pola coada volcánica. “Non estabamos preparando para isto, é case que unha escena de guerra e quedamos destrozados. Chegamos ilusionados, pero atopámonos co inferno. O espectáculo da natureza é impoñente, mais cando ves a desgraza que está a vivir tanta xente e quedas sumido na tristura”, lamenta o fotógrafo. Tal foi o impacto que desde entón, Escalero non volveu gravar imaxes diúrnas, e só está a traballar cando a noite resalta a luz do volcán pero a destrución queda, en parte, oculta.

Imaxe nocturna do volcán captada polo equipo de I Love the World.
Imaxe nocturna do volcán captada polo equipo de I Love the World.

E neste contexto, a vivenda que permaneceu a salvo da lingua de lava e rochas é, para Alfonso Escalero, unha “imaxe para a esperanza”, e “algo ao que agarrarse para seguir adiante, no momento no que se pechan portas pero se abren xanelas”.

Publicidade

A casa, segundo imaxes de satélite previas á erupción, atópase entre os núcleos de El Paraíso (o primeiro en ser afectado pola lava nas primeiras horas da erupción), Los Campitos e Todoque.

Vista da casa salvada da lava, rodeada en vermello. Imaxe: IGN.
Vista da casa salvada da lava, rodeada en vermello. Imaxe: IGN.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así soa a erupción dun volcán dende o espazo

A ESA publica unha sonificación da erupción máis grande do século XXI, a do volcán Hunga Tonga-Hunga Ha'apai hai agora un ano

Que nos ensinou a erupción de La Palma un ano despois

Faise un ano dende que o volcán de Cumbre Vieja comezou a expulsar lava cara ao exterior e non rematou ata varios meses despois

Un proxecto con participación galega estuda os efectos na saúde da erupción da Palma

O profesor da USC Alberto Ruano liderado o estudo, que se centra no impacto que o suceso está a ter en 2.000 persoas e durante os próximos cinco anos

Unha imaxe do volcán da Palma gaña un concurso fotográfico da NASA

As galardoadas no Torneo da Terra asocian as imaxes dos satélites cos catro elementos da natureza: terra, auga, aire e lume