Un equipo galego xera o primeiro mapa global da mestura de nitrato dende augas profundas

O traballo liderado pola científica Beatriz Mouriño mellora o coñecemento dun proceso clave na produtividade mariña e a captación de CO2 da atmosfera

O nitróxeno é clave para a realización da fotosíntese mariña e a súa escaseza limita non só a produtividade dos recursos mariños senón tamén a capacidade dos océanos para captar e eliminar o dióxido de carbono da atmosfera. Unha das principais vías para que o nitróxeno chegue ao fitoplancto, que habita a superficie oceánica iluminada, é o transporte de nitrato mediante a mestura das augas profundas enriquecidas á superficie.

Pero o coñecemento que a comunidade científica ten sobre a magnitude deste proceso é limitado, debido ás dificultades para cuantificar a turbulencia no océano. Neste contexto enmárcase o estudo realizado por investigadores da Universidade de Vigo e liderado por Beatriz Mouriño, investigadora do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo, que hoxe publica a revista Scientific Reports. “O noso estudo”, avanza a científica, “achega o primeiro mapa da mestura de nitrato dende augas profundas a escala global e os modelos elaborados permiten predicir a magnitude deste proceso en diferentes rexións de forma sinxela”.

Publicidade

A investigadora Beatriz Mouriño (á esquerda), líder do traballo sobre a mestura de nitrato. Foto: Duvi.
A investigadora Beatriz Mouriño (á esquerda), líder do traballo sobre a mestura de nitrato. Foto: Duvi.

Os investigadores explican que cuantificar a mestura no océano é moi complexo, motivo polo cal optaron por “construír modelos para poder predicila a partir de variables que son fáciles de medir e están dispoñibles nas bases de datos oceánicas ou son accesibles dende o espazo”. Para construír estes modelos empregaron os datos obtidos polo Grupo de Oceanografía Biolóxica en 181 estacións realizadas en 16 campañas oceanográficas nas rexións tropicais e subtropicais do Atlántico e do Pacífico, no Mediterráneo, na Antártica, nas rías galegas e no golfo de Biscaia entre outubro de 2006 e decembro de 2015, no transcurso de proxectos como Malaspina, CHAOS ou Nicanor. O modelo global construído con estas 181 estacións, explica Mouriño, “aplicámolo a datos de temperatura superficial e concentración de nitrato obtidos das bases de datos para construír o mapa global e calcular a magnitude da mestura nas rexións tropicais e subtropicais. Este cálculo desvelou que este mecanismo é un dos principais procesos que achegan nitróxeno as capas superficiais nestas rexións”.

De feito, os científicos da UVigo remarcan que o coñecemento sobre os procesos que achegan nitróxeno ás capas superiores do océano é clave para “entender o papel do océano na regulación do clima, xa que o nitróxeno é clave para a realización da fotosíntese e a captación de dióxido de carbono atmosférico por parte do océano”.

Publicidade

Como explica Mouriño, o estudo que hoxe publica Scientific Reports foi realizado case na súa totalidade por investigadores da UVigo, aínda que algúns deles agora pertenzan a outros organismos, sendo a única persoa allea á institución viguesa Borja Aguiar. Así, asinan este estudo xunto con Mouriño, os investigadores do Departamento de Bioloxía e Ecoloxía Animal da UVigo, Emilio Marañón, José Luis Otero, Mariña Blázquez, Paloma Chouciño, Víctor Moreira e Marina Villamaña, así como Bieito Fernández, agora na Universidade de Southampton, Rocío Graña, do Instituto Español de Oceanografía e Borja Aguiar, investigador da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria.

A orixe deste estudo está no traballo de fin de grao de Mariña Blázquez, estudante de Ciencias do Mar no curso 2015/2016, dirixido por Mouriño e Bieito Fernández. A elaboración do modelo foi mellorada e forma parte da tese de José Luis Otero, defendida no 2020 cuxos directores son a propia Mouriño e Pedro Cermeño.


Referencia: Magnitude of nitrate turbulent diffusion in contrasting marine environments (Publicado en Scientific Reports).


Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Tres científicos e dúas científicas de USC e UVigo reciben as Medallas de Investigación

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a Mabel Loza, Sebastian Villasante, Leandro Alejano, Rosa Crujeiras e Francisco Rivadulla

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

A UVigo participa no descubrimento dunha gran fusión que marcou a infancia da Vía Láctea

A investigación na que colabora o catedrático Fernando Aguado identifica os restos dunha galaxia anana absorbida hai uns 12.000 millóns de anos