A erupción da Palma de 2021 creou un impoñente volcán de preto de 200 metros de altura e aínda sen nome oficial. Un ano despois, séguese rexistrando algo de sismicidade, emisión de diversos gases volcánicos como SO2, CO2 ou H2S no cono e, o máis preocupante, emisión de CO2 nas zonas evacuadas de La Bombilla e Puerto Naos.
O lento arrefriado do magma, tanto en profundidade como baixo o cono, é, probablemente, a orixe de todos estes fenómenos. Apenas se localizan 10 pequenos terremotos ao día, moi por baixo do observado durante a erupción, pero por enriba da sismicidade de fondo da illa que era de apenas 20 terremotos anuais. Non hai que esquecer que este proceso poseruptivo podería durar anos ata volver a niveis previos á erupción. Un ano despois, tampouco se pode descartar a aparición dunha reactivación volcánica, aínda que a probabilidade é baixa. A día de hoxe, non se rexistrou tal reactivación e, se ocorrese, sería moi clara, como así o foron as seis que sucederon tras a erupción do Tagoro en El Hierro entre 2012 e 2014.
Pasados 12 meses do comezo desta erupción é posible facer un balance. O primeiro que hai que dicir é que a xestión dunha crise así é complexa a nivel científico. A pesar de que as erupcións avisan con tempo, os indicios que dan non son o bastante claros para responder con precisión ás principais preguntas que a poboación fai aos científicos: cando e como vai ser esa erupción? En Canarias, as erupcións adoitan ser monoxenéticas, é dicir, xeran un volcán que non volve entrar en erupción nunca. As zonas onde poden ocorrer estas erupcións en Canarias son extensas e, por exemplo, en La Palma supoñen a metade sur coñecida como Cumbre Vieja. Isto pon sobre a mesa unha terceira pregunta: onde vai ocorrer a erupción?
A vulcanoloxía non é, nin de lonxe, tan precisa como outras ciencias de prognóstico como a meteoroloxía
Por desgraza, a vulcanoloxía non é, nin de lonxe, tan precisa como outras ciencias de prognóstico como a meteoroloxía. Eles teñen numerosos datos dos fenómenos que prognosticar e a partir de modelos matemáticos obteñen as súas predicións con varios días de adianto. E aínda así non sempre teñen éxito nos seus prognósticos.
Antes de 2021 só existían datos instrumentais de vixilancia dunha única erupción en Canarias. Certamente, hai moitas observacións de precursores de numerosas erupcións no mundo, pero cada volcán ten as súas particularidades. Mesmo volcáns con varias erupcións ao ano e cun sistema de vixilancia moi completo como o Etna, en Italia, lanzan poucos casos de éxito na predición do cando e como vai ser cada erupción. E iso que o onde non supón un problema nese caso xa que se trata dun volcán polixenético con repetidas erupcións ao longo do tempo.
A dificultade dunha previsión precisa
Hoxe enténdese mellor o que sucedeu en La Palma desde aquel 11 de setembro de 2021, cando os primeiros indicios preeruptivos apareceron en forma duns poucos terremotos. Esa semana previa á erupción detectáronse intensos enxames sísmicos e unha deformación de ata 30 centímetros que indicaban o ascenso de magma. A pesar diso, determinar con precisión o momento de inicio foi complicado debido á incerteza e velocidade destes procesos.
Tamén é posible especular coa orixe dos primeiros enxames sísmicos detectados desde 2017, así como con outros datos xeoquímicos e de deformación recollidos durante a última década na illa. Xa están a aparecer diferentes artigos científicos (por exemplo, usando medidas de helio, publicados por IGN ou INVOLCAN) onde se tenta determinar os sinais máis temperáns desta erupción e seguro que seguirán publicándose estudos similares durante os próximos anos.
Xa están a aparecer artigos científicos onde se tenta determinar os sinais máis temperáns desta erupción
Obviamente, a posteriori é máis sinxelo “prognosticar” un fenómeno que xa aconteceu. Usemos o seguinte símil: imaxinemos os precursores volcánicos como os síntomas dunha enfermidade. Ao principio, empezamos a atoparnos mal, empezamos a tusir e, pasados algúns días, temos febre e conxestión. Finalmente, facemos un test de covid con resultando positivo. Nese momento asociamos o inicio da enfermidade cos primeiros síntomas, aínda que naquel primeiro momento era imposible saber o que nos afectaba.
Por desgraza, os vulcanólogos non dispoñen dun “test de inicio de erupción”, os modelos aínda non son capaces de dar resposta precisa ás preguntas cando/onde/como e os precursores son difíciles de interpretar. Por tanto, aínda queda moito por estudar.
As aprendizaxes tras a erupción
De entrada, resulta curioso os numerosos termos técnicos que antes eran totalmente alleos á maioría dos cidadáns e aínda hoxe seguen estando na fala da xente: tremor volcánico, piroclastos, nube de cinza, delta lávico ou tubo de lava.
Á parte disto, como sociedade, démonos de bruzos coa realidade volcánica que existe en Canarias. Aínda que houbo erupcións bastante destrutivas no pasado das illas, a de 2021 pódese considerar a erupción máis catastrófica na historia de España e isto débese, simplemente, ao feito de que a nosa vulnerabilidade aumentou e non así o perigo inherente ás erupcións. Hoxe en día estamos máis expostos aos perigos volcánicos debido ao incremento da poboación e das infraestruturas.
Hoxe en día estamos máis expostos aos perigos volcánicos debido ao incremento da poboación e das infraestruturas
Ademais, as erupcións recentes (Tagoro 2011, Teneguía 1971 ou San Juan 1949) apenas causaron danos porque, por exemplo, non se atoparon case vivendas ao seu paso e, doutra banda, as erupcións máis destrutivas quedan demasiado lonxe no recordo (Garachico 1706 ou Timanfaya 1730-1736).
Outro aspecto para ter en conta é o aumento na valoración da ciencia, algo que tamén se observou durante os últimos tempos como resposta aos retos da sociedade. Aínda que a ciencia non teña todas as respostas, hai que confiar nela para mitigar os distintos riscos aos que nos expoñemos.
Finalmente, a erupción da Palma está a proporcionar numerosos avances científicos. Esta erupción, a segunda controlada instrumentalmente en Canarias, demostrou tanto a gran velocidade que poden ter os precursores volcánicos, como a importancia dos sistemas automáticos de análises ou a dificultade de dar prognósticos no transcurso da propia erupción.
Durante os próximos anos analizarase a inxente cantidade de datos existentes para tratar de dar unha mellor resposta durante o seguinte proceso volcánico. Porque, non nos enganemos, é inevitable que algún día se produza unha nova erupción en Canarias, aínda que é imposible saber se en poucos anos ou en décadas e, por tanto, debemos estar preparados o mellor posible para ela.
*Es artigo foi publicado en Science Media Centre España. Podes ler a versión orixinal na seguinte ligazón.