Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Un equipo do grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab), do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo), está a desenvolver o proxecto estatal Setestrelo. Ao seu abeiro realizan unha avaliación en alta resolución do transporte de humidade no Atlántico norte no clima actual e en proxeccións futuras co obxectivo último de contribuír a entender como se altera o ciclo hidrolóxico nesta rexión por procesos relacionados co cambio climático. “A información máis precisa sobre o transporte de humidade rexional e os cambios no ciclo hidrolóxico permitirán distinguir os efectos dos impactos do cambio climático a curto-medio-longo prazo e será crucial para aplicar medidas de prevención/adaptación, reducir vulnerabilidades e mitigar riscos”, afirman.

O proxecto está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da convocatoria 2021 de Proxectos de Xeración de Coñecemento. O equipo de EphysLab que o desenvolve está liderado polos catedráticos Raquel Nieto e Luís Gimeno, da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e formado ademais por sete investigadoras e investigadores. Ademais colaboran nel especialistas da Universidad de Costa Rica e do Institute of Meteorology and Climate Research, Karlsruhe Institute of Technology, de Alemaña. O traballo dá continuidade á dilatada traxectoria investigadora do grupo da UVigo neste eido de coñecemento. Desde a súa posta en marcha, traballos realizados no marco de Setestrelo foron publicados en diferentes revistas do grupo Nature, como Nature Communications.

Publicidade

Sobre a pertinencia e relevancia de levar a cabo este proxecto, desde a súa organización explican que o transporte de humidade é un factor determinante nos cambios do ciclo hidrolóxico, cun maior impacto nos seus extremos que en valores medios. Así, co cambio climático, apuntan, “non cabe dúbida de que o risco de ocorrencia de precipitacións extremas e secas aumentará”. Segundo as e os investigadores, a isto hai que engadir que o último informe do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) sinala que os modelos climáticos globais achegan resultados limitados a este respecto e que é necesaria unha modelización rexional de alta resolución.

Simulacións e datos

Gráfica sobre a intensificación do ciclo hidrolóxico abordada polo proxecto Setestrelo. Foto: UVigo
Gráfica sobre a intensificación do ciclo hidrolóxico abordada polo proxecto Setestrelo. Foto: UVigo

Neste contexto, Setestrelo ten como obxectivo central realizar, por primeira vez, unha avaliación en alta resolución do transporte de humidade na rexión do Atlántico norte en tres períodos temporais: 1994-2014, mediados e finais de século (2040-20602080-2100) e en dous dos novos escenarios de futuro previstos polo IPCC (SSP2-4.5 e SSP5-8.5). “Estudamos os principais mecanismos de transporte de humidade e como van a mudar”, afirman. Para acadalo, o equipo está a levar a cabo múltiples experimentos de “downscaling dinámico” utilizando o modelo rexional WRF para dúas áreas a ambos lados do Atlántico norte: unha centrada cara ao leste da conca, incluíndo o Mediterráneo, e outra en América central. WRF aliméntase cos datos meteorolóxicos e climáticos máis recentes dos que dispón a comunidade científica.

Publicidade

Para determinar as principais fontes de humidade e os seus sumidoiros continentais asociados (en tempo presente e futuro) o proxecto emprega o modelo de transporte lagrangiano Flexpart-WRFv3.3.2 (software que simula traxectorias no aire), alimentado con 40 conxuntos das saídas do WRF de alta resolución obtidos no downscaling. Isto permítelles analizar as traxectorias das partículas atmosféricas modeladas computacionalmente e calcular as variacións da humidade específica ao longo das mesmas. Igualmente o equipo analiza como os cambios no tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera, influídos polos cambios nos patróns de circulación a grande escala, modulan o transporte de humidade e os extremos de precipitación asociados nos “puntos quentes” do cambio climático na rexión do Atlántico norte.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

Un estudo relaciona a debilitación das correntes oceánicas con idades de xeo máis longas e intensas

Unha investigación con participación da UVigo achega nova información sobre a evolución do clima e o papel do océano Atlántico no fenómeno

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución