Xoves 28 Marzo 2024

Un traballo da UVigo afonda nun indicador clave no cambio climático

O grupo Ephyslab publica nunha revista do grupo "Nature" unha análise sobre o tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera

Hai catro anos no congreso internacional da European Geophysical Union que tivo lugar en Ourense, organizado polos docentes e investigadores do campus de Ourense Luis Gimeno e Raquel Nieto, e no que participaron practicamente todos e todas as científicas destacadas no transporte da humidade na atmosfera, evidenciouse a necesidade de traballar como prioridade no tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera. “É un compoñente fundamental no coñecemento do ciclo hidrolóxico, e é un indicador esencial de como o ciclo hidrolóxico se ve alterado por procesos dinámicos e termodinámicos relacionados co cambio climático”, explica o catedrático do Departamento de Física Aplicada da UVigo Luis Gimeno, que xunto a Raquel Nieto lidera un artigo que publica a revista Nature Reviews Earth and Enviroment (NREE).

“Os investigadores que participamos en outubro de 2016 no congreso internacional traballamos desde entón independentemente nos seus grupos e tras catro anos Nature decide que o tema é moi relevante para o cambio climático e invitounos”, aclara o investigador do grupo EPhysLab CIM-UVigo sobre a orixe do traballo, no que tamén participaron investigadores do ETH (Instituto Politécnico de Zurich), a Universidade de Illinois en USA, a Universidade De Costa Rica, a Universidade Técnica de DElf nos Países Baixos e a Universidade de Bergen en Noruega, ademais do docente do Centro Universitario da Defensa en Marín e investigador asociado de EPhysLab Jorge Eiras-Barca.

Publicidade

Nesta revisión, os e as autoras discuten a relevancia do tempo de residencia como un indicador clave de variacións importantes no ciclo hidrolóxico presente e futuro, poñendo en contexto os traballos de investigación dos distintos grupos e dándose directrices para investigacións futuras, sobre todo nas implicacións que ten como parámetro relevante para cuantificar cambio climático no ciclo hidrolóxico global. “O tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera é un tema recorrente no noso campo, de xeito directo ou indirecto é algo que precisamos para avaliar outros parámetros como as fontes de humidade, tema no que levamos máis dunha década traballando”, detalla Luis Gimeno que lembra que o ano pasado publicaron un artigo noutra revista do grupo Nature Scientific Data cunha base de datos relativa a este parámetro e que foi actualizado este ano noutra publicación da mesma revista.

Imaxe da análise realizada polo grupo da UVigo. Fonte: Nature Reviews Earth and Enviroment.
Imaxe da análise realizada polo grupo da UVigo. Fonte: Nature Reviews Earth and Enviroment.

Gimeno destaca a importancia da decisión de NREE de publicar o traballo do equipo que lidera, sobre un parámetro que afirma será determinante nos próximos anos cando se estude o efecto do cambio climático no ciclo hidrolóxico global, “pois é unha especie de resumo de todo o ciclo e moi, moi sensible ao quecemento global”, asegura. O tempo de residencia do vapor de auga tamén varía, explica, a medida que cambia o clima, de xeito que o vapor aumenta arredor dun 7% por grao de quecemento da superficie por causas puramente termodinámicas, mentres que a precipitación global increméntase só arredor do 2% como resultado de limitacións enerxéticas, o que dá como resultado un aumento do tempo de residencia do vapor de auga co quecemento global.

“Isto viuse que ocorre tanto en modelos como en observacións, polo que se espera un aumento futuro nun escenario de altas emisións”, explica Luis Gimeno.

O tempo de residencia, un indicador clave

O tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera, confirman as e os investigadores, é importante non só desde o punto de vista teórico, senón tamén pola súa influencia noutros parámetros clave do ciclo hidrolóxico, como os relacionados coa determinación de fontes e sumidoiros de humidade, vinculando a evaporación e a precipitación a diferentes escalas espaciais. “Tamén é un elemento clave na comprensión dos cambios nos extremos de precipitación e na relación fontes oceánicas versus terrestres na precipitación sobre os continentes”, explica Luis Gimeno, que sinala que as discrepancia nas distintas cuantificacións no tempo de residencia do vapor de auga global son bastante sorprendentes, variando desde catro a cinco días, aos máis habituais de oito a 10 días.

Neste novo artigo ponse de manifesto que a escala rexional o tempo de residencia é moi variable, porque depende moitos procesos físicos diferentes que dan como resultado distintos valores de tempo de residencia asociados con diferentes patróns de sistemas. “Polo tanto, existe un espectro de tempos de residencia rexional, desde tempo curtos e próximos a catro ou cinco días nos trópicos ou en rexións extratropicais de paso de borrascas, ata tempos maiores a 10 días en rexións polares”, constata o catedrático.


Referencia: The residence time of water vapour in the atmosphere (Publicado en Nature Reviews Earth & Environment).


Podes ver a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso