O mexillón de río hospédase no salmón para garantir a súa supervivencia en Galicia

Unha tese de doutoramento da USC achega novas solucións para o cultivo dunha especie de molusco que está en perigo de extinción

O mexillón de río (Margaritifera margaritifera) semella ter atopado no salmón atlántico o anfitrión ideal para garantir a súa supervivencia nos ríos galegos, segundo revela a tese de doutoramento desenvolvida na Universidade de Santiago de Compostela (USC) polo investigador Pedro A. Castrillo Arias. O traballo, promovido co obxectivo de achegar novas solucións para o cultivo dunha especie de mexillón de río que está en perigo de extinción, permitiu caracterizar a interacción parasitaria entre as larvas do molusco en cuestión e o salmón atlántico como hóspede, ademais de resultar de axuda para comprender esta fase larvaria e para analizar o efecto desta parasitaxe sobre a saúde do salmón.

Filtración de 40 litros de auga ao día

Os mexillóns de río son verdadeiros enxeñeiros do ecosistema e teñen demostrada unha capacidade de filtración de até 40 litros de auga ao día. Aínda así, están considerados como un dos grupos zoolóxicos máis ameazados do planeta. De feito, o Margaritifera margaritifera está catalogada como unha especie en perigo extinción.

Publicidade

Daquela, para evitar a desaparición desta especie chave no medio fluvial, unha das últimas accións de conservación desenvolvidas céntrase na obtención de xuvenís viables para reforzar as poboacións en declive, o que obriga ao manexo en catividade do seu complexo ciclo vital. Neste proceso, as larvas, denominadas gloquidios, necesitan ancorarse ás branquias dun salmónido ata que, tras unha complexa metamorfose, despréndense como mexillóns xuvenís. Por iso se fai necesario inducir a fase parasitaria en peixes que ofrecen hospedaxe como é o caso do salmón atlántico.

É un dos grupos zoolóxicos máis ameazados do planeta

Este tipo de procesos desenvólvense en estacións de cultivo especializadas, como a que se atopa no Centro Ictioxénico do Veral, en Lugo. Dentro desta actuación importante para a recuperación da especie, os resultados da tese presentada por Pedro A. Castrillo proporcionan avances significativos para coñecer as lesións que sofren os peixes afectados pola gloquidiosis, destacando por primeira vez como os pequenos salmóns se recuperan das lesións causadas en menos dun mes tras a parasitación. De forma simultánea, o emprego de técnicas de microscopía permitiu a descrición dos profundos cambios morfolóxicos que sofren as larvas durante este parasitismo, adquirindo un estadio intermedio con estruturas únicas non descritas anteriormente.

Publicidade

Nunha fase posterior, estas larvas sofren unha metamorfose a post-larva e despréndense das branquias coma se dunha pinga se tratara, minimizando o dano branquial. Así, a integración do cadro morfopatolóxico da gloquidiosis xunto ao desenvolvemento de gloquidio, a post-larva serve para optimizar tanto a produción de mexillóns xuvenís como preservar a saúde dos peixes. Estes resultados contribúen a unha maior comprensión da patoxenia da enfermidade que pode axudar a xestionar as fases parasitas durante o cultivo dos mexillóns de río, uns pequenos animais con gran importancia nos nosos ecosistemas fluviais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Un estudo da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG