Os alumnos de sexto investigan a fertilidade das froitas de verán

Escolares do CEIP Froebel poñen a bata de científico para participar na sección Ciencia no cole de Pontenciencia 2022

Coñecen o valor nutritivo das distintas froitas que consomen de maneira habitual ben por iniciativa propia ou a causa do programa Froita na escola, da Consellería do Medio Rural, no que participa o seu centro e que fomenta o consumo de froita fresca. E decidiron saber algo máis. Coa bata de científicos posta, alumnos e alumnas de 6º de Primaria do CEIP  Froebel de Pontevedra apostaron por investigar e desenvolver o proxecto A produción de sementes nas froitas segundo a estación.

O seu traballo é un dos 18 realizados por escolares de Primaria de 10 centros educativos da cidade, ao abeiro da sección Ciencia no cole da IX Feira da Miniciencia-Pontenciencia 2022, que estará aberta ao público os días 27 e 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. A exposición conxúgase coa divulgación, polo que as autoras e autores das investigacións estarán ao dispor das persoas interesadas para explicar os seus proxectos polo miúdo.

O seu traballo é un dos 18 realizados por escolares de Primaria de 10 centros educativos da cidade de Pontevedra

Foi unha tarefa extensa e intensa na que participaron dúas aulas: 6º A e 6º B. Os seus estudantes —rapaces de 11 e 12 anos de idade—  primeiro documentáronse sobre esta tipoloxía de alimentos e cuestións como que é unha semente, a súa estrutura, función, como se desprazan, o ciclo da vida… Logo escolleron as froitas obxecto de estudo e dividíronas en dous grupos: de verán e de inverno. Unha vez adquiridas as froitas no comercio local púxose en marcha o traballo de verificación da hipótese exposta: As froitas de verán teñen máis sementes que as de inverno.

Análise das froitas.

No grupo de froitas de verán incluíron: framboesa, pexego, nectarina, papaia, uva, cereixa, albaricoque, mango, sandía e ameixa vermella. No de froitas de inverno: néspera, mazá, limón, pomelo, piña, aguacate, laranxa, mandarina, pera e selecta.

Publicidade

Con ollada analítica os escolares do CEIP Froebel abriron as froitas e contabilizaron as sementes, datos que tabularon co fin de extraer conclusións. Esta fase de experimentación completouse poñendo en contexto os resultados, que no deixaron ningunha dúbida sobre a veracidade da hipótese de partida xa que a media de sementes das froitas de verán triplican ás das froitas de inverno.

Están preparados para expoñer diante do xurado e o público interesado a súa investigación. Mais alén do galardón que poidan conquerir, hai algo que xa todas e todos gañaron: unha experiencia ben enriquecedora e, posiblemente, os primeiros pasos dunha vocación científica.

Pontenciencia 2022: Que o coñecemento non pare! está organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), ademais da Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e a FANPA Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vacas no carazo e un intestino, protagonistas das mellores imaxes científicas do ano

A iniciativa divulgadora do CSIC selecciona oito propostas para formar parte dun catálogo e dunha exposición itinerante por todo o país

Catro de cada dez galegos cren que os gobernos crean virus para controlar a súa liberdade

Tres de cada catro cidadáns confía na investigación científica, pero o número de escépticos aumenta en liña coa dinámica mundial

O programa de Maiores da UVigo retoma as charlas abertas en Vigo, Ourense e Pontevedra

O alumnado do programa cambia as aulas por cafetarías para compartir uns minutos ‘de ciencia e vida’

A UVigo leva a Lalín a cuarta edición da feria ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

A actividade inclúe obradoiros, xogos e experiencias interactivas para espertar vocacións científicas na mocidade