O programa de Maiores da UVigo retoma as charlas abertas en Vigo, Ourense e Pontevedra

O alumnado do programa cambia as aulas por cafetarías para compartir uns minutos ‘de ciencia e vida’

Que pasa cando mesturamos cafés, coñecemento e moitas ganas de compartir e aprender? Nace ‘Embaixadores e Embaixadoras da ciencia e do coñecemento’, un ciclo de charlas no que o alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo cambia as aulas por cafetarías para compartir co conxunto da cidadanía uns minutos ‘de ciencia e vida’.

A cuarta edición desta iniciativa, impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), arrancará o vindeiro martes 17 de xuño en Vigo, continuando o martes 24 en Ourense e o mércores 25 en Pontevedra. “Serán tres tardes para deixar os prexuízos fóra e abrir ben os oídos: porque nestes faladoiros, a sabedoría medra coa experiencia e a ciencia faise conversa”, salientan desde a UCC+i, ao tempo que lembran que esta proposta está enmarcada dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i da Universidade de Vigo, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Publicidade

O alumnado do PUM ten moito que contar e farao da mellor maneira: “Con paixón, sinxeleza e moito humor”. Como é habitual falarase de temas moi presentes no día a día: desde tecnoloxía láser ata marcha nórdica pasando pola produción cinematográfica e, nesta aventura, non estarán sós. Cada intervención contará co apoio e asesoramento de persoal investigador da UVigo, que os axudou a preparar os relatorios combinando rigor científico e vivencia vital.

En Vigo, láser; en Ourense, cine, e en Pontevedra, marcha nórdica

No caso de Vigo a cita será o martes 17 ás 18.00 horas no Vitruvia Café, na praza de Compostela, nº 5, baixo o lema Descifrando o láser: principios básicos e usos prácticos. Encargarase de impartir a charla a alumna Regina Conde, acompañada neste caso por María Dolores Valdés, investigadora e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dedicada ao deseño de sistemas electrónicos para adquisición e procesado de sinais. A idea é achegar ao público asistente os fundamentos da tecnoloxía láser e ás súas aplicacións de forma moi dinámica e orixinal.

Publicidade

En Ourense o lugar de encontro será El Cercano (Cardenal Quevedo, 20-baixo), o 24 de xuño ás 18.00 horas e, neste caso, o fío condutor será A experiencia de crear cine na aula: unha charla con protagonistas. Levará a batuta Ramón Fernández Fernández, guionista e director autodidacta que puxo en marcha a película 12 no Camiño. O filme, rodado en distintos enclaves galegos do Camiño de Santiago, está protagonizado por profesorado e alumnado do programa de maiores do campus de Ourense e foi proxectado en diferentes salas de cine e festivais. O director e algúns dos seus protagonistas describirán os aspectos máis técnicos do proxecto, sen esquecer as emocións que este proxecto espertou, e segue espertando, neles.

Ao día seguinte, mércores 25, tamén ás 18.00 h, as charlas trasladaranse a Pontevedra. Co título Moito máis ca camiñar: o poder da marcha nórdica, Virtudes Domínguez, acompañada por Iris Machado de Oliveira, investigadora da Facultade de Fisioterapia dedicada á investigación en exercicio terapéutico e envellecemento activo, falará da súa experiencia con esta modalidade de exercicio e como pode converterse nunha importante ferramenta de promoción da saúde.

Agárdase repetir o éxito das anteriores edicións

Dende a organización destacan o éxito de asistencia e o interese do público que obtiveron estas charlas en pasadas edicións. “Son un reflexo do espírito de compañeirismo que se respira no Programa Universitario de Maiores”. Entre cafés e reflexións compartidas, queda patente, ao seu modo de ver, o forte vínculo que une o alumnado sénior, sempre disposto a apoiar, animar e celebrar os logros dos seus compañeiros e compañeiras. “Esta experiencia demostra que o saber non só se transmite, tamén se vive en comunidade, reforzando a idea de que aprender xuntos, a calquera idade, é unha das formas máis fermosas de seguir medrando”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia consolídase como medio en galego líder en Instagram ao acadar os 40.000 seguidores

A suma de todas as súas redes sociais supera xa as 140.000 persoas, unha cifra histórica para un proxecto especializado, feito en Galicia e enteiramente en galego

Catro de cada dez galegos cren que os gobernos crean virus para controlar a súa liberdade

Tres de cada catro cidadáns confía na investigación científica, pero o número de escépticos aumenta en liña coa dinámica mundial

Sáenz de Cabezón: “Cuestionar a importancia da saúde ou da educación é un atentado contra a sociedade”

O matemático e divulgador ofreceu un relatorio no IDIS sobre a importancia de trasladar o coñecemento científico fóra do laboratorio

A UVigo reforza a súa faceta divulgativa coa 5ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’

A publicación incorpora conversas en estilo directo e, por primeira vez, unha versión en formato audiolibro