Pode vivir Galicia un terremoto como o de Portugal?: “Aquí hai moitos sismos, pero son menos destrutivos”

A composición granítica do solo galego fai que estes eventos naturais sexan menos violentos que noutras zonas do mundo, segundo o experto en xeografía física Augusto Pérez Alberti

Na madrugada de hoxe producíase no Atlántico, a unha profundidade de 19 quilómetros ao sur de Lisboa, un terremoto de magnitute 5,5 na escala de Richter. O Instituto Xeográfico Nacional informaba nas súas redes sobre este suceso, que se deixou sentir na maioría das comunidades do occidente, dende Andalucía ata Estremadura, incluído en Galicia. O sismo, que tivo lugar ás 05:11 hora local, reportou unha chea de chamadas de cidadáns preocupados, aínda que non se produciron danos materiais nin persoais. 

Na páxina do CSEM (Centre Sismologique Euro-Méditerranéen) recóllese o testemuño de quen viviu en primeira pel o tremor portugués. Dende Sines, o lugar máis preto de epicentro, ata Huelva, o sismo deixou a máis dun sen poder durmir despois. En Marín, conta un usuario, sentiuse o movemento das lámpadas nun terceiro piso. No concello de Bergondo, María del Carmen Mariño conta que as madeiras da casa, os armarios e as xanelas runxían. O tremor espertou a máis dun veciño en Pontevedra.

Publicidade

Despois do sismo inicial, podemos predicir o que vai pasar nas seguintes horas? Chegará a réplica a Galicia?

As lembranzas dun mal recordo

O recente terremoto trouxo á memoria de moitos e moitas o episodio que tivo lugar na capital portuguesa no ano 1755, que chegou a ser cualificado dentro da escala de Mercalli, que mide a relación entre a magnitude e a intensidade dun terremoto, como moi desastroso: XI graos, só por debaixo do nivel máis destrutivo, de XIII graos. O Gran Terremoto de Lisboa causou o colapso da meirande parte da cidade: estímase que morreron entre 60.000 e 100.000 persoas nun evento que incluíu un incendio masivo e ata un tsunami, paralizando a vida política e social do país.  

Segundo o experto en xeografía física Augusto Pérez Alberti ambos eventos, o de hai dous séculos e o de hoxe, teñen unha cousa en común: a súa rareza: “A zona máis activa desta rexión atópase entre as Azores e Xibraltar. Este dous terremotos son estraños, ata para os expertos. De feito, a día de hoxe descoñécese cal foi o epicentro exacto do Gran Terremoto de Lisboa”. No 1858, explica un usuario na súa conta de X, tivo lugar na mesma zona de Sines outro sismo “maior e bastante destrutivo”. Tamén no 2018, e no 2023. Ata o de agora, descoñécese a razón pola cal esta rexión é tan activa malia non atoparse nunha falla de importancia.

Os terremotos non son anecdóticos no noso territorio. Máis ben, a súa frecuencia é a consecuencia natural da localización da Península Ibérica, sometida á constante tensión das colisións entre a placa africana e a euroasiática, a cal causou no pasado as incribles paisaxes e diversidade natural do país e, por que non, algún que outro susto para a poboación de moitas épocas distintas.

Unha enerxía brutal e a causa das nosas paisaxes

Os terremotos son fenómenos xeolóxicos naturais cunha cara pouco amable pero, a fin de contas, naturais. Prodúcense a causa dun movemento rápido e repentino dun gran volume de rocas, e a súa violencia explícase pola ruptura e o esvaramento ao longo da cortiza terrestre, a capa máis fina e sólida da terra, xa que nese momento libérase unha cantidade de enerxía brutal en forma de calor e ondas sísmicas. Son estas ondas, que producen vibracións no material que as transmite, o que sentimos os humanos e as culpábeis de que edificios sólidos queden ás veces reducidos a unhas pedras espalladas polo chan. 

España, unha rexión propensa aos terremotos

Os terremotos orixínanse alí onde se atopan fallas, como a de San Andrés (California) ou a do Val do Rift (no este de África), que abranguen grandes extensións. As fallas son rupturas de placas, fragmentos da litosfera ríxidos que se deslizan e desprazan lentamente por enriba da astenosfera, unha rexión composta por material máis quente e brando. Prodúcense polo constante empuxe entre as placas e poden atoparse en todo o planeta, especialmente nas rexións onde hai unha transición entre dúas placas. Aínda así, dentro das propias placas prodúcense constantemente rupturas máis pequenas, dando lugar a fallas de menor tamaño, nas cales tamén acontecen, dun xeito común, terremotos.

España é unha rexión moi activa dende o punto de vista sísmico: atópase entre a placa continental euroasiática e a placa continental africana. De feito, o mediterráneo é, despois do cinto de lume do Pacífico, lugar onde se atopan illas de orixe volcánica tan populares como Hawai, a rexión do mundo máis propensa a sufrir terremotos. Os eventos catastróficos como o terremoto de Lorca son boa proba disto e, lugares como o Mar de Alborán levan ás costas unha chea de eventos sísmicos. Porén, o norte tamén é activo, “e moito“, explica Alberti .

A sismicidade de Galicia, unha gran descoñecida

Segundo o Instituto Xeográfico Nacional, dentro da península Galicia é unha zona activa, máis non destaca precisamente pola magnitude dos sismos que aconteceron historicamente nesta rexión se a comparamos co sur peninsular, moito máis propenso a padecer estes eventos naturais nunha magnitude maior.

Dentro de Galicia atópanse diferenzas en canto á periodicidade da actividade sísmica e a magnitude: mentras que as zonas do sur de Pontevedra e Ourense adoitan ter máis actividade, os eventos de maior magnitude atópanse na rexión do sueste de Lugo, como Triacastela ou Baralla. Aínda así, segundo Alberti, “Galicia enteira amosa unha grande cantidade de pequenas fallas que se atopan dentro da placa euroasiática. É algo sinxelo de apreciar, se pensamos en todas as fontes termais que temos”. De feito, segundo os datos do IGN, ao longo do ano sucédense pequenos sismos na comunidade con moita frecuencia.

Mapa de sismicidade da península ibérica. Foto: Instituto Xeográfico Nacional.

Por que, entón, asociamos os terremotos só ao sur peninsular ou ás zonas montañosas como os Pirineos? A razón é simple: teñen un impacto maior e déixanse sentir máis. No caso de Galicia, un terremoto dunha magnitude de 5,5 como o que ocorreu no Atlántico hoxe non deixa unha pegada tan importante en comparación a outros lugares do mundo, como o Algarve portugués ou o sur de Italia. Alberti lembra o episodio que tivo lugar en Triacastela no ano 1997: “Aínda que foi dunha magnitude xa considerable, non causou moitos danos, máis alá dalgunha casa vella que se derrubou”.

E a razón que explica este menor impacto agóchase no tipo de rocas que conforman a paisaxe galega: “Temos moita máis roca granítica, a cal ofrece unha menor resistencia ás ondas en comparación con outros terreos sedimentarios”. Isto fai que a enerxía se libere dun xeito menos violento.

Posibilidade de réplicas?

É difícil predicir o que vai ocorrer agora, máis aínda tendo en conta que o epicentro do terremoto portugués atópase no medio do mar, a máis de 60 quilómetros da costa de Sines. Os sismógrafos, instrumentos que se adican á medición dos tremores do chan e que a miúdo vaticinan a chegada dun terremoto ou das consecuentes réplicas, non adoitan atoparse fóra do terreo firme, agás naquelas zonas onde o risco de sufrir un sismo é moi grande.

Segundo Alberti, podemos agardar réplicas, como as que xa se deron xusto despois do terremoto orixinal, mais “non semella que poidan supoñer perigo ningún no caso de Galicia“. A magnitude das réplicas soe ser moito menor que a do sismo principal, engade, “como cando pos a ferver auga nun recipiente. Ao principio xorden moitísimas burbullas, e despois a cousa reláxase un pouco”. Só queda fixar a vista no chan que nos protexe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

De herexe a referente: homenaxean o xeógrafo Pérez Alberti pola súa traxectoria

O catedrático e investigador leva décadas viaxando polo mundo para comprender os procesos que mudan as paisaxes

Identificadas as catro candorcas que entraron na ría de Arousa

Os exemplares corresponden á avoa Toñi, matriarca do grupo, o macho Pingu, e as femias Gnomo e Gladis Estrela

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo