Terremoto de magnitude 3,4 en Ourense dentro dun enxame sísmico

O fenómeno inscríbese dentro do enxame sísmico con máis de trinta terremotos rexistrados en Ourense dende principios de xullo

Un terremoto de magnitude 3,4 rexistrouse hoxe con epicentro en Celanova. A terra tremeu ás 4.08 horas da madrugada, sen que se teñan rexistrado danos materiais, pero o sismo puido ser detectado polas persoas.

Este novo terremoto é o de maior magnitude dun enxame sísmico que se mantén no sur da provincia de Ourense dende comezos do mes de xullo. O fenómeno dun enxame sísmico de pequena magnitude suma xa máis de 30 terremotos rexistrados. O máis recente ata o de hoxe foi o do martes, 30 de xullo, con epicentro no municipio de Cartelle e unha magnitude de 3,2.

Publicidade

A actividade sísmica no sur da provincia de Ourense é practicamente diaria dende o comezo do mes de xullo. Sete dos 24 terremotos rexistrados polo Instituto Xeográfico Nacional superaron os 2 graos de magnitude. O resto son pequenos sismos que resultan imperceptibles.

Localización dos sismos na provincia de Ourense este mes de xullo. Fonte: IXN.

A cadea de sismos comezou o luns 1 de xullo, á 1.05 horas da madrugada, cando se rexistrou un terremoto de 2,4 graos de magnitude localizado no concello da Merca, co hipocentro situado a 1 quilómetro de profundidade. No mesmo municipio, foi detectado outro sismo de 1,8 de magnitude o pasado sábado 29 de xuño; e outro de 2,1 o venres 28.

Publicidade

Ademais, na mesma área foron detectados polo IXN outros dous sismos na fin de semana, localizados en Cartelle, que non alcanzaron os 2 graos de magnitude.

Defínese como enxame sísmico a sucesión de tremores que se producen nun área concreta durante un período determinado de tempo. Poden durar horas, días ou meses, e destácanse, tal e como sinala Emilio Carreño, do Instituto Xeográfico Nacional, porque “non existe un sismo que poidamos chamar principal“.

O fenómeno do enxame sísmico adoita producirse con certa periodicidade en Galicia, aínda que a súa intensidade non chega a ser percibida en moitos casos pola poboación. Con todo, hai experiencias recentes de situacións de risco. Foi, por exemplo, o que aconteceu a mediados dos anos 90 no bautizado como ‘triángulo sísmico’, entre as localidades lucenses de Sarria, Becerreá e Triacastela. Centos de tremores de magnitude superior a 3 sucedéronse durante meses. O evento principal produciuse o 21 de maio de 1997, cun tremor de magnitude 5,1 que se sentiu en toda Galicia.

Galicia non adoita vivir grandes sismos como os que acontecen noutras zonas do planeta. Porén, de cando en vez as fallas que atravesan o territorio lembran que a tectónica de placas está aí. Outro enxame sísmico tivo lugar o ano pasado en Pontevedra. E hai un lugar onde a actividade é moito maior e concentrada ca na contorna: o encoro de Belesar, no río Miño. Nunha área de poucos quilómetros cadrados entre os concellos de Taboada, Chantada e O Saviñao, as medicións do Instituto Geográfico Nacional (IGN) rexistraron preto de 200 pequenos terremotos nos últimos anos. Un fenómeno ao que xa prestaron atención varios traballos de investigación sobre sismicidade. Neste caso, os científicos sospeitan que os sismos teñen que ver co asentamento do propio encoro de Belesar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un ensaio na Serra do Candán propón cambiar a disposición das colmeas para frear o ácaro que arrasa as abellas

A estratexia baséase en xirar as estruturas 90 graos para crear un ambiente máis húmido que axude a cortar a reprodución do parasito

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

A Xunta publica o novo mapa das zonas de baño de Galicia: estas son as 42 praias non aptas

A Coruña é a provincia con máis áreas nas que está prohibido mergullarse, como no areal urbano da Virxe do Camiño, no concello de Muros