Domingo 28 Abril 2024

Os segredos que aínda garda a “Cidade da Selva” de Casaio

O proxecto Sputnik Labrego comeza unha nova campaña en Valdeorras para documentar o desmantelamento do campamento antifranquista

“Sabemos pola documentación escrita que en xullo de 1946 realizouse un ataque definitivo sobre estes campamentos”, explica Carlos Tejerizo, director do proxecto Sputnik Labrego, que este luns 10 de xuño comeza unha nova campaña de escavación para indagar no desmantelamento destes campamentos da guerrilla antifranquista, coñecidos como “Cidade da Selva“, que resistiu durante anos no val da Bruña, en Valdeorras.

O proxecto, iniciado hai dous anos, ten unha importante vertente social, recollendo as testemuñas dos maiores da zona que aínda viviron a época da “Cidade da Selva”, gorida da guerrilla, e a “Cidade dos Alemáns”, construída para acoller ao persoal das minas de wolframio que alimentaban a maquinaria bélica nazi e, despois, da Guerra de Corea.

Publicidade

Rescate contra o reloxo á memoria da guerrilla e o wolframio en Casaio

E foi precisamente durante estes traballos, no pasado mes de febreiro, cando toparon cun achado inesperado e moi relevante para a arte rupestre en Galicia: uns ídolos oculados e polo menos unha quincena de pinturas de diferentes tipos, entre as que tamén había soliformes. Estes descubrimentos presentáronse a pasada semana nunha charla en Santiago, coa presenza de Carlos Tejerizo, director do proxecto, Felipe Criado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, Francisco Alonso, de Estela Arqueoloxía, e Manuel Santos Estévez, da Universidade do Minho, nas que se puxo de manifesto o “cambio de paradigma” que supoñen estas pinturas na arte prehistórica peninsular.

Atopan en Valdeorras pinturas prehistóricas únicas en Galicia

Unha vez recollida toda a información precisa sobre as pinturas rupestres, as miradas centraranse de novo nos campamentos da guerrilla. “Grazas á escavación que realizáramos o verán pasado, puideramos analizar con detalle como se consolidou a Federación de Guerrillas de León-Galicia na chamada ‘Cidade da Selva’. Agora queremos estudar o final da guerrilla e as razóns para a súa desaparición”, explica Carlos Tejerizo.

Así, entre este luns 10 e o domingo 23 de xuño, continuarase cos traballos, despois de achados que permitiron afondar en aspectos como a vida cotiá, o papel da muller na guerrilla ou a organización das partidas distribuídas por estes montes. “Foi todo un éxito que nos animou a continuar coas escavacións, abrindo novas fronteiras de traballo”, afirma Alejandro Gutiérrez, co-director das escavacións.

Para esta campaña, Sputnik Labrego contará tamén con Francisco Alonso, descubridor das pinturas esquemáticas en Casaio. “Esperamos confirmar o que nós xa sabemos, a relevancia das paisaxes históricas nos montes de Casaio e a necesidade da súa protección por parte das institucións”, engade Alonso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Cambiamos a nosa mente coas cousas que construímos ao longo da historia?

Un proxecto dirixido desde Galicia e financiado con 10 millóns de euros estudará ata 2027 a interacción entre materiais, coñecemento e pensamento

Dous equipos galegos, seleccionados nas prestixiosas bolsas Synergy Grant

Diego Peña, do CiQUS, e Felipe Criado, do Incipit, serán investigadores principais de proxectos financiados con arredor de nove millóns de euros

Valencia do Sil, un novo xacemento de referencia en Valdeorras

O proxecto Sputnik Labrego presenta a memoria do sitio, que apunta a unha ocupación de entre 150 e 200 persoas a mediados do século IV