Os datos que achegaron este xoves o Ministerio de Sanidad e a Consellería de Sanidade sobre a situación da Covid-19 en Galicia amosan de novo unha elevada cifra de curacións respecto ao día anterior. Os casos activos baixan de 678 a 569, e as persoas que superaron a doenza son 10.148, 115 máis có mércores, o que supón que case o 90% das persoas que se infectaron en Galicia xa superaron a enfermidade.
A serie que achega o Ministerio sitúa un día máis a Galicia como a comunidade autónoma con menor incidencia acumulada en canto aos casos diagnosticados nos últimos sete días. Con 11 diagnósticos na pasada semana, a taxa por 100.000 habitantes é do 0,41, 10 veces menor cá media de España (4,84).
Estes datos, con todo, están suxeitos á revisión individualizada que está a facer Sanidad, segundo insiste nas súas comparecencias diarias o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón. O novo sistema establecido polo Ministerio, centrado na detección precoz e control de novos casos, está a recibir numerosas críticas debido a que deixa de notificar parte dos óbitos (este mércores só se sumaron cinco á serie) mentres que algunhas comunidades autónomas seguen informando dos falecementos diarios, o Ministerio de Sanidad só actualiza a serie histórica de forma semanal, e informa das mortes en cada unha das rexións administrativas nos últimos sete días.
No período das últimas dúas semanas, Galicia notificou 55 novos casos, aínda que só 11 iniciaron síntomas neste período de tempo. Na cifra de referencia dos últimos sete días, as autoridades sanitarias galegas informaron ao Ministerio de 11 diagnósticos, dos que só 2 comezaron a manifestar síntomas neste rango temporal. Segundo a nova estratexia, desde o 11 de maio considéranse casos os confirmados mediante proba PCR ou ben os detectados con proba serolóxica que detecte anticorpos IgM (os máis temperáns) cando haxa síntomas compatibles coa Covid-19. Este mércores diagnosticouse un caso en Galicia, segundo a cifra achegada a Sanidad. Con todo, a pesar do mínimo número de novos positivos, os hospitais galegos seguen realizando máis de 1.000 probas PCR diarias. Este xoves sumaban 147.188 desde o comezo da crise.
Casos activos
No conxunto de Galicia, estase a seguir a 569 persoas como casos activos por coronavirus, segundo a cifra que facilita a Consellería de Sanidade. Delas, 139 están na área da Coruña-Cee, 38 son da de Lugo-A Mariña-Monforte, 52 da de Ourense-Verín-O Barco, 15 da de Pontevedra-Salnés, 193 da de Vigo, 112 da de Santiago-Barbanza, e 20 da de Ferrol. A metade das curacións deste día rexístranse en Vigo, onde hai 63 casos activos menos ca onte.
A ocupación dos hospitais é menor cós días previos á declaración do estado de alarma, na fin de semana do 15 de marzo. Unha persoa está na UCI, e outras 23 están noutras unidades de hospitalización.
En canto aos falecementos, a Xunta de Galicia dá conta de 618 óbitos, mentres que Sanidad confirma 609 (dos que dous se terían producido na última semana) debido a que aínda está realizando a validación de cada caso para corrixir a serie histórica, que o Ministerio actualizará semanalmente.
No referente ás residencias de maiores e centros de discapacidade, seguen activos 49 casos (28 usuarios e 21 profesionais). Desde que comezou a crise, faleceron 274 usuarios destes centros (132 nas propias residencias e 142 en hospitais ou residencias integradas).
Serie de casos
As informacións incompletas sobre a evolución da pandemia por parte da Consellería de Sanidade, así como os diversos cambios de criterio decretados por parte do Ministerio de Sanidad que dificultaron, do mesmo xeito, o seguimento da serie de casos desde o comezo da crise complican seguir ao detalle día a día as cifras. Con todo, da suma de casos activos, curacións e falecementos que ofrece Sanidade pode tirarse o total de infeccións por Covid-19 detectadas en Galicia, que ascenderían este luns a 11.335.
Con todo, este dato non é sinónimo de persoas enfermas, xa que só 9.134 delas se contabilizan, segundo o Ministerio de Sanidad, como casos. As outras 2.199 persoas puideron dar positivo por outras probas de anticorpos, pero non manifestaron síntomas da doenza. Deste xeito, nos últimos días, aínda que Galicia apenas estea detectando casos, a cifra de infeccións totais segue medrando, toda vez que a validación que está a realizar Sanidad está a incluír positivos detectados pero que non necesariamente se corresponden aos últimos días.














