Lavar con frecuencia as mans con auga e xabón é a mellor proteción fronte ao coronavirus e outros patóxenos. Porque, na vida diaria, as nosas mans van recollendo microorganismos a varios estudos sinalan que levamos as mans á cara de media unhas dúas mil veces ao día, levando así eses microbios ata o noso tracto respiratorio.
Pero, cando non dispoñemos dunha billa con auga fresca e unha simple pastilla de xabón, unha alternativa pode ser usar un xel hidroalcólico. Este desinfectante contén alcol nunha composición entre o 60% e o 85%, sendo a máis común a de 70%.
O alcol mata o 99.99% das bacterias, aínda que non actúa contra as esporas das bacterias anaerobias, razón pola que se lle engade auga osixenada. Tamén é un potente viricida e funxicida. O xel hidroalcólico pode matar virus como os da gripe e o arrefriado común, ademais do VIH.

Pero toda esta eficacia pode observarse a simple vista. Iso é o que fixo o investigador galego José Tubío, do CiMUS da Universidade de Santiago. Tubío dirixe o grupo de Xenomas e Enfermidade e, a comezos deste ano 2020, publicou un estudo de impacto mundial sobre os retrotransposóns e un importante mecanismo xenético do cancro. O traballo foi publicado nada menos que na prestixiosa revista Nature. Agora mesmo, está a dirixir outro proxecto para atopar as cepas principais do SARS-CoV-2 en Galicia.
A test in my lab showing how efficient hydroalcoholic gels could be. Pictures show microorganisms (bacteria and fungi) growing after 24 hours. Left: traces from a hand; Right: traces from the same hand after cleaning with hydroalcoholic gel.#COVID19 #coronavirus #SARSCoV2 pic.twitter.com/3UCgwLfx7R
— Jose Tubio’s lab – Genomes & Disease (@MobileGenomes) June 3, 2020
Pero nun laboratorio nunca hai traballo pequeno. E Tubío (tamén un divulgador) publicaba hoxe un chío en Twitter cunha imaxe reveladora: como actúa o xel hidroalcólico nas nosas mans.
“Unha proba no meu laboratorio que amosa cuan eficientes poden ser os xeles hidroalcólicos. As imaxes mostran microorganismos (bacterias e fungos) medrando despois de 24 horas. Esquerda: pegadas dunha man; dereita: trazas da mesma man despois da limpeza con xel hidroalcohólico”.
Así que xa sabes: se non podes lavar as mans, sempre podes usar un xel hidroalcólico. Un científico galego que publica en Nature pode acreditalo.
E, se queres saber que xeles son os máis eficaces, aquí tes a listaxe que actualizou o pasado 6 de maio a Axencia Española de Medicamentos (AEMPS):














