Un 2,23% dos galegos teñen anticorpos, expón a segunda onda do estudo estatal

Os resultados presentados polo Ministerio de Sanidad confirman, cunha maior fiabilidade de datos, que arredor dun 5% da poboación española estivo infectada

O Ministerio de Sanidad presentou este xoves os resultados preliminares da segunda das tres ondas do estudo de seroprevalencia ENE-COVID19, que ten por obxectivo estimar a porcentaxe de persoas que se infectaron co coronavirus SARS-CoV-2 ata o momento, con mostraxes que permiten analizar a situación en cada comunidade autónoma e provincia do territorio estatal. Os resultados constatan a baixa circulación do virus en Galicia, cun 2,23%, cifra case idéntica ao 2,15% da primeira onda. Serían, por tanto unhas 60.000 persoas as que estiveron expostas ao SARS-CoV-2 en Galicia. As cifras presentadas este luns increméntanse lixeiramente, toda vez que as análises foron realizadas entre o 18 de maio e o 1 de xuño, cun maior número de casos detectados ca na primeira onda. En total, un 5,21% da poboación ten anticorpos fronte ao virus.

Máis exactitude

A segunda onda inclúe, como na primeira, os resultados dos anticorpos IgG detectados nas persoas analizadas, máis de 60.000 en España, cunha especial atención á circulación do virus dentro dos fogares. O traballo foi presentado nunha comparecencia de prensa polo director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias, Fernando Simón, a directora do Instituto de Salud Carlos III, Raquel Yotti, e a directora do Centro Nacional de Epidemiología, Marina Pollán. Segundo destacou Raquel Yotti, esta actualización dos resultados, axuda a ofrecer unha visión máis exacta da circulación do coronavirus no territorio estatal.

Publicidade

As cifras presentadas este xoves teñen en conta tamén boa parte das análises de laboratorio da primeira onda. A cada participante, ademais da punción no dedo para o test rápido de anticorpos, solicitábasellle autorización para unha extracción sanguínea, algo ao que accederon, segundo Raquel Yotti, máis do 85% do total. Esta análise permite comprobar cunha maior fiabilidade a presenza de anticorpos, reducindo así a posibilidade de falsos positivos e falsos negativos. Nesta segunda onda estudábanse as mesmas persoas ca na primeira, para comprobar a súa evolución ao longo das últimas semanas. Agora, despois dun breve período para a análise de resultados, realizarase unha nova visita ás persoas participantes. Segundo expón Sanidad, a combinación das dúas técnicas de análise permite maximizar a representatividade e calidade da información.

Circulación en Galicia e España

As catro provincias galegas volven amosar na segunda onda unha das menores circulacións do SARS-CoV-2 en España. A cifra aumenta lixeiramente na Coruña (do 1,8% ao 2,2%) e en Lugo, do 2,3 ao 2,5%, mentres que baixa en Ourense (2,8% a 2,2%) e Pontevedra (2,3% ao 2%). As diferenzas, con todo, non son significativas entre as dúas ondas, segundo aclararon os portavoces do Goberno na comparecencia. A porcentaxe do total de Galicia (2,23%) é case o dobre da estimación realizada pola Consellería de Sanidade, que situaba a circulación nun 1,15%, aínda que os estudos seguían metodoloxías distintas que poden dar pé a diferenzas nos resultados.

Publicidade

Noutras provincias españolas, obsérvase un lixeiro incremento da circulación nas provincias máis afectadas, como Madrid (11,4%), Soria (14,7%), Segovia (12,6%), Cuenca (14,2%), Guadalajara (10,5%) ou Barcelona (7,4%). Noutras, como Ciudad Real (9,8%) ou León, as cifras baixan algo. Con todo, están dentro de marxes sen significación estatística. Entre as provincias con menor inmunidade están Huelva (1,2%), Murcia (1,6%), Baleares (1,5%), Asturias (1,6%), e Tarragona (1,6%)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves

A covid pode provocar placas semellantes ás do alzhéimer nos ollos

Os estudos relacionan a néboa mental tras o coronavirus e a acumulación de beta amiloides no sistema nervioso central

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega