(en ampliación) – O Ministerio de Sanidad presentou na tarde deste mércores os resultados do seu estudo de seroprevalencia para coñecer con maior detalle a circulación do coronavirus SARS-CoV-2 no territorio español. A estimación da enquisa, realizada a máis de 60.000 persoas no país, apunta a que arredor do 5% da poboación (pouco máis de dous millóns de persoas) xeraron anticorpos fronte ao virus. En Galicia, a cifra é unha das menores, como xa apuntaron algúns expertos nas últimas semanas. Os resultados da investigación coordinada polo Instituto de Salud Carlos III e o Ministerio de Sanidad estiman que algo menos de 60.000 galegas e galegos (tanto diagnosticados como non detectados) estiveron expostos ao virus.
O mapa facilitado polo Ministerio de Sanidad amosa as porcentaxes de persoas que teñen anticorpos IgG (os que aparecen nunha fase máis tardía da infección e quedan unha vez pasada a mesma). A provincia de Soria, cun 14,2%, é a que maior porcentaxe de poboación tivo en contacto co virus. As comunidades de Madrid, Castilla-La Mancha, Castilla y León e Navarra, así como as provincias de Álava, Barcelona e Zaragoza, superan tamén o 5% da media estatal.
En Galicia, a estimación da circulación do virus distribúese deste xeito. Os resultados, en todo caso, son preliminares e suxeitos a unha pequena marxe de erro, aínda que permiten facerse unha idea do impacto do virus.
Uns 2 millóns de españois expostos
A enquisa sero-epidemiolóxica ENE-Covid, coordinada desde o Goberno español, é unha das dúas ás que se someteu parte da poboación galega. Ademais de coñecer a porcentaxe de persoas que contraeron a infección (tanto a enfermidade como casos leves ou asintomáticos, pero que si estiveron expostos ao virus), o ENE-Covid tiña por obxectivo coñecer con maior detalle a transmisión do SARS-CoV-2 entre as persoas que comparten fogar e a nivel comunitario, toda vez que boa parte da poboación estivo case dous meses sometida ao confinamento.
Os resultados foron comunicados nunha comparecencia de prensa o ministro de Sanidad, Salvador Illa, o ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, o secretario xeral de Sanidad, Faustino Blanco, a directora do Instituto de Salud Carlos III, Raquel Yotti, e a directora do Centro Nacional de Epidemiología, Marina Pollán.
“O estudo confirma as hipóteses sobre as que viñamos traballando”, resumiu Salvador Illa, antes de destacar que o estudo segue todavía en curso para afinar as conclusións do mesmo. Pola súa parte, Duque cualificou o estudo como “un dos máis sólidos” que se realizou no mundo ata agora. Raquel Yotti engadiu que aínda quedan por realizar dúas das tres visitas das que se farán aos fogares participantes.
Un 1% de afectados no avance do estudo do Sergas
Pola súa parte, a enquisa epidemiolóxica do Sergas, que ata o momento realizou un único test rápido de anticorpos a máis de 50.000 persoas, amosa unha circulación inferior á obtida coas persoas analizadas polo ENE-Covid, que ten previsto estudar en tres visitas a máis de 6.000 persoas en Galicia. Segundo avanzou Alberto Núñez Feijoo este mércores, arredor do 1% da poboación galega, unhas 27.000 persoas, puideron ter contacto co virus, o que quere dicir que o 99% non tivo oportunidade de desenvolver inmunidade, en caso de que as defensas do organismo poidan previr novas infeccións do SARS-CoV-2. Por agora non se aclarou se a segunda ondada de análises, que Feijoo abriu a porta a suspender a pasada semana, se levará finalmente a cabo.
Os resultados levaron ao presidente da Xunta a anticipar na súa comparecencia que as cifras teñen unha dobre vertente, cunha “mellor situación presente“, pero que ao tempo significa estar “máis expostos ante un rebrote en canto se permita a mobilidade”. Unha situación que, xunto a outros detalles que achegaron os informes dos expertos sanitarios e xurídicos que asesoran á Xunta de Galicia, levou a Feijoo a recomendar que se convoquen “axiña” as eleccións autonómicas suspendidas o pasado 5 de abril, ante o risco de que unha maior circulación de persoas no verán incremente o risco de rebrotes.
Muy documentado y acertado