Sábado 20 Abril 2024

O que revela o estudo de seroprevalencia en Galicia

Os datos provisionais do Ministerio de Sanidad duplican a previsión de positivos avanzada este mesmo mércores pola Xunta de Galicia

Con todas as precaucións precisas, ao tratarse dun estudo en curso e que se terá que seguir afinando nas vindeiras semanas coa toma de máis mostras a máis de 60.000 persoas en España (unhas 6.100 en Galicia), os resultados preliminares do estudo de seroprevalencia ENE-Covid19 presentados polo Goberno español este mércores axudan a ter unha fotografía máis detallada do impacto da pandemia que está cambiando o planeta.

Unha das primeiras cifras que chamou a atención foi a diferenza entre as porcentaxes provisionais das dúas enquisas coas que se está estudando á poboación galega. O abano  (do 1% da enquisa do Sergas ao 2,1% do ENE-Covid19), estima que entre 27.000 e 60.000 persoas puideron estar xa expostas á infección en Galicia. Unhas cifras, en todo caso, moito menores ás de boa parte de Europa, e que constatan que as medidas de confinamento e xestión da pandemia en Galicia, así como a chegada tardía do virus pola situación xeográfica, entre outros factores, lonxe dos grandes focos da infección, salvaron ao país de parte do impacto desta primeira ondada noutras rexións. Por tanto, hai entre 15.000 e 50.000 persoas (Galicia confirmou ata o mércores 13 de maio 10.782 positivos) que pasaron a infección sen recibir confirmación diagnóstica.

Publicidade

Podería haber resultados distintos no estudo do Sergas?

Aínda non se coñece con detalle o resultado do estudo de seroprevalencia que xa analizou a 50.000 persoas en Galicia, pero o presidente da Xunta avanzou que hai arredor dun 1% de persoas con anticorpos segundo esta enquisa. Á espera de coñecer os resultados precisos, a cifra absoluta apunta a que serían menos de 30.000 os galegos xa infectados. Tal e como teñen reclamado algúns médicos e expertos, o método usado (unha única punción no dedo e un breve cuestionario), cunha soa proba a cada persoa, sen confirmación con outro tipo de técnicas máis precisas no laboratorio (o que si fai o ENE-Covid19), podería reducir o número de positivos detectados e, por tanto, amosar unha circulación menor da real, a pesar de que o universo da mostra sexa moito maior cá do ISCIII.

Como se fixo o estudo ENE-Covid19?

No resumo publicado polo Ministerio de Sanidad, explícase que o ENE-Covid19 recrutou a 60.983 persoas en análises realizadas entre o 27 de abril e o 11 de maio, unha vez superada a fase aguda da pandemia en España. A enquisa sero-epidemiolóxica ofrece, ademais do devandito test rápido cunha picada no dedo para darlle un resultado instantáneo ás persoas participantes, a posibilidade a quen o desexe de doar unha mostra de sangue mediante extracción venosa, que é analizada cunha proba en laboratorio de maior sensibilidade.

Segundo explica o ISCIII no informe preliminar, os resultados presentados este mércores refírense aos anticorpos IgG, os que aparecen nunha fase máis tardía da infección, pola dificultade de lectura da banda dos anticorpos máis ‘temperáns’ (IgM), que complicaba a interpretación dos datos.

As análises complementáronse cun cuestionario sobre os posibles contactos de risco, o perfil socioeconómico, historia clínica ou as actividades realizadas no período no que comezaron a aparecer casos de Covid-19 en España, como as viaxes a outras zonas do país.

Máis do 1% de letalidade

Aínda que as cifras seguen sometidas a un importante grao de incerteza debido ás eivas na información que difunde o Ministerio de Sanidad, a estimación de que unhas 2.300.000 persoas se infectaran en España, co falecemento de máis de 27.000, apunta cara a unha letalidade de arredor do 1,2%, segundo avanzaba Miguel Hernán, un dos expertos que asesorou ao Goberno español nas primeiras etapas da crise. A cifra en Galicia sería moi semellante: con 600 falecidos a última hora do mércores e, segundo os resultados do ENE-Covid19, algo menos de 60.000 infectados.

Que zonas destacan?

Os cálculos aproximados apuntan a que arredor da metade dos contaxios en España estarían na Comunidade de Madrid (máis de 750.000 persoas) e na provincia de Barcelona (máis de 400.000). Porén, en canto a termos relativos, son as provincias que rodean Madrid, nas dúas Castillas, as que amosan unha maior circulación. Soria (14,2%), Cuenca (13,5%), Segovia (12,6%), Albacete (11,6%), Ciudad Real (11,1%), ou Guadalajara (10,9%), teñen, segundo os datos preliminares, un de cada 10 habitantes que xa pasou a infección. Na outra banda, ademais de Galicia, destaca a baixa circulación en Asturias, Levante, Andalucía occidental e as illas Baleares e Canarias.

Os resultados xerais de España coinciden cos publicados este mesmo martes pola revista Science, onde se fai unha estimación da circulación do SARS-CoV-2 en Francia. Os autores do traballo expoñen que arredor duns 2,8 millóns de franceses (un 4,4% da poboación), tería estado exposta ao coronavirus.

Resultados por idades

O estudo destaca unha menor presenza do virus en bebés, nenos e adolescentes (sobre todo ata os 19 anos), cunha porcentaxe que en ningún caso supera o 4%. No resto da poboación, indica o ISCIII, os datos son semellantes en cada franxa de idade.

O estudo do Goberno calcula que o 2,15% dos galegos teñen anticorpos contra o virus

Detectados fronte a infectados

Entre outros datos, un dos resultados máis salientables da enquisa é a baixa circulación do virus en La Rioja, unha das comunidades que sufriu os primeiros brotes a comezos de marzo e que maior taxa de infección amosa en canto aos casos confirmados. En atención ás estimacións do ENE-Covid19, os servizos sanitarios puideron detectar ata o 40% do total das persoas infectadas, en boa parte debido ao gran volume de probas PCR e tests rápidos que realizou a rexión.

Galicia tamén destaca neste sentido, xa que fronte á aproximación dun 90% de infectados  non diagnosticados en España ao que apunta o estudo de seroprevalencia, ao sistema sanitario galego ‘só’ se lle escaparían algo máis de 8 de cada 10 (80%). Xunto a Galicia e La Rioja, Navarra, País Vasco, Castilla y León, Cataluña e Cantabria tamén expoñen unha maior proporción de contaxios detectados sobre a circulación total estimada do virus.

Baixo estas liñas pode interpretarse a relación en cada comunidade entre os casos confirmados ata agora por por proba PCR e test de anticorpos en canto ao total da poboación e a circulación do virus que estima o estudo ENE-Covid19.

Así, nas rexións situadas sobre liña horizontal, ou por riba dela, o ancho da pirámide de casos non detectados sería menor, como se pode ver baixo estas liñas:

Relación entre total de infeccións previstas polas enquisas epidemiolóxicas (chave verde) e casos confirmados mediante PCR ou tests rápidos por fontes oficiais (chave vermella).
Relación entre total de infeccións previstas polas enquisas epidemiolóxicas (chave verde) e casos confirmados mediante PCR ou tests rápidos por fontes oficiais (chave vermella).

Poderán cambiar os resultados?

Si, pero dentro dunha pequena marxe de erro, coa mellora da exactitude nos resultados do estudo unha vez finalizado. Ademais, inflúe a propia evolución da pandemia, coa posible a aparición de novos focos e mesmo rebrotes na fase de desescalada. As marxes de erro, cun intervalo de confianza do 95%, fan oscilar a porcentaxe de poboación con anticorpos do 4,7 ao 5,4%.


Máis información: Informe preliminar do ENE-Covid19 (en PDF).

3 COMENTÁRIOS

  1. Ene-covid19 presenta resultados soamente do test rápido, que ten alto VPP (sensibilidade alta) entón digamos que subestima a prevalencia, se entende o valor reportado como un máximo??

    • Ola Pablo!
      Non se inclúen resultados coa extracción venosa dos casos nos que se autorizou, polo que tira á baixa da prevalencia real (aínda que o resultado final non variará moito). O IC superior co 95% é de 5,5%, polo que se estima que arredor diso andará finalmente.
      Saúdos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204