Xoves 28 Marzo 2024

Cando un ‘mar’ de icebergs cambiou a fauna da Conca Interior de Galicia

Científicos da UVigo participan nunha investigación na que se estudan os cambios climáticos abruptos que tiveron lugar no Pleistoceno

En 2014 o investigador da Universidade de Vigo Anxo Mena publicou unha tese de doutoramento na que demostraba que os desprendementos masivos de icebergs no Atlántico norte, os coñecidos como Eventos de Heinrich, provocaron o maior cambio climático na oceanografía de Galicia. Ese estudo estaba centrado, sobre todo, en como afectaron eses cambios a microorganismo como o plancto, pero neses intres pouco  ou nada se sabía sobre as transformacións que produciran na comunidade macrobentónica, no conxunto de animais que habitaban neses intres o fondo da denominada Conca Interior de Galicia, unha depresión submarina de máis de 3.000 metros de fondo que se estende do norte ao sur a uns cen quilómetros da costa galega. Estes datos chegan agora da man dun equipo internacional do que forman parte o propio Anxo Mena e o docente que dirixiu a súa tese, Guillermo Francés, investigadores ambos do grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo; o profesor Francisco Javier Tovar, da Universidade de Granada, que liderou o estudo, e o investigador da Royal Holloway University of London Javier Dorador.

Os coñecidos como Eventos de Heinrich provocaron o maior cambio climático na oceanografía de Galicia

O traballo foi publicado esta mesma semana na revista Global and Planetary Change e supón a continuación do estudo multidisciplinar que se está a levar a cabo sobre a Conca Interior de Galicia, unha liña de investigación que arrancou coa propia tese de doutoramento de Mena, investigación que agora foi empregada como marco teórico para esta nova fase do estudo, sobre todo no que se refire á información cronolóxica e aos procesos sedimentarios existentes.

Publicidade

Cambio clave no Pleistoceno

Este novo artigo afonda en como os Eventos de Heinrich, que son eses cambios climáticos abruptos que aconteceron no Pleistoceno trouxeron ata as latitudes de Galicia grandes cantidades de icebergs, cambiaron as comunidades macrobentónicas e, polo tanto, as pegadas que estas deixaron sobre o sedimento.

Localización dos núcleos analizados na Conca Interior de Galicia, con diferenciación dos tres dominios principais. Fonte: Global and Planetary Change.
Localización dos núcleos analizados na Conca Interior de Galicia, con diferenciación dos tres dominios principais. Fonte: Global and Planetary Change.

“Coñecer como afectan ao hábitat bentónico os cambios climáticos abruptos é moi importante porque nos axuda a comprender a acción das masas de auga, non só no relacionado cos procesos sedimentarios, senón tamén no que ten que ver coa fauna bentónica asociada”, explica Mena, quen recalca o feito de que poder coñecer isto, tanto a escala global, como a escala rexional, “permítenos ver as variacións dentro dun mesmo sistema ás mesmas alteracións”, unha cuestión que non é menor se temos en conta a actual situación de cambio climático. “Saber o que aconteceu no pasado é o mellor xeito de  que a comunidade científica se poida facer unha idea de como reaccionaría  a oceanografía e o clima de Galicia ante un acontecemento similar, caracterizado, sobre todo, pola liberación de auga doce ao océano”, recalca Mena.

Redución da fauna bentónica

Para a posta en marcha do estudo, centráronse no denominado Evento de Heinrich 1, que é o máis próximo á actualidade, e que se localiza hai aproximadamente 16.000 anos. Unha vez analizados todos os datos, os resultados indican que estas comunicades macrobentónicas foron cambiando no propio momento do  evento climático e tamén segundo a súa posición relativa cara a costa. “Deste xeito, durante a parte máis extrema do Evento de Heinrich, cando chegaron a maior cantidade de icebergs, estas comunidades quedaron moi reducidas  ou case desapareceron debido ás condicións de falla de osíxeno da superficie sedimentaria, recuperándose esta comunidade unha vez que se mitiga este evento ou deixa de ser tan extremo”, recalca o investigador da UVigo.

Por outra parte, o estudo tamén constatou que estas comunidades macrobentónicas tamén cambian segundo a súa proximidade á costa. “As zonas máis próximas á costa teñen maior diversidade e abundancia de animais que as zonas máis afastadas, debido tanto a propia topografía da Conca Interior de Galicia como á oceanografía e á acción das masas de auga sobre o noiro e o fondo da conca”, explica o investigador.


Referencia: Regional and global changes during Heinrich Event 1 affecting macrobenthic habitat: Ichnological evidence of sea-bottom conditions at the Galicia Interior Basin (Publicado en Global and Planetary Change).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo analiza as pegadas fósiles nos fondos mariños da costa de Galicia

Os científicos da UVigo Anxo Mena e Guillermo Francés asinan un traballo que publica a revista "Scientific Reports", do grupo Nature

Un dos maiores expertos mundiais en contornitas imparte unha charla en Vigo

Javier Hernández-Molina, catedrático na Royal Holloway da Universidade de Londres, impartiu unha conferencia e un curso na Facultade de Ciencias do Mar

Científicos galegos, a bordo do Ángeles Alvariño no golfo de Cádiz

Tres investigadores da Facultade de Ciencias do Mar estarán desde este martes 9 ata o 4 de agosto nunha campaña asociada ao proxeto Inpulse

Detectan o rastro da auga dos ríos galegos na última glaciación

O Grupo Geoma detecta chegadas periódicas de masas de auga doce á Conca Interior galega nos últimos 80.000 anos