Científicos galegos, a bordo do Ángeles Alvariño no golfo de Cádiz

Tres investigadores da Facultade de Ciencias do Mar estarán desde este martes 9 ata o 4 de agosto nunha campaña asociada ao proxeto Inpulse

Un equipo de tres investigadores e dúas investigadoras do Centro de Investigacións Mariñas (CIM) da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo partirá a próxima semana cara ao golfo de Cádiz para participar a bordo do buque Ángeles Alvariño na campaña Inpulse-0719, cuxo obxectivo é estudar a interacción dos procesos oceanográficos e sedimentarios no noiro continental e a súa influencia sobre os hábitats desta zona, prestando especial atención á interacción da denominada Auga Mediterránea de Saída (MOW) coas formas de fondo presentes no noiro superior e medio.

A campaña está asociada ao proxecto Inpulse (Interación de procesos oceanográficos e sedimentarios no noiro continental: implicacións ambientais e nos hábitats), no que participan numerosas institucións estatais e estranxeiras e que está financiado polas axudas a proxectos de I+D+i correspondentes ao Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. Coordinado por Luis Miguel Fernández Salas, do Instituto Español de Oceanografía, que será tamén o responsable desta campaña, o proxecto consta de dous subproxectos, un dos cales –o subproxecto2- está liderado polo grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica da Universidade de Vigo, equipo liderado polo decano da Facultade de Ciencias do Mar, Miguel Ángel Nombela, e do que tamén forman parte o resto de investigadores que van participar na campaña: Irene Alejo, Guillermo Francés, Anxo Mena e Marta Pérez.

Publicidade

Futuros cambios ambientais

O traballo de campaña realizarase en varias zonas, espazos que se estudarán dende un punto de vista multidisciplinar, usando metodoloxías clásicas e innovadoras para a adquisición de datos batimétricos, un amplo conxunto de variables ambientais e características do sedimento do fondo mariño. Entre as técnicas que se van a usar, destaca o uso dunha zorra que permitirá obter imaxes en vivo do fondo mariño. “O emprego conxunto de toda a metodoloxía, a aproximación multidisciplinar ao medio e o estudo de alta resolución de determinadas áreas do golfo de Cádiz confiren un carácter innovador e pouco frecuente a esta campaña”, explican os responsables da campaña.

Zonas de traballo no golfo de Cádiz. Fonte: Duvi.
Zonas de traballo no golfo de Cádiz. Fonte: Duvi.

Os datos obtidos na campaña Inpulse-0719 servirán para definir como se produce o desbordamento da saída da auga mediterránea (MOW) polo estreito de Xibraltar e os procesos oceanográficos e sedimentarios asociados á súa entrada no golfo de Cádiz e posterior dispersión. “A interacción das diferentes masas de auga é importante por varios motivos, entre eles, a existencia e desenvolvemento de hábitats específicos ou a súa repercusión nas actividades económicas que usan o fondo mariño para o tendido de cables, gasodutos, explotación de recursos, etc.”, apuntan desde o equipo de coordinación.

Publicidade

O estudo inclúe tamén a elaboración de modelos numéricos baseados nos datos reais, que poden ser a chave para predicir desenvolvementos futuros en situacións de cambios ambientais profundos. “O estudo da MOW, a súa interacción con outras masas de auga e as súas implicacións no medio mariño ten moita importancia por numerosos motivos, entre os que se pode incluír a súa influencia global nos procesos climáticos e oceanográficos, implicacións nos hábitats e a súa repercusión económica”, recalcan os investigadores.

30 especialistas de institucións nacionais e estranxeiras

De carácter moi multidisciplinar o proxecto Inpulse involucra a un total de 30 investigadores e investigadoras procedentes de diferentes organismos, entre eles as universidades Royal Holloway (Londres), Cádiz e Málaga; os centros do IEO de Málaga, Cádiz e Madrid; o Instituto Andaluz de Ciencias da Terra-CSIC (Granada) e o NOC (Southampton), Royal Dutch Shell e o Instituto Petroleum Engineering (Reino Unido), entre outros. Estas institucións engloban un conxunto de especialidades entres as que se inclúen a xeoloxía mariña, a oceanografía física, a ecoloxía bentónica, as matemáticas aplicadas e a enxeñaría acústica e da comunicación. Ademais, o proxecto conta co apoio de varias empresas e entidades, como Enagas, Gas Natural e a Sociedad Anónima de Electrónica Submarina (SAES).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela novas claves para anticipar as floracións tóxicas que afectan as rías galegas

Unha tese do IEO-CSIC afonda na bioloxía dunha microalga e nos factores ambientais que condicionan as súas proliferacións

Documentadas por primeira vez en Galicia dúas especies mariñas de augas cálidas

A detección de cinco sardinelas lombudas e un ermitán vermello grande aporta nova evidencia sobre os cambios na distribución de especies no Atlántico

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz

Un estudo alerta do declive de catro peixes migratorios en Galicia: “Ningunha das súas pesquerías é sostible”

Unha investigación recolle datos de 1997 a 2026 e certifica a drástica caída das poboacións de zamborca, lamprea, solla e anguía