Venres 26 Abril 2024

Os pirómanos non son a causa dos grandes incendios forestais


*Un artigo de

Os pirómanos non son a causa dos grandes incendios forestais. Tampouco o son as cabichas, os tendidos eléctricos, as esterqueiras nin as neglixencias agrícolas. Nin tan sequera un pirómano ten a capacidade de provocar un incendio. Estes factores só crean a ignición. Pero un incendio non é unha ignición.

Publicidade

Un gran incendio forestal resulta de mesturar, como nun cóctel, catro ingredientes: combustible (véxase comop a estrutura da vexetación), humidade,  ignición e meteoroloxía (fig. 1). E do mesmo xeito que en calquera cóctel, aquí tamén resulta importante a orde, ou a secuencia e escala temporal, de cada un destes elementos. A  ignición é o penúltimo factor e, aínda que imprescindible, a súa orixe ou causa é case anecdótica e de escasa transcendencia para o problema dos grandes incendios.

Fig. 1. Sucesión de eventos que conducen a un gran incendio forestal en base aos 4 ingredientes: acumulación de combusible (1), humidade do combustible (2), ignición (3) e condicións atmosféricas (4). Fonte: Boer MM, Nolan RH, Resco De Dios V, Clarke H, Price OF, Bradstock RA (2017), 'Changing weather extremes call for early warning of potential for catastrophic fire'. 'Earth's Future'. Imaxe achegada polo autor.
Fig. 1. Sucesión de eventos que conducen a un gran incendio forestal en base aos 4 ingredientes: acumulación de combusible (1), humidade do combustible (2), ignición (3) e condicións atmosféricas (4). Fonte: Boer MM, Nolan RH, Resco De Dios V, Clarke H, Price OF, Bradstock RA (2017), ‘Changing weather extremes call for early warning of potential for catastrophic fire’. ‘Earth’s Future’. Imaxe achegada polo autor.

Por que a fonte de ignición é pouco relevante?

O papel da causa da ignición no desenvolvemento dun incendio pode asemellarse ao da orixe dun balón para o desenvolvemento dun partido de fútbol. Isto é, o resultado do partido non se verá afectado polo país de fabricación do balón, por se foi comprado ou regalado, polo seu número de serie, etc. Outros factores, como a calidade dos xogadores, o campo ou os árbitros son moito máis importantes para determinar o marcador.

Da mesma forma, é ata certo punto indiferente se a causa da ignición é unha cabicha ou un raio: sempre se producirán ignicións, sexan da índole que sexan, e centrándonos nelas non lograremos frear os grandes incendios forestais. Isto é porque os outros tres ingredientes antes comentados son moito máis importantes para determinar a incidencia dos grandes incendios forestais. Pasamos a examinalos un a un.

Ingrediente 1: combustible

O primeiro ingrediente é a cantidade de combustible. Os incendios son raros, por exemplo, en desertos como os de Monegros ou Tabernas. Cando aí se produce unha ignición, esta non adoita prosperar, xa que a enerxía liberada pola pouca vexetación existente non sería suficiente para propagar o incendio.

Con todo, as nosas matogueiras e bosques, sexan mediterráneos ou atlánticos, albergan acumulacións notables de combustible. Calquera fronte de chama de máis de 3 metros de altura está por riba da capacidade de extinción. Por tanto, a acumulación de combustible e a súa estrutura, principalmente no sotobosque, é un dos elementos centrais que determina o potencial para que un incendio arda con gran intensidade, alén da capacidade de extinción, e se converta nun gran incendio forestal.

Ingrediente 2: humidade

As acumulacións importantes de combustible son necesarias, pero non suficientes para que se dea un gran incendio. O combustible durante a parte chuviosa do ano non está dispoñible para o lume. O combustible vai perdendo humidade durante as épocas secas e, a partir dun valor determinado de seca, cruza un limiar de dispoñibilidade que converte as masas forestais en combustible inflamable.

Cabe destacar que non nos estamos referindo á humidade das plantas, se non ao das pólas, follas e demais materia morta que se atopa na superficie do solo: a follaxe (fig. 2). Da mesma forma que para acender unha cheminea necesitamos pinas, cascas de noz ou outros combustibles finos e secos, a propagación inicial do incendio está intimamente ligada á humidade da follaxe.

Fig. 2. Humidade da follaxe o 26 de xuño de 2019, día en que empezou o gran incendio de Torre do Español en Tarragona. A humidade estaba en torno ao 8 %, un valor moi por baixo do limiar para partir do cal acontecen os grandes incendios. Fonte: À. Cunill Camprubí a partir de Nolan RH, Resco De Deus V, Boer MM, Caccamo G, Goulden ML, Bradstock RA (2016), ' Predicting dead fine fuel moisture at regional scales using vapour pressure deficit from MODIS and gridded weather data'. Achegada polo autor.
Fig. 2. Humidade da follaxe o 26 de xuño de 2019, día en que empezou o gran incendio de Torre do Español en Tarragona. A humidade estaba en torno ao 8 %, un valor moi por baixo do limiar ao partir do cal acontecen os grandes incendios. Fonte: À. Cunill Camprubí a partir de Nolan RH, Resco De Deus V, Boer MM, Caccamo G, Goulden ML, Bradstock RA (2016), ‘ Predicting dead fine fuel moisture at regional scales using vapour pressure deficit from MODIS and gridded weather data’. Achegada polo autor.

Ingredientes 3 e 4: ignición e condicións atmosféricas

Unha vez ten suficiente combustible e está o suficientemente seco, o bosque atópase en estado inflamable. Se neste momento se produce unha ignición (terceiro ingrediente), que o lume propague e se converta nun gran incendio dependerá das condicións atmosféricas dese momento (cuarto ingrediente). Aínda cando teñamos os tres primeiros ingredientes, necesitamos de condicións tales como unha vaga de calor ou altas velocidades de vento para que o incendio se propague.

Dicir que a causa dun incendio é unha esterqueira, como se dixo do incendio de Tarragona de hai dúas semanas, é un absurdo. Un incendio coma ese tamén se tería producido en calquera outro momento, aínda cando a ignición fose xerada por un tendido eléctrico en mal estado, por unha cabicha, por un raio ou por calquera outra causa.

Volvendo ao símil futbolístico, os balóns son plenamente substituíbles entre si e que usemos un ou outro non limitará o resultado dun partido de fútbol. Con todo, a lesión dun dos xogadores máis importantes si pode condicionalo. Da mesma forma, centrarse na causa da  ignición é errar o tiro xa que estas son substituíbles. Debemos centrarnos noutros aspectos.

Desmontando o cóctel: xestión forestal

Dos tres ingredientes que nos quedan, que son o combustible, a humidade e a meteoroloxía, só hai un que podamos xestionar: o combustible. Os outros dependen de factores naturais e, por tanto, pouco podemos facer sobre eles. A redución dos grandes incendios pasa, por tanto, polo tratamento e a xestión das nosas paisaxes. En que debe consistir esa xestión será o tema doutro artigo.


 

Víctor Resco de Dios é profesor e investigador de Incendios Forestais e Cambio Global na Universitat de Lleida, e Matthias Boer é profesor asociado no Hawkesbury Institute for the Environment, na Universidade Western Sydney de Australia.

*Cláusula de divulgación: Víctor Resco de Dios recibe fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e Matthias Boer recibe fondos do goberno de Gales do Sur a través do NSW Bushfire Risk Management Research Hub, e do Research Attraction and Acceleration Program; e o Bushfire and Natural Hazards Co-operative Research Centre.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

O déficit de transporte de humidade do Atlántico triplica a posibilidade de seca en Galicia

A investigación realizada na Universidade de Vigo foi publicada na revista ‘Nature Water’

As impactantes imaxes do ceo de Nova York tinguido de laranxa polos incendios en Canadá

Os aerosois que emite a queima da masa forestal dispersan a luz aínda máis, o que fai que cambie a cor do ceo

Unha tese identifica as fontes de humidade dos ciclóns tropicais

Un dos principais riscos deste fenómeno son as precipitacións intensas, que poden ocasionar inundacións e deslizamentos de terra